Martín Palermo

futbolista arxentino

Martín Palermo, nado en La Plata o 7 de novembro de 1973, é un exfutbolista e adestrador arxentino que xogaba como dianteiro.

Palermo
Información persoal
Nome Martín Palermo
Nacemento 7 de novembro de 1973
Lugar de nacemento La Plata
Altura 1,88 m.
Posición Dianteiro
Carreira xuvenil
1980–1981 Estudiantes
1984–1985 Club For Ever
1985–1992 Estudiantes
Carreira sénior
Anos Equipos Aprs (Gls)
1992–1997 Estudiantes 93 (34)
1997–2001 Boca Juniors 102 (81)
2001–2003 Villarreal 70 (18)
2003–2004 Betis 11 (1)
2004 Alavés 14 (3)
2004–2011 Boca Juniors 216 (112)
Selección nacional
1999–2010 Arxentina 15 (9)
Adestrador
2012–2013 Godoy Cruz
2014–2015 Arsenal de Sarandí
2016–2018 Unión Española
2019 Pachuca
2020–2021 Curicó Unido
2021–2022 Aldosivi
Na rede
IMDB: nm4053845 FIFA: 180583 UEFA: 58637 Editar o valor em Wikidata
Partidos e goles só en liga doméstica.

editar datos en Wikidata ]

Desenvolveu a maior parte da súa carreira no Boca Juniors, club do que é o máximo goleador histórico con 236 goles.[1] Nunha enquisa de 2008, os seguidores do equipo elixírono como o maior ídolo da historia do club.[2] Ocupa ademais o sétimo lugar entre os máximos goleadores da historia da Primeira División arxentina, con 227 goles en 408 partidos.[3]

Xogou tamén no Estudiantes de La Plata arxentino e en tres equipos españois: Villarreal, Betis e Alavés. Foi 15 veces internacional coa selección arxentina, coa que anotou 9 goles, e participou no Mundial de 2010.

Traxectoria editar

Estudiantes editar

 
Palermo en 1997, cando xogaba no Estudiantes de La Plata.

Nado en La Plata, comezou a xogar ao fútbol como gardameta na canteira do Estudiantes desa cidade, no que tamén militaba o seu irmán, na mesma posición.[4] Máis tarde pasou polo Club For Ever, onde pasou a xogar como dianteiro, marcando gran cantidade de goles.[4] De regreso no Estudiantes pasou polas diferentes categorías inferiores do club ata chegar ao primeiro equipo,[5] co que debutou na Primeira División aos 18 anos, en 1992, nun encontro ante o San Lorenzo.[5]

Custoulle nun principio acadar a titularidade, na que non se asentou ata o Torneo Apertura de 1995. No Torneo Clausura de 1996 anoto 11 goles en 19 partidos, incluíndo dous tantos ante River Plate e outros dous contra Boca Juniors. e rematou como segundo máximo goleador do torneo. Disputou un total de 90 partidos co Estudiantes, nos que marcou 34 goles.[6]

Boca Juniors (1ª etapa) editar

En 1997 foi traspasado Boca Juniors, onde coincidiu con futbolistas como Maradona, Caniggia, Riquelme ou Walter Samuel. Comezou a converterse nun ídolo da afección co segundo gol que marcou co club, o 25 de outubro dese ano, durante o Torneo Apertura, culminando unha remontada sobre o River Plate no Superclásico do fútbol arxentino (2-1).[7] No Torneo Clausura 1998 foi o terceiro máximo goleador do campionato e volveu marcar contra River. Consagrouse definitivamente durante o Torneo Apertura 1998, xa con Carlos Bianchi como adestrador. O equipo proclamouse campión de xeito invicto e Palermo foi o máximo artilleiro do campionato, con 20 goles, récord histórico da Primeira División con formato de torneos curtos.[8]

Os seus goles e as súas actuacións en partidos internacionais atraeron o interese de varios equipos europeos como a Lazio, o Betis ou o Milan.[9] Pero o 13 de novembro de 1999, o día que marcou o seu gol número 100 nun partido contra o Colón, sufriu unha rotura completa do ligamento cruzado anterior do xeonllo dereito.[10] Era naquel momento o máximo goleador do campionato Apertura, con 14 goles en 13 partidos, pero coa lesión acabou sendo superado por Javier Saviola. Ademais frustrouse o seu pase á Lazio, que xa estaba case pechado.[11]

Despois de seis meses de baixa, reapareceu o 24 de maio de 2000, nos cuartos de final da Copa Libertadores contra o River Plate, marcando un dos goles do seu equipo (3-0). Un mes despois disputou a final da competición continental fronte ao Palmeiras e converteu un dos lanzamentos na quenda de penaltis que decidiu o partido a favor do equipo arxentino. Ese mesmo ano conquistou en Toquio a Copa Intercontinental contra o Real Madrid (2-1), marcando os dous goles do equipo, e foi elixido mellor xogador do partido.[12]

Villarreal editar

En xaneiro de 2001 foi traspasado por máis de 7 millóns de euros ao Villarreal, equipo que viña de ascender á Primeira División de España.[13] Titular indiscutible no equipo de Víctor Muñoz, xogou 17 encontros ata o final da tempada, marcando 6 goles.

