Leonardo e os fontaneiros

obra literaria de María Victoria Moreno

Leonardo e os fontaneiros é unha novela infantil-xuvenil de María Victoria Moreno, que a consideraba o seu libro preferido [1]. Logo de recibir en 1985 o 3º Premio O Barco de Vapor, en 1986 foi publicada por Editorial Galaxia e Ediciones S.M.[2]. Tivo varias reedicións e foi traducida ao castelán en 1988 co título de Leonardo y los fontaneros na colección El Barco de Vapor de SM -traducido pola súa filla Begoña Llácer-[3].

Leonardo e os fontaneiros
Autor/aMaría Victoria Moreno
Ilustrador/aMª do Carme Salgado
CubertaMª do Carme Salgado
OrixeGalicia
LinguaGalega
ColecciónO Barco de Vapor
Xénero(s)Narrativa
EditorialGalaxia - S.M.
Data de pub.1986
Páxinas189
ISBN978-84-7154-559-4 (Galaxia)
978-84-348-2078-1 (S.M.)
editar datos en Wikidata ]

A obra está presentada en capítulos curtos que se poden ler seguidos ou seguindo os saltos temporais aos que convida a voz narrativa. No remate de cada unha das escenas hai unha frase que anima a seguir a historia non linealmente, xogando coas páxinas e brincando dun lado a outro.[4] Carmen Blanco di que seguiu a técnica de Julio Cortázar en Rayuela (1963).[5]

Trama editar

Comeza a historia contándolle Antón ao can Leonardo, que xa non está, a súa teima de mexar enriba dos gatos. Coñeceuno unha tarde de outono, á saída da escola, indo cara á Praza da Fonte e non o pode levar para a casa. Ameaza con lle cortar o rabo, que o can debe facerse respectar e non abanear o rabo aos descoñecidos. Un día Leonardo aparece malferido e vai ir a peor ata acabar desaparecendo. Mais o can acompañará sempre a Tono no seu pensamento e faralle compañía.

No inicio están agardando se dona Rulos retirou a denuncia contra os rapaces e a nai de Tono está triste porque foi expulsado da clase. Volve ao principio do curso para lle contar ao can que non lles chistou a nova aula. Pero logo foise convertendo no espazo das súas trasnadas e diversións: xogar cos alcumes dos profesores, as cartas de amor. Lembra que en terceiro ou cuarto a mestra Ánxela lles falou do sistema solar, e canto o fixo cavilar a el.

Póñenlles frangullas aos paxaros e mesmo chegan a criar unha camada de ratos na clase. Acabaraos descubrindo a Galiña que se vai enfadar moito.

Tamén haberá que facer a festa de fin de curso e de estudos na que eles serán os protagonistas. Pensan en que cousas preparar; por exemplo poden ir vestidos de curas, dicindo as palabras ao revés.

Tono vai ser expulsado como os demais da clase da Galiña polas trasnadas e o director tamén suspende a festa de fin de curso.

Preparan na clase o invento para tirar da cisterna cando a dona Rulos estea no baño e mollala e, claro, dona Rulos vén toda enfadada protestar pola trasnada dos “fontaneiros”. Teñen medo de que os manden a un reformatorio. Menos mal que don Xeranio comprende a súa falcatruada, aconséllalles que non mintan e tentará facer de mediador. Mais a señora presentou denuncia no xulgado e Tono ten medo, mais o seu pai é moi comprensivo e non lle dá importancia. E de súpeto péchase a escola pola morte dunha profesora.

O pai de Tono ofrécelle á vella dona Rulos instalarlle unha porta de seguridade para que retire a denuncia. Ela acepta e redacta un papel con moitas faltas. Remata a historia co enterro da profesora e as reflexións do rapaz sobre a morte.

Narración editar

Comeza cun apartado titulado Ó lector, no que lle indica que pode ler o libro todo seguido ou, se non atura sen saber o que vai pasar, ir saltando segundo as indicacións. Por iso no final de cada un dos XXVII capítulos hai sempre a posibilidade de ir a outra páxina para saber máis do asunto. Remata o aviso: Fai o que queiras, amigo, pero le o libro, que para iso o escribo. E que che preste.[6]

O relato está posto en boca dun narrador intradiexético en primeira persoa, Tono, que se dirixe ao can Leonardo para contarlle os seus pensamentos, preocupacións, vida familiar e escolar e as súas aventuras e trasnadas cos “fontaneiros” (os outros rapaces da clase).

