Literatura comparada

A literatura comparada é unha disciplina dos estudos literarios que concibe e trata as diferentes correntes literarias como manifestacións dun mesmo fenómeno cultural, procurando pór de manifesto o fondo común que subxace ás diversas interaccións que se establecen entre elas[1]. Con todo, a literatura comparada non só se interesa polo ámbito literario, senón que tamén estuda as relacións con outras áreas de coñecemento coma as artes (pintura, escultura, arquitectura, música), a filosofía, a historia, as ciencias sociais, ciencias experimentais ou relixión[2].

Denominación editar

A expresión en lingua galega, igual ca noutras linguas románicas, é un calco da orixinal en francés, «Littérature comparée»; non obstante, noutras linguas prefírese usar o adxectivo nunha forma activa no canto de pasiva, como no inglés, «Comparative Literature» (Literatura comparativa) ou o alemán, «Vergleichend». A preferencia polo adxectivo «comparée» foi determinada cara a 1868 por Charles Augustin Sainte-Beuve[3]

Ámbitos de interese editar

Nos últimos tempos veuse sinalando como liña de actuación primordial para a disciplina o estudo das relacións xerárquicas entre metatextos translingüísticos, usando un modelo hipotético-dedutivo e tendo en conta que esas relacións se establecen entre sistemas e subsistemas dominados por normas e tendencias[4].

De igual modo, veuse insistindo en que é necesario abandonar unha visión singularista dos textos literarios para pasar a integralos no contexto do sistema da comunicación literaria, considerando tamén factores coma as distintas condicións de produción, recepción etc. Así, a lista de materias obxecto de interese podería incluír elementos coma as influencias recíprocas entre as literaturas modernas, a relación da literatura e outros ámbitos do saber, o estudo comparado da métrica, a estilística e a poética, a análise comparativa das estruturas e os problemas da tradución, o estudo da influencia e da imitación, a recepción e o efecto, e mais a análise comparativa da periodización histórico-literaria e a comparación de xéneros, formas e temas.

A literatura comparada presta atención tanto aos distintos trasfondos que comparten as distintas literaturas, coma a pegada grecolatina na literatura europea, o tratamento diverso dos mesmos temas e mitos literarios e a materialización dos xéneros literarios, como á imaxe que se reflicte nas distintas literaturas de culturas alleas, maioritarias ou minoritarias, fixándose de forma especial, por exemplo, nos relatos de viaxes e nos procesos de tradución.

Historia editar

Os antecedentes da literatura comparada aparecen no século XVIII, vinculados ás historias da literatura universal que se escribiron entón e ligados tamén ao nacemento do comparatismo lingüístico. A finais de século instituíuse nalgunhas universidades francesas o estudo da comparación entre as literaturas europeas antigas e modernas.

As historias universais tiñan como propósito historiar a literatura supranacionalmente, e aínda que entre elas houbo múltiples diferenzas de enfoque, adoitaban afrontar as distincións entre as culturas nacionais, empezando polas linguas. As dúas obras máis representativas deste tipo foron a do xesuíta español Juan Andrés (Dell'origine, dei progressi e dello stato attuale d'ogni letteratura, 1772-1782, en sete volumes) e a do italiano Carlo Denina (Discorso sopra le vicende della letteratura, 1760/1784-85, en dous volumes na súa segunda edición).

Século XIX editar

A literatura comparada nace como disciplina institucional nas décadas de 1820-1830, se ben aínda moi ligada á Historia da literatura. O seu nacemento ten os seus alicerces no nacionalismo literario, a perspectiva comparatista en distintos ámbitos do coñecemento, o positivismo de Hippolyte Taine e o modelo darwinista de explicación da historia literaria de Ferdinand Brunetière. Así, o nacionalismo literario, consecuencia do romanticismo, foi a un tempo impulsor e freo para a existencia da Literatura comparada, porque ao reivindicar a liberdade creativa individual, por un lado, minimizou a relevancia teórica do continuum literario baseado na poética e a retórica clásicas, pero, por outro, propiciou que desde cada particularismo literario se puidese establecer unha comparación entre eles na procura de parecidos e diferenzas[5]. O contexto cultural comparatista (antropoloxía, lingüística comparada, anatomía...) proporcionou a base metodolóxica para intentar superar a limitación do estudo literario centrado en textos dunha soa lingua ou dunha única nación-estado. Os primeiros proxectos de literatura comparada consideraban insuficiente limitar as investigacións segundo as fronteiras nacionais, entendendo que se debían estudar as influencias, as relacións artísticas, os trazos comúns e diferenciais, os intercambios entre literaturas, a relación entre vida social e produción literaria e a evolución supranacional dos xéneros literarios ou dos movementos e correntes. Amais, o primeiro comparatismo desenvolveuse nun medio cultural dominado polo modelo metodolóxico das ciencias naturais (o chamado paradigma biolóxico da literatura comparada), polo evolucionismo darwinista e polo determinismo de Taine.

Por outra banda, o século XIX trouxo novas propostas de historias universais e europeas, destacando as obras de Germaine de Staël (De la littérature, 1800) e de Friedrich Schlegel (Geschichte der alten und neuen Literatur, 1815. A primeira reflicte un camiño de progreso no moral, cultural e estético, e a segunda busca expoñer que a literatura europea é unha expresión das facultades espirituais das distintas sociedades. Tamén da primeira metade do século XIX son os primeiros exemplos canónicos de literatura comparada, como froito do posromanticismo e como unha expresión singular da historia da literatura. Os pioneiros foron Jean-Jacques Ampère e Abel-François Villemain. Ampère tivo un papel fundamental cun discurso pronunciado no Ateneo de Marsella o 12 de marzo de 1830, no que apelou á necesidade dunha historia comparativa das artes e as letras en todos os pobos, da que, á súa vez, podería xurdir unha filosofía da literatura e as artes. Ampère escribiu Histoire de la littérature française au moyen-âge, comparée aux littératures étrangères (1841). Villemain foi autor do Cours de litterature française (1840), onde vincula as literaturas de Francia, Italia e España. Tamén en 1835 Philarète Chasles impartiu un curso sobre literatura estranxeira e comparada.

Estes primeiros traballos consistían en expor o modo en que se individualizaban en cada literatura europea os temas, motivos, mitos e formas literarias comúns da cultura europea medieval, insistindo especialmente nas débedas entre esas literaturas. Tratábase, pois, dunha disciplina histórico-positivista orientada ao estudo das relacións internacionais das literaturas nacionais da Europa occidental.

A finais do século XIX tivo lugar a consolidación institucional e o recoñecemento académico da literatura comparada. Publicáronse as primeiras monografías, creáronse as primeiras cátedras universitarias (Universidade de Nápoles, 1861; Universidade Harvard, 1890; Universidade de Lión, 1897), fundáronse as primeiras revistas (Acta comparationis litterarum universarum, 1877; Zeitschrift für vergleichende Literaturgeschichte, 1886), apareceron os primeiros textos programáticos, os primeiros departamentos especializados na materia (Universidade de Columbia, 1899) e as primeiras bibliografías (Francia, 1900) e congresos (París, 1899).

Desde entón, os estudos comparativos tomaron dous enfoques. O ámbito francés resalta o elemento histórico, privilexiando as relacións directas ou causais entre obras e autores sobre a coincidencia en xéneros, correntes ou estilos. O ámbito estadounidense céntrase no elemento teórico, buscando converxencias máis ca relacións, e así atende á posible polixénese das expresións literarias, sen que haxa unha relación aparente entre elas.

Século XX editar

En 1903 Benedetto Croce publicou un artigo considerado como a primeira demolición intelectual da literatura comparada, pero ao tempo indispensable para a súa historia. Criticaba a posibilidade de fundamentar unha disciplina na mera práctica da comparación e a súa aposta por que a Historia da literatura podía incorporar con naturalidade o comparatismo.

A literatura comparada tivo un gran desenvolvemento no período de entreguerras, en parte porque subxacía a crenza de que o estudo comparativo de diferentes literaturas podía ser unha garantía de entendemento e comprensión entre pobos de Europa e que iso podería axudar a evitar outra guerra. Desa época son as obras de Paul Hazard (La crise de la conscience européenne 1680-1715, 1934), Erich Auerbach (Mimesis. Dargestellte Wirklichkeit in der abendländischen Literatur, 1946), Ernst Robert Curtius (Europäische Literatur und Lateinische Mittelalter, 1948) e Mihály Babits (Az európai irodalom története, 1935).

A obra de Hazard entraría máis ben no xénero da historia da cultura, pois parte da análise de textos literarios (aínda que non só) para dar conta do devir da civilización occidental. Auerbach analiza o cambio de perspectiva sobre a realidade desenvolvida desde Homero até Virginia Woolf. Curtius procurou descubrir os alicerces da literatura europea, descompoñéndoos nas súas distintas formas: xéneros, motivos, fórmulas..., e non como nos outros casos seguindo unha historia convencionalmente cronolóxica. Babits, pola súa banda, defende a existencia dunha corrente literaria universal da que derivan as literaturas nacionais.

A segunda guerra mundial abriu aos Estados Unidos o coñecemento das linguas e culturas non só de Europa, senón tamén de África e Asia, e provocou a proliferación de departamentos universitarios de literatura comparada. Durante a guerra fría a disciplina estendeuse polos países de Europa do leste. En 1954 creouse en Oxford a Asociación Internacional de Literatura Comparada (en inglés, ICLA), que celebrou o seu primeiro congreso en Venecia en 1955.

En 1973 apareceu o primeiro volume da Histoire comparée des littératures de langues europeennes/Comparative History of Literature in European Languages, un proxecto colectivo que nacía trala crise estruturalista e que foi incorporando ideas da estética da recepción de Hans-Robert Jauss. Esta visión intentaba atender a consideración dos termos clásicos da historia literaria desde un punto de vista estético, e estudar a exposición dos cambios de recepción das obras entre o seu momento de publicación e os seus distintos momentos históricos de lectura.

Nas últimas décadas veuse desenvolvendo o novo paradigma. Na década de 1990 entrou en decadencia o eurocentrismo que até entón fora inherente ao estudo comparado da literatura, e con el as categorías tradicionais da narración histórica e a concepción da historia da literatura como un sistema aberto.

Notas editar

  1. Armando Gnisci (comp.), Introducción a la literatura comparada, páxs. 10 e 23 (en castelán).
  2. Henry H. H. Remak, apud. Darío Villanueva, "Literatura comparada y Teoría de la literatura", páx. 106 (en castelán).
  3. M. J. V., «Introducción», en Mª José Vega e Neus Carbonell, La literatura comparada: Principios y métodos, páx. 13 (en castelán).
  4. Pierre Swiggers, "A New Paradigm for Comparative Literature", Poetics Today, 3, 1982, páxs. 181-194; apud. Ánxo Abuín González, "Dimensións teórico-críticas do novo comparatismo", páxs. 106-107.
  5. Dario Villanueva, "Literatura comparada y Teoría de la literatura", páx. 100.

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • Casas, Arturo (coord; 2004): Elementos de crítica literaria, Xerais, Vigo.
  • Gnisci, Armando (comp; 2002): Introducción a la literatura comparada. Crítica, Barcelona.
  • Villanueva, Darío (1994): Curso de teoría de la literatura. Taurus, Madrid.