Na súa segunda tempada co equipo, despois de marcar un gol contra o Levante, achegouse á bancada do Ciutat de València para celebralo cos seareiros do Villarreal, cando un muro de formigón se derrubou baixo o peso da afección e lle rompeu ao xogador tanto a tibia como o peroné da perna esquerda.[14] Tras uns meses de inactividade, volveu aos terreos de xogo e militou no club ata o verán de 2003, pero nunca chegou a recuperar a forma física anterior.[15] Pechou o seu paso polo club amarelo con 81 encontros oficiais e 21 goles.

Betis e Alavés editar

A continuación asinou un contrato co Real Betis,[16] pero non chegou a rematar a tempada, pois abandonou o club en marzo de 2004, despois de ter un pobre rendemento. Fichou entón polo Alavés, da Segunda División, onde xogou tres meses, disputando 14 partidos e marcando 3 tantos.[17]

Boca Juniors (2ª etapa) editar

En xullo de 2004, despois de tres anos e medio en España, regresou ao seu país e ao Boca Juniors.[18] O 17 de decembro marcou o seu gol número 100 con Boca na final da Copa Suramericana de 2004, que o seu equipo conquistou diante do Bolívar boliviano.[19] De novo en plena forma, mantívose como un dos mellores goleadores da liga arxentina, marcando 11 goles en cada un dos torneos Clausura 2006, Apertura 2006 e Clausura 2007, sendo no terceiro deles o máximo goleador do campionato. O 18 de marzo de 2007 marcou catro goles na vitoria por 5-1 contra o Gimnasia de la Plata.

No torneo Apertura 2007 continuou entre os máximos goleadores da liga, con 13 tantos. O 16 de setembro dese ano, volveu marcar catro goles nun partido, desta vez na vitoria por 6-0 contra Banfield. Durante o torneo de Apertura de 2008 sufriu outra grave lesión, danando o ligamento cruzado anterior e rompendo o ligamento colateral medial na vitoria por 2-1 ante o Lanús.

 
Palermo durante o Trofeo Joan Gamper 2008.

Tras varios meses de baixa, volveu aos terreos de xogo en 2009, e o 1 de marzo marcou o seu primeiro gol trala lesión, na vitoria por 3-1 sobre o Huracán. Este foi o seu 195º gol co Boca Juniors, batendo o récord de Francisco Varallo de 194 tantos na etapa profesional.[20] Dous meses despois marcou cunha chilena o seu 200º gol co club xeneize, na vitoria por 3-0 ante o Deportivo Táchira na Libertadores.[21] Durante o Apertura de 2009 marcou diante de Vélez Sársfield un gol de cabeza dende case 40 metros, que fixo o seu 200º gol na Primeira División, ademais de ser o gol de cabeza anotado dende máis lonxe na historia da competición.[22]

En xullo de 2010, con 36 anos de idade, renovou o seu contrato co Boca Juniors por un ano máis e anunciou que se retiraría ao finalizar o mesmo.[23] O 19 de setembro de 2010 anotou o sexto triplete da súa carreira nunha vitoria por 3-1 sobre Colón.[24] O 13 de decembro de 2010 marcou o gol número 300 da súa carreira no partido final do Apertura de 2010 contra o Gimnasia de La Plata.[25]

Palermo acadou un status de futbolista de lenda nos seus últimos anos no Boca Juniors,[26] grazas aos seus numerosos e memorables goles tanto co club como coa selección arxentina. O 12 de xuño de 2011 xogou o seu último partido na Bombonera,[27] e foi homenaxeado polo club, recibindo varios agasallos, entre eles unha das porterías do estadio.[28]

O 18 de xuño de 2011 disputou o seu derradeiro partido como futbolista, no empate 2-2 contra o Gimnasia de La Plata. No último minuto do partido asistiu de cabeza para o gol de Christian Cellay que empataba o partido.[29]

Selección nacional editar

Foi 15 veces internacional coa selección arxentina, coa que marcou 9 goles. Debutou en 1999 e ese mesmo ano participou na Copa América, na que chegou a fallar tres penaltis nun mesmo partido ante Colombia. Trala disputa do torneo non volveu vestir a camiseta albiceleste durante a seguinte década. Aínda que a súa carreira internacional parecía ter rematado, en 2008 o seleccionador arxentino Alfio Basile declarou que estivera considerando incluír de novo a Palermo na selección xusto antes da grave lesión deste.

