Lingua gaélica de Galloway

O gaélico de Galloway é un dialecto goidélico xa extinto que se falaba na Escocia suroccidental. Falábano os reis independentes de Galloway na súa época e polo pobo de Galloway e o Carrick ata inicios da época moderna. En tempos tamén se falaba en Annandale e Strathnith. Pouco ficou deste dialecto, de xeito que é algo incerto a súa relación cos outros dialectos goidélicos.

Non debe ser confundido con formas do gaélico irlandés falado no Condado de Galway en Irlanda, cuxo xentilicio en inglés é galwegian, de xeito que coincide co que nesa mesma lingua se aplica a Galloway.

Historia e extensión editar

A gaelización de Galloway e Carrick occorriu a expensas do inglés antigo e britónico. O irlandés antigo pode ser atopados nos Rhins de Galloway desde polo menos o século V. Descoñécese bastante do seu desenvolvemento e extensión. The gaelización do país foi completada probabelmente no século XI, aínda que hai quen suxire datas máis temperás como os comezos do século IX. O principal problema é que non hai rexistrado desprazamento de pobos ningún nas fontes históricas, de xeito que hai que o reconstruír a partir de cousas como os topónimos. Segundo os estudos toponímicos de W.F.H. Nicolaisen, antes na Universidade de Edimburgo, a capa máis antiga está representada polos topónimos co prefixo Sliabh- (a miúdo anglicizado Slew- ou Sla(e-) e Carraig (= un posto de pesca; anglicizado as Carrick). Isto podía facer o asentamento aproximadamente contemporáneo do de Dál Riata. Os Gall-Gaidhel (o nórdico gaélico), que deu o seu nome ao territorio parece que se asentaron nos séculos IX e X. Moitos dos líderes do asentamento podían ser falantes de nórdico, pero isto non parece que acadase a mesma extensión noutras rexións gaélico-nórdicas, como en parte das Hébridas e Sutherland-Caithness.

É bastante posíbel que mesmo nunha data tan tardía como no século XII o cúmbrico (unha lingua britónica relacionada co galés) se falase aínda en Annandale e baixo Strathnith (onde un home chamado Gille Cuithbrecht tiña o alcuño gaélico Bretnach [=’galés’]), pero estas áreas parece que se gaelicizaron ao final dese século. Tamén sobreviviron un par de termos xurídicos en documentos medievais. A datación do falecemento do cúmbrico nesta rexión e máis complicada de establecer mesmo cá do gaélico.

O límite oriental probábel desta lingua foi o Annan. Sospéitase isto porque tras esta fronteira desaparecen moi rapidamente os topónimos gaélicos, aínda que tamén aparecen un feixe de nomes gaélicos en Cumbria. No norte estaba probabelmente separado doutros dialectos escoceses no século XIV, ou mesmo no XIII.

Cultura editar

Os falantes do gaélico de Galloway na época medieval, aos que erroneamente Richard of Hexham chamou pictos, tiñan unha terríbel reputación. Eran os bárbaros por excelencia das crónicas inglesas setentrionais, aos que se lles adxudicaba, entre outras cousas, arrincar nenos do ventre da súa nai. Conta Walter de Guisborough en 1296 que durante unha incursión contra o Priorado de Hexham, os de Galloway baixo o mando de William Wallace profanaron o templo de San André, cortáronlle a cabeza á estatua do santo e botaron as reliquias ao lume.

Foi quizais esta reputación de salvaxes que tiñan os de Galloway en Inglaterra e Lothian a que fixo que nacese o mito de Sawney Bean (nótese o apelido ou alcuño gaélico).

Malia ser Galloway unha rexión periférica de Escocia ata 1234, como consecuencia da rebelión de Gille Ruadh e a disolución dos señoríos, Galloway e os convertéronse en críticos. En moitas maneiras, as guerras escocesas de independencia eran só unha guerra civil de Galloway, cos Bruce, sucesores de Gilla Brigte mac Fergusa, e os Balliol, sucesores de Uchtred mac Fergusa.

