A lectura fácil é a adaptación que permite unha lectura e unha comprensión máis sinxela dun contido. Non só abarca o texto, senón tamén se refire ás ilustracións e á maquetaxe. Considérase tamén lectura fácil o método polo cal se fan máis comprensíbeis os textos para todos, eliminando barreiras para a comprensión, a aprendizaxe e a participación.[1][2]

Enténdese a lectura fácil como unha tecnoloxía de apoio que, ao favorecer a accesibilidade, favorece tamén a democracia. É dicir, facilitar o acceso á información con tecnoloxías como esta non só é un dereito, senón que permite o exercicio doutros dereitos, como o de participación ou poder desenvolverse de forma autónoma na contorna.[3]

Lexislación editar

Existe lexislación e regulacións que realizan de forma directa ou indirecta mención á lectura fácil. A mención indirecta promove o dereito a acceder á información e cultura de forma xenérica e a lectura fácil considérase un método, aínda que non o único, de promover ese acceso.

Na lexislación internacional, a Declaración Universal dos Dereitos Humanos realiza mención indirecta en dous artigos:

  • Artigo 22. Sobre os dereitos económicos, sociais e culturais
  • Artigo 27. Sobre o dereito a participar na vida cultural, gozar das artes e tomar parte no progreso científico

A Convención Internacional sobre os Dereitos das Persoas con Discapacidade de 2006:

  • Artigo 2. A comunicación incluirá as linguaxes, a visualización dos textos, o braille, a comunicación táctil, os macrotipos, os dispositivos multimedia de fácil acceso, así como a linguaxe escrita, os sistemas auditivos, a linguaxe sinxela...
  • Artigo 9. Accesibilidade. Os Estados Partes adoptarán medidas pertinentes para asegurar o acceso das persoas con discapacidade, en igualdade de condicións coas demais, á contorna física, ao transporte, á información e ás comunicacións... (...) Dotar os edificios e outras instalacións abertas ao público de sinalización en braille e formatos de fácil lectura e comprensión
  • Artigo 21. Sobre a liberdade de expresión e de opinión e acceso á información. Débense facilitar contidos en formatos accesíbeis, incluíndo medios de comunicación e entidades privadas que presten servizos ao público
  • Artigo 30. Participación na vida cultural, lecer e deporte. Menciónase o acceso a material cultural en formatos accesíbeis

As "Normas uniformes sobre a igualdade de oportunidades das persoas con discapacidade" da Organización de Nacións Unidas recollen en 1993:

  • Artigo 5. Acceso á información e á comunicación. As persoas con discapacidade (...) deben ter acceso en todas as etapas a unha información completa sobre o diagnóstico, os dereitos e os servizos e programas dispoñíbeis. Esa información debe presentarse en forma que resulte accesíbel para as persoas con discapacidade. (...) Os Estados deben elaborar estratexias para que os servizos de información e documentación sexan accesíbeis a diferentes grupos de persoas con discapacidade. (...) Os Estados deben estimular os medios de información (...) a que fagan accesíbeis os seus servizos

En España editar

A Constitución Española de 1978 recolle:

  • Artigo 44. Os poderes públicos promoverán e tutelarán o acceso á cultura, á que todos teñen dereito.

Outra lexislación española que promove directa ou indirectamente a lectura fácil é a seguinte:

  • Lei 51/2003, de 2 de decembro, de igualdade de oportunidades, non discriminación e accesibilidade universal das persoas con discapacidade:
    • Artigo 10. Condicións básicas de accesibilidade e non discriminación
  • Real decreto 366/2007, de 16 de marzo, polo que se estabelecen as condicións de accesibilidade e non discriminación das persoas con discapacidade nas súas relacións coa Administración Xeral do Estado:
    • Artigo 7. Sinalización interior accesíbel
    • Artigo 9. Sistemas interactivos de información
    • Artigo 13. Accesibilidade do contido e estrutura de comentarios e impresos
  • Orde PRE/446/2008, de 20 de febreiro, pola que se determinan as especificacións e características técnicas das condicións e criterios de accesibilidade e non discriminación estabelecidos no Real decreto 366/2007, de 16 de marzo:
    • Artigo 6. Condicións de accesibilidade de documentos e impresos en soporte papel
  • Real decreto 1544/2007, de 23 de novembro, polo que se regulan as condicións básicas de accesibilidade e non discriminación para o acceso e utilización dos modos de transporte para persoas con discapacidade
    • Anexo IX. Medidas transversais
  • Real decreto 1494/2007, de 12 de novembro, polo que se aproba o Regulamento sobre as condicións básicas para o acceso das persoas con discapacidade ás tecnoloxías, produtos e servizos relacionados coa sociedade da información e medios de comunicación social
    • Artigo 5. Criterios de accesibilidade aplicábeis ás páxinas de Internet das administracións públicas ou con financiamento público
  • Lei 10/2007, de 22 de xuño, da lectura, do libro e das bibliotecas
    • Disposición adicional terceira. Do acceso á lectura, o libro e ás bibliotecas das persoas con discapacidade

Niveis editar

A lectura fácil non dispón dun estándar fixo, senón que se propón a existencia de varios niveis de adaptación. É dicir, é imposíbel redactar e presentar un contido que se adapte a todas as capacidades de comprensión ou a todas as persoas con problemas de lectura e escritura.