Finalmente en 2010 o novo seleccionador Diego Armando Maradona volveuno convocar para a selección e deulle entrada na segunda parte dun partido contra Paraguai correspondente á clasificación para a Copa do Mundo.[30] Un par de semanas despois foi titular nun amigable contra Ghana, marcando os dous goles do seu equipo, que venceu por 2-0.[31] No seguinte encontro, clasificatorio para o Mundial, marcou contra o Perú o gol da vitoria no minuto 93 (2-1), sendo descrito por Maradona como "un milagre máis de San Palermo".[32][33]

O 19 de maio de 2010 foi incluído na lista final de 23 xogadores da selección arxentina para o Mundial de 2010 en Suráfrica.[34] Debutou no certame mundial no último partido da fase de grupos contra Grecia, substituíndo nos minutos finais a Diego Milito e marcando o segundo gol arxentino tras aproveitar o rexeitamento dun disparo de Lionel Messi (0-2).[35] Este gol converteu a Palermo no futbolista arxentino de maior idade en marcar nun Mundial, unha honra que antes tiña o propio Maradona.[36]

Como adestrador editar

O 26 de novembro de 2012 foi anunciado como substituto do adestrador do Godoy Cruz, Omar Asad, que viña de dimitir polos malos resultados. Obtivo o 14º posto no Torneo Inicial e o sétimo posto no Torneo Final. Dirixiu o club ata o final da tempada 2012/13. Entre 2014 e 2015 adestrou o Arsenal de Sarandi, obtendo un noveno posto na Primeira División. Dimitiu do cargo na súa segunda campaña, o 19 de abril de 2015.

O seu seguinte equipo foi o Unión Española chileno. Na súa primeira tempada, 2016/17, rematou como subcampión da Primeira División. Con todo, foi destituído na segunda, en novembro de 2018, debido aos malos resultados.[37] Posteriormente pasou polos bancos do Pachuca mexicano, do Curicó Unido chileno e do Aldosivi arxentino.[38][39]

