Manuel Lesteiro Martínez
Manuel Lesteiro Martínez, nado o 18 de marzo de 1867 e finado en Pontevedra o 27 de marzo de 1943, foi un industrial e político galego.
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 18 de marzo de 1867 |
Morte | 27 de marzo de 1943 (76 anos) Pontevedra, España |
Alcalde de Pontevedra | |
1928 – 1928 ← Mariano Hinojal Olmedo – Remigio Hevia Marinas → | |
Actividade | |
Ocupación | político, xastre |
Familia | |
Fillos | Raquel Lesteiro López, Manuel Lesteiro López |
Traxectoria
editarLogo de formarse como xastre na Habana, Nova York, Barcelona e Madrid, asentouse en Pontevedra a finais do século XIX.[1] Propietario da Sastrería Lesteiro, a máis antiga xastraría de Pontevedra e un dos lugares habituais de faladoiro intelectual da cidade no primeiro terzo do século XX,[2] foi membro directivo da Sociedade Económica de Amigos do País de Pontevedra[3] e tesoureiro da Cámara de Comercio.[4] Distinguido pola súa erudición,[5] desenvolveu a súa actividade política entre 1924 e 1930 como Tenente de Alcalde, Concelleiro Delegado de Ensino e membro da Comisión Permanente do Concello de Pontevedra,[6] ademais de membro da Comisión de Instrución Pública, da Xunta Provincial de Ensino e da Comisión de Construcións Escolares.[7] Entre febreiro de 1927 e outubro de 1928, as repetidas ausencias de Mariano Hinojal levárono a exercer durante máis de catro meses como alcalde en funcións, chegando pouco despois a ocupar a alcaldía da cidade ininterrompidamente desde o 14 de outubro,[8] tras a marcha de Hinojal, ata a elección o 4 de decembro de 1928 de Remigio Hevia, con quen mantivo os seus anteriores cargos edilicios.[9]
Como Concelleiro Delegado de Ensino, comisionou a confección do primeiro padrón escolar de todas as localidades do concello,[10] e adiantándose á visión política da época emprendeu a complexa transición das escolas voluntarias municipais ás escolas estatais, o que permitiu un mellor aproveitamento dos fondos locais destinados ao ensino. Froito da súa xestión, triplicouse o número de escolas do municipio[11] e duplicouse o orzamento de Instrución Pública entre 1924 e 1928,[12] acordouse o traslado da Escola Normal de Mestras, e consumouse a esperada inauguración do novo edificio do Instituto na avenida de Montero Ríos, en presenza do rei Afonso XIII.[13] En funcións de Alcalde de Pontevedra, participou xunto con Daniel de la Sota e o marqués de Riestra no tramo decisivo das negociacións para a construción do Ferrocarril Central Galego.[14]
Predecesor: Mariano Hinojal Olmedo |
Alcalde de Pontevedra 1928 |
Sucesor: Remigio Hevia Marinas |
Vida persoal
editarCasou coa mestra Ramona López Franco e foi pai do lingüista Manuel Lesteiro López e de Raquel Lesteiro López, directora do Arquivo Histórico Provincial de Pontevedra, ademais de sogro do historiador Ramón Iglesia Parga[15] e avó político do poeta Gregorio San Juan.[16]
Notas
editar- ↑ "Noticias". Progreso. 8 de outubro de 1915. p. 3.
- ↑ "Pontevedra". El Pueblo Gallego (en español). 9 de agosto de 1931. p. 9.
- ↑ "Pontevedra al día". El Pueblo Gallego (en español). 27 de decembro de 1930. p. 7.
- ↑ "Noticias de Pontevedra". El Pueblo Gallego (en español). 1 de abril de 1924. p. 7.
- ↑ "El último Pleno". La Libertad (en español). 22 de xaneiro de 1925. p. 3.
- ↑ "En el Ayuntamiento". Progreso (en español). 18 de setembro de 1924. p. 3.
- ↑ "Noticias". Progreso (en español). 9 de setembro de 1928. p. 3.
- ↑ "Ayer dimitió todo el Ayuntamiento". Progreso (en español). 14 de outubro de 1928. p. 3.
- ↑ "Ayer se constituyó el nuevo Ayuntamiento". El Pueblo Gallego (en español). 5 de decembro de 1928. p. 10.
- ↑ "Noticias". Progreso (en español). 8 de xuño de 1924. p. 3.
- ↑ "La enseñanza y los maestros". El Pueblo Gallego (en español). 23 de novembro de 1928. p. 2.
- ↑ "La labor del Ayuntamiento". Progreso (en español). 17 de outubro de 1928. p. 1.
- ↑ "Pontevedra dispensa a los Reyes una cariñosa acogida". Progreso (en español). 28 de setembro de 1928. p. 2.
- ↑ "Pro Ferrocarril Central Gallego". El Diario de Pontevedra (en español). 26 de novembro de 1928. p. 1.
- ↑ "Pontevedra". El Correo de Galicia (en español). 5 de agosto de 1928. p. 13.
- ↑ Bernardo Estornés Lasa, ed. (2011). "San Juan García, Gregorio". Auñamendi Eusko Entziklopedia (en español).