O relato comeza ao final do curso para volver logo nunha retrospección ao comezo e ir narrándolle a Leonardo o desenvolvemento da acción.

E a ausência de happy end. Surpresão numa narrativa para crianças. A morte tem presença na vida das protagonistas e assalta, como bandoleira, a estabilidade de Antón, a tranquilidade das pubescentes tardes, mostrando que crescer é assumir a sua companha constante.

Espazo editar

O espazo principal é o colexio ou escola dunha vila imaxinaria, Vilacastelo, na que Tono e os seus compañeiros e compañeiras viven as súas aventuras. Tamén a casa familiar do protagonista e a rúa, sobre todo a Praza da Fonte.

Tempo editar

A acción desenvólvese durante o curso. Están en oitavo de EXB, o último curso no colexio. Xa na democracia porque a escola antes era “General Franco”, agora “Martiño de Dumio[8]. Dona Rulos asina a carta para retirar a denuncia o 14 de xuño de 1985[9].

Personaxes editar

Familia
  • Antón Andrade Asorei, Tono, o protagonista. Ten 14 anos, cóntalle a historia a Leonardo, o can que topa na rúa. É un protagonista que escapa aos roles de xénero imperantes na época, mostrándose sensible e vulnerable, nun momento en que mostrar masculinidades diverxentes non era nada habitual[10]
  • O pai (Xosé): podía ser mellor e non desprezar a nai. Traballa poñendo portas de seguridade.
  • A nai: submisa, sempre atendendo aos demais.
  • A irmá (Loliña): Tono quérelle moito, mais preferiría ter un irmán.
  • O avó, na lembranza: o seu confidente.
  • Leonardo, o can de Antón.
Colexio
  • A Galiña (profesora): prefire o nome de Franco para o colexio, antes ca nomes de “roxos”. Ao Tono sempre o ameaza coa expulsión mentres que a Fina pregúntalle se entendeu a explicación. A peor profesora para Tono.
  • Don Xeranio (profesor): vello e baixiño, ensina Natureza.
  • O Director, don Carmelo: amigo de manter a orde.
  • Rosa (profesora): fálalles de Prisciliano, de san Martiño, dos foros. Tenta solucionar os problemas falando con eles. Aconséllaos sobre os problemas de entraren na adolescencia. A mellor profesora para Tono.
  • Fina (alumna): non cae ben aos compañeiros por como viste e como é, porque sempre estuda e se chiva moito. Fala moi rápido
  • Begoña (alumna): tamén ten unha cadela, a Pelusa.
Outros
  • Dona Rulos: a veciña vella que vai moitas veces ao baño e tira da cisterna.

Notas editar

  1. Moreno, María Victoria (2004). Diario da luz e a sombra. Edicións Xerais de Galicia. p. 54. ISBN 84-9782-233-1. 
  2. Moreno, María Victoria (1986). Leonardo e os fontaneiros. Galaxia - SM. ISBN 84-7154-559-4. 
  3. Moreno, María Victoria (1988). Leonardo y los fontaneros. El Barco de Vapor. SM. ISBN 9788434824294. 
  4. Pena Presas, Montse (2018). A voz insurrecta. María Victoria Moreno, entre a literatura e a vida. Galaxia. p. 110. ISBN 978-84-9151-156-4. 
  5. Blanco García, Carmen (1988). "Literatura infantil e xuvenil" (PDF). Festa da Palabra Silenciada (FIGA) (5): 5–24. ISSN 1139-4854. 
  6. Moreno 1986, p. 5.
  7. "“Lambetadas na cara”, por Susana Sánchez Arins". Consultado o 20/07/2017. 
  8. Moreno 1986, p. 46.
  9. Moreno 1986, p. 132.
  10. Pena Presas 2018, p. 113.

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

Ligazóns externas editar