Palmarés editar

Estudiantes
Boca Juniors

Notas editar

  1. "Máximos goleadores da historia do Boca Juniors". historiadeboca.com.ar (en castelán). Consultado o 12 de setembro de 2022. 
  2. "Palermo es más ídolo de Boca que Riquelme". Infobae (en castelán). 24 de setembro de 2008. Consultado o 12 de setembro de 2022. 
  3. "Martín Palermo – Goals in Argentina League". rsssf.org (en inglés). Consultado o 12 de setembro de 2022. 
  4. 4,0 4,1 Casas, Gabriel; Rémoli, Christian. "Capítulo 1: De arco a arco" (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 30 de maio de 2010. Consultado o 17 de setembro de 2022. 
  5. 5,0 5,1 "Inicios en Estudiantes" (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 13 de marzo de 2009. Consultado o 17 de setembro de 2022. 
  6. "Sus goles..." (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 26 de maio de 2010. Consultado o 17 de setembro de 2022. 
  7. "El bautismo de Palermo contra River". El Gráfico (en castelán). 21 de abril de 2009. Consultado o 17 de setembro de 2022. 
  8. "Martín Palermo, una historia de goles, un destrozador de redes y un 'loco' genial" (en castelán). 13 de abril de 2010. Consultado o 17 de setembro de 2022. 
  9. Redacción (12 de novembro de 1999). "Palermo, en la mira de todos". lanacion.com.ar (en castelán). Consultado o 12 de setembro de 2022. 
  10. "Palermo: "La gente me dice que estoy tocado por la varita mágica"". La Nación (en castelán). 14 de novembro de 2000. Consultado o 12 de setembro de 2022. 
  11. "Sí, es verdad" (en castelán). 13 de xaneiro de 2001. Arquivado dende o orixinal o 5 de marzo de 2016. Consultado o 17 de setembro de 2022. 
  12. "Toyota Cup - Most Valuable Player of the Match Award". rsssf.org (en inglés). Consultado o 12 de setembro de 2022. 
  13. "La presentación de Palermo desató la locura en Villarreal". La Nación (en castelán). 19 de xaneiro de 2001. Consultado o 12 de setembro de 2022. 
  14. "Palermo se lesiona de gravedad al celebrar un gol". El País (en castelán). 29 de novembro de 2001. Consultado o 12 de setembro de 2022. 
  15. "Martín Palermo rescindió su contrato con Villarreal". La Nación (en castelán). 20 de agosto de 2003. Consultado o 12 de setembro de 2022. 
  16. "Palermo firmó contrato con Betis de España. 21 de agosto de 2003". La Nación (en castelán). 21 de agosto de 2003. Consultado o 12 de setembro de 2022. 
  17. "Martín Palermo llegó a Alavés para demostrar que es "un buen jugador"" (en castelán). 13 de marzo de 2004. Consultado o 12 de setembro de 2022. 
  18. "Terminó la novela: Palermo vuelve a Boca". La Nación (en castelán). 13 de xullo de 2004. Consultado o 12 de setembro de 2022. 
  19. "Palermo, el gol 100 y un festejo especial". La Nación (en castelán). 18 de decembro de 2004. Consultado o 12 de setembro de 2022. 
  20. Schiavo, Francisco (2 de marzo de 2009). "La historia le pertenece a Palermo". La Nación (en castelán). Consultado o 2 de marzo de 2009. 
  21. "Palermo hace historia con Boca haciendo su gol 200". Marca (en castelán). 1 de maio de 2009. Consultado o 12 de setembro de 2022. 
  22. Tagliaferri, Guillermo (4 de outubro de 2021). "A 12 años del golazo de cabeza de Martín Palermo desde mitad de cancha" (en castelán). Consultado o 12 de setembro de 2022. 
  23. "Palermo confirma su retirada de los terrenos en junio" (en castelán). 17 de decembro de 2010. Consultado o 12 de setembro de 2022. 
  24. "'Hat trick' del incombustible Palermo". El Mundo (en castelán). 20 de setembro de 2010. Consultado o 12 de setembro de 2022. 
  25. "“Me voy un poco triste por lo que fue el año”" (en castelán). 14 de decembro de 2010. Consultado o 12 de setembro de 2022. 
  26. "Three titles decided, Palermo signs off". FIFA (en inglés). 13 de xuño de 2011. Arquivado dende o orixinal o 21 de xuño de 2011. Consultado o 12 de setembro de 2022. 
  27. "A 9 años de la despedida de la Bombonera del 9: Martín Palermo, la leyenda de Boca" (en castelán). 12 de xuño de 2020. Consultado o 12 de setembro de 2022. 
  28. "Palermo se despide en La Bombonera". FIFA (en castelán). 13 de xuño de 2011. Arquivado dende o orixinal o 18 de xuño de 2011. Consultado o 12 de setembro de 2022. 
  29. González, Diego (18 de xuño de 2020). "El último partido de Palermo: cuando mandó a la Promoción a Guillermo" (en castelán). Consultado o 12 de setembro de 2022. 
  30. ""Martín, fuiste vos": el día que Palermo salvó a la Argentina de Maradona" (en castelán). 4 de outubro de 2017. Consultado o 12 de setembro de 2022. 
  31. "Argentina derrota a Ghana y Palermo agranda su leyenda". As (en castelán). 1 de outubro de 2009. Consultado o 12 de setembro de 2022. 
  32. "Video: A diez años del mítico gol de Martín Palermo a Perú, cómo se vivió desde la tribuna" (en castelán). 17 de out. de 2019. Consultado o 12 de setembro de 2022. 
  33. "Maradona: "Fue un milagro más de San Palermo"" (en castelán). 10 de outubro de 2009. Consultado o 12 de setembro de 2022. 
  34. "Te llevo al Mundial" (en castelán). 20 de maio de 2010. Consultado o 12 de setembro de 2022. 
  35. Fletcher, Paul. "Greece 0-2 Argentina" (en inglés). Consultado o 12 de setembro de 2022. 
  36. "Una película sin fin" (en castelán). 22 de xuño de 2010. Arquivado dende o orixinal o 26 de xuño de 2010. Consultado o 12 de setembro de 2022. 
  37. "Chile's Union Española parts ways with manager Palermo" (en inglés). 4 de novembro de 2018. Consultado o 12 de setembro de 2022. 
  38. "Boca Juniors legend Martin Palermo named new manager at Pachuca". ESPN (en inglés). 22 de xaneiro de 2019. Consultado o 12 de setembro de 2022. 
  39. "The results were not given and Martín Palermo resigned in Curicó Unido" (en inglés). 26 de xullo de 2021. Consultado o 17 de setembro de 2022. 

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar