Máximo de Zamudio

Máximo Zamudio, nado en Buenos Aires (Vicerreinado do Río da Prata) o 25 de setembro de 1787 e finado na Paz (Bolivia) o 17 de decembro de 1847, foi un militar arxentino que loitou contra as Invasións Inglesas e a prol da emancipación da súa patria. Tras sumarse ao Exército dos Andes, participou da Expedición libertadora do Perú, e acabou por integrarse no exército desa república.

Infotaula de personaMáximo de Zamudio
Biografía
Nacemento25 de setembro de 1787 Editar o valor em Wikidata
Buenos Aires, Arxentina Editar o valor em Wikidata
Morte17 de decembro de 1847 Editar o valor em Wikidata (60 anos)
A Paz, Bolivia Editar o valor em Wikidata
Datos persoais
País de nacionalidadeArxentina Editar o valor em Wikidata
Actividade
Ocupaciónlíder militar Editar o valor em Wikidata
Carreira militar
LealdadeProvincias Unidas do Río da Prata Editar o valor em Wikidata

Traxectoria editar

Naceu en Buenos Aires, cidade integrada daquela no Vicerreinado do Río da Prata, parte do imperio español. Foi fillo de Estanislado Zamudio e Juana Echevarría.

Distinguiuse como soldado nas invasións inglesas de 1806 e 1807 ao Vicerreinado do Río da Prata, tras o que continuou prestando servizo na gornición de Buenos Aires. Durante a asonada de Álzaga o 1 de xaneiro de 1809 enfrontou un grupo de insurxentes, polo que foi ascendido a portaestandarte do Escuadrón de Húsares.

Uniuse á Revolución de Maio de 1810 e formou parte da Primeira expedición auxiliadora ao Alto Perú que, comandada polo coronel Francisco Ortiz de Ocampo, marchou ás provincias para promover a causa revolucionaria. En agosto desempeñábase como axudante maior do 2º escuadrón do Rexemento de Húsares do Rei. Baixo o mando do tenente coronel Antonio González Balcarce participou na Batalla de Suipacha como axudante de ordes de Juan José Castelli, representante da Primera Junta.

Polo seu desempeño foi nomeado capitán do seu rexemento, renomeado como Dragones Ligeros del Perú. Continuou como axudante de Castelli na batalla de Huaqui e na posterior retirada a Jujuy. Continuou no Exército do Norte até que o 18 de agosto de 1812 foi capturado xunto co seu irmán Juan Francisco no encontro de Cabeza de Buey, polo que non estivo presente nas vitorias de Tucumán e Salta. Tras o triunfo patriota na batalla de Salta, o 21 de marzo de 1813 foi liberado en Oruro por José Manuel de Goyeneche.

Foi ascendido a sarxento maior co grao de tenente coronel do Rexemento de Cabalaría de Línea del Perú, e estivo presente nas batallas de Vilcapugio e Ayohuma. Tras o repregamento a Jujuy, Zamudio foi posto por Manuel Belgrano a cargo do Rexemento de Dragóns na Quebrada de Humahuaca.

O 5 de decembro de 1814 foi ascendido a tenente coronel efectivo de cabalaría de liña. Tras ser licenciado en 1815, regresou a Buenos Aires e foi agregado ao estado maior.

En 1819 incorporouse en Chile ao exército do xeneral José de San Martín e participou na campaña ao Perú. Tras o seu termo, en 1822 estabeleceu en Lima un comercio provendo vestimentas e armas ao exército, especialmente ao Rexemento Río da Prata.

Incorporouse ao exército peruano, onde alcanzou en 1839 o grao de xeneral de división. Fincouse logo como mineiro en Corocorco, Departamento da Paz, e finou na Paz o 17 de decembro de 1847.

Tivo cando menos dous fillos, Mariano e Adolfo.

Unha rúa de Buenos Aires leva o seu nome, no barrio de Villa del Parque.

Foi avó da poeta cochabambina Adela Zamudio, filla de Adolfo.

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • Vicente Osvaldo Cutolo, Nuevo diccionario biográfico argentino (1750-1930), Editorial Elche, 1968.
  • Yaben, Jacinto R., Biografías argentinas y sudamericanas, 1938
  • Paz, José María, Memorias, Ed. Emecé, Bs. As., 2000
  • Buenos Aires: Historia de las calles y sus nomes. Vicente Osvaldo Cutolo. Editorial Elche. Buenos Aires, 1994. Vol I e II. ISBN 950-99212-0-3.