No señorío franco-gaélico posterior a 1234 houbo numerosos grupos familiares poderosos (clans), por exemplo, os MacLellan, os MacDowall e os Kennedy de Carrick. Probabelmente era a través de grupos semellantes como funcionaba a sociedade de Galloway na Idade Media. Pódense atopar evidencias dun sistema de clans neste territorio en documentos medievais - cineal (‘parentes’) aparece en termos como "kenelman", e "kenkynol" (Ceann-cinneil); muinntir (‘casa familiar’) aparece en "Muntercasduff"; clan en "Clenafren", "Clanmacgowin" e outros. un grupo de alcuños locais teñen orixes gaélicas e.g. Landsburgh (orixinalmente McClambroch), MacClumpha, MacGuffock, Hannay, McKie, Kennedy e MacCulloch. Os topónimos Balmaclellan e Balmaghie poden representar o lugar das residencias dos xefes.

Pódese atopar evidencias dunha clase de bardos en topónimos do tipo Dervaird (Doire a' Bhaird) e Loch Recar (Loch an Reacaire).

Pódese recoller información importante sobre a agricultura local a partir de topónimos tamén – había prados (àiridh) e.g. Airies, Airieholland; practicábase o estercado dos campos: Talnotrie (talamh an otraigh) e Auchnotteroch. A agricultura dos Gall-ghàidhil vese indicada no emprego de medidas como o peighinn e as súas subdivisións (q.v.), e.g. Pinminnoch, Leffin Donald, Fardin; tamén aparecen o dabhach e o ceathramh, e.g. Doach, Kirriedarroch, Terraughty.

Relacións con outras linguas editar

pénsase que o gaélico de Galloway tiña probabelmente máis en común co manx e o irlandés do Ulster que co gaélico escocés tal e como se fala nas Highlands. Esta idea empregouse no pasado para separar o gaélico de Galloway doutros dialectos escoceses, basicamente por motivos políticos1. Con todo, a idea é moi enganosa. Todas as linguas goidélicas medievais eran mutuamente comprensíbeis ata onde podemos saber. Quizais o dialecto gaélico da Illa de Arran é o que máis se parecese á lingua de Galloway, pero iso é especulativo.

O gaélico de Galloway puido tomar prestadas algunhas palabras do inglés ou nórdico antigos. A influencia do bispado anglo de Whithorn, xunto cos nórdicos Gall-Gaidhel, pode explicar a palabra cirice (inglés antigo)/ kirkja (nórdico antigo) (‘igrexa’): así kirk emprégase en moitos topónimos con segundos elementos de compostos e con orde de palabras célticos. Cirice/ kirkja aparecen en topónimos medievais onde, no resto de escocia, podemos esperar Cille. Os exemplos son moi numerosos: Kirkcormac, Kirkmikbrick, Kirkinner, Kirkcolm, Kirkmabrick... Neses nomes, a primeira palabra é xermánica e a segunda gaélica. A orde de palabras tamén é céltica, nome-adxectivo, máis que o xermánico adxectivo-nome (cf. Dùn Èideann e Edin-burgh). Por isto é polo que podemos estarmos seguros de que, por exemplo, Kirkcudbright, etimoloxicamente xermánica por completo, foi de feito acuñado por un celta. É posíbel que isto fose un trazo dialectal, pero tamén é posíbel que a maioría destes sexan o produto de semitraducións posteriores ao inglés.

Non debería sorprender a antiga influencia inglesa dada a popularidade dos santos ingleses. O antedito Kirkcudbright significa Igrexa de San Cuthbert. Closeburn, a antiga Killeosberne (Cille (gaélico ‘igrexa’) + de Osbern) é outro. Unha plétora de antropónimos confirma a popularidade da cultura anglosaxoa. Por exemplo, o nome Gille Cuithbrecht (= manx, Giolla Cobraght) significa devoto de San Cuthbert. Outro exemplo histórico é Gille Aldan, o nome do primeiro bispo de Galloway tras a resurrección deste co rei Fergus.

1500 e despois editar

Unha fonte importante para a percepción da lingua de Galloway é o poema coñecido como The Flyting of Dunbar and Kennedy. O poema, escrito nalgún momento entre 1504 e 1508 presenta un conflito ideolóxico, histórico e cultural entre William Dunbar (representando Lothian, e a Escocia inglesa) e Walter Kennedy (representando Carrick e a Escocia gaélica). Dunbar ridiculiza o acentoHeland e a lingua Erische de Kennedy, mentres que Kennedy o defende, chamándoo "all trew Scottismennis leid" e dicíndolle a Dunbar "in Ingland sowld be thy habitation."2 A importancia vén do feito de que, desde a perspectiva de Lothian a principios do século XVI, Carrick e Galloway aínda representaba á Escocia gaélica, do mesmo xeito que Lothian representaba a Escocia inglesa. Nótese que se refiren a Kennedy como "Heland" (Highland).

Alexander Montgomerie (1545? - 1610?) foi tamén falante de gaélico, e foi denominado o "capitán Hielant"; poden atoparse nas súas obras varios termos e frases gaélicos

George Buchanan, falante de gaélico, escribindo en 1575, di que o gaélico aínda se falaba en Galloway. A mediados dese século, 1563-1566, un informe feito por un anónimo militar inglés dinos que a xente de Carrick "for the most part specke erishe".3

Con isto, hai moita evidencia ambigua e indirecta de que a lingua aínda se falaba, se cadra fragmentariamente, no século XVIII. Margaret McMurray é unha das últimas falantes que coñecemos polo nome, aínda que hai algunhas suxestións de que o lingüista Alexander Murray puido aprendelo do seu vello pai que era un pastor das terras altas.

A lingua de Galloway morreu nalgún momento do período dos douscentos anos que van entre 1600 e 1800, cunha probabilidade de evidencia dunha desaparición efectiva no século XVII. Tamén hai que notar que territorios veciños como a illa de Man o Ulster oriental e Arran tiñan falantes nativos de gaélico no século XX.

Influencia moderna editar

Malia que o gaélico de Galloway non deixou literatura coñecida e leva extinto varios séculos, a herdanza gaélica de Galloway continúa a ser unha fonte de inspiración para escritores modernos, como William Neill, un poeta que escribe in gaélico escocés e gaélico irlandés, escocés e inglés. Outro exemplo do legado moderno é o "Gall-Gael Trust" fundado por Colin MacLeod.

Notas editar

  1. Argumentos para a oposición ao proxecto da lingua gaélica en Escocia, por Alastair Livingston.
  2. Lorimer, p. 116.
  3. ibid., p. 117.

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • Alcock, Leslie, Kings & Warriors, Craftsmen & Priests In Northern Britain, AD 550-850, (Edinburgh, 2003).
  • Driscoll, Steven, Alba: The Gaelic Kingdom of Scotland, AD 800-1124, (Edinburgh, 2002).
  • Lorimer, W.L., The Persistence of Gaelic in Galloway and Carrick, in Scottish Gaelic Studies, VI.2 (1949), pp. 114–36.
  • MacQueen, John, Welsh and Gaelic in Galloway in Transactions of the Dumfries-shire and Galloway Natural History and Antiquarian Society #32 (1953-4).
  • MacQueen, John, Pennyland and Doach in South Western Scotland: A Preliminary Note in Scottish Studies #23, (1979).
  • Nicolaisen, W.F.H., Scottish Placenames: Their Study and Significance (Londres, 1976).
  • Oram, Richard, The Lordship of Galloway, (Edinburgh, 2000)
  • Thomas, C., Britain and Ireland in Early Christian Times AD 400-800 (Londres, 1971).
  • Thomas, C., The Irish Settlements in post-Roman Western Britain: a Survey of the Evidence in Journal of the Royal Institute of Cornwall #6, (1972).
  • Watson, W.J., Celtic Placenames of Scotland, (Edimburgo, 1926).

Ligazóns externas editar