A seguinte é a proposta de niveis da Associació de Lectura Fàcil de Cataluña:

  • Nivel 1. É o máis sinxelo. Nel abundan as ilustracións e o texto é menor. Ademais, o texto carece de complexidade sintáctica e lingüística
  • Nivel 2. Inclúe vocabulario e expresións da vida cotiá, accións fáciles de seguir e ilustracións
  • Nivel 3. É o máis complexo. O texto é máis extenso. Inclúe palabras pouco usuais e ás veces con sentido figurado. Pode presentar saltos espazo-temporais e escasas ilustracións[4]

Persoas ás que pode beneficiar editar

Considérase que as medidas de accesibilidade benefician á poboación en xeral, pero cada apoio pode beneficiar a colectivos específicos de forma especial. No caso da lectura fácil, os colectivos son moi diversos:

  • Persoas con discapacidade intelectual ou do desenvolvemento. Calcúlase que o 1,5% da poboación en países desenvolvidos, e o 3% en países menos avanzados, ten algunha discapacidade intelectual
  • Persoas con enfermidades e trastornos mentais e do comportamento. Por exemplo, persoas con demencia que implique deterioración da memoria e facultades como a linguaxe falada e escrita, persoas con dislexia, afasia ou disfasia
  • Persoas con dificultades do desenvolvemento da linguaxe por discapacidade auditiva. Por exemplo, persoas que perderon o oído antes de aprender a falar e, debido a isto, teñen dificultades no desenvolvemento da linguaxe
  • Persoas con baixo nivel de alfabetización ou cultura limitada
  • Persoas inmigrantes que non falan o idioma do lugar onde migraron
  • Nenas e nenos que, pola súa idade, aínda están en proceso de aprendizaxe e non acceden a moitos contidos debido á súa complexidade
  • Persoas que traballan coas persoas que se benefician da lectura fácil, é dicir, profesionais dos coidados, docentes, logopedas etc.

Pautas de lectura fácil editar

 
Logotipo europeo de lectura fácil.

Existen sobre todo dous documentos populares de pautas. O primeiro foi publicado pola IFLA, a Federación Internacional de Asociacións de Bibliotecarios e Bibliotecas. O seguinte foi elaborado por varias organizacións de Inclusion Europe, a alianza europea de organizacións que traballan polos dereitos das persoas con discapacidade. O seu título é Información para todos Arquivado 24 de setembro de 2017 en Wayback Machine..

As pautas de lectura fácil poden relacionarse coa ortografía, gramática, léxico, estilo, deseño e maquetaxe, imaxes, impresión etc. Tamén existen pautas e recomendacións específicas para textos literarios ou científicos, por exemplo.

Algúns exemplos de pautas e recomendacións habituais son:

  • Utilizar frases simples, curtas e cunha estrutura habitual: suxeito máis verbo máis complementos
  • Utilizar imaxes sinxelas e pictogramas de apoio ao texto, que teñan unha relación clara, situadas á esquerda de cada idea
  • Cada frase debe ocupar unha liña. Se non é posible, a frase cortarase por elementos naturais e disporase en varias liñas
  • Evitar oracións impersoais e pasivas reflexas
  • Evitar o subxuntivo ou a voz pasiva
  • Evitar signos ortográficos pouco habituais (%, &, / ...)
  • Evitar abreviaturas, acrónimos e siglas
  • Utilizar vocábulos de uso cotián e evitar tecnicismos
  • Utilizar palabras con significado preciso e reiterar os termos
  • Seleccionar as ideas principais
  • Redactar en modo directo
  • Non dar coñecementos previos por asumidos
  • Evitar deseños cargados e en columnas[5][6]

Exemplos de lectura fácil editar

O primeiro libro creado co método de lectura fácil publicouse en 1968 en Suecia a través do Centro de Lectura Fácil creado ese mesmo ano a instancias da Axencia Sueca de Educación.

En 1984 naceu o primeiro xornal en lectura fácil, titulado "8 páxinas", tamén en Suecia.

A primeira sentenza xudicial en lectura fácil do mundo produciuse en México no ano 2013. O 16 de outubro, a Primeira Sala da Suprema Corte da Nación de México concedeu o amparo solicitado a un mozo de 25 anos diagnosticado con síndrome de Asperger.[7]

En España, existen multitude de organizacións dedicadas a promover a lectura fácil e recursos. Entre elas, portais de noticias como Noticias Fácil Arquivado 01 de xuño de 2020 en Wayback Machine. ou portais de libros como Léelo fácil. En 2015, Dilofácil, o Cooperativa Altavoz e Plena Inclusión presentaron unha versión da Constitución Española en lectura fácil.[8]

Da mesma maneira, e para facilitar os trámites policiais e xudiciais, a Garda Civil dispón de dilixencias policiais (lectura de dereitos, ofrecemento de accións á vítima dun delito etc.) dispoñíbeis neste formato tanto por escrito, como en linguaxe de signos e audiovisual, así como dilixencias en braille.

Notas editar

  1. García Muñoz, Óscar (2012). Lectura fácil: Métodos de redacción y evaluación (PDF) (en Castellano). Madrid: Real Patronato sobre Discapacidad. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 02 de abril de 2015. Consultado o 9 de febreiro de 2016. 
  2. Nomura, Misako; Skat Nielsen, Gyda; Tronbacke, Bror (2010). Directrices para materiales de lectura fácil (PDF) (en Castellano). Federación Internacional de Asociaciones e Instituciones Bibliotecarias (IFLA). Consultado o 9 de febreiro de 2016. 
  3. Pérez García, Jorge M.; López de la Cruz, Laura (2015). La lectura fácil: una apuesta de valor para las organizaciones (PDF). Revista Española de Discapacidad. Consultado o 9 de febreiro de 2016. 
  4. Ariel Ocampo González, Aldo. "Fácil lectura y enseñanza del español como L2: una cuestión de derechos" (PDF). ISBN 978-956-358-485-1. Consultado o 9 de febreiro de 2016. 
  5. CRMF de Albacete. "Cómo elaborar textos de fácil lectura" (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 03 de xaneiro de 2016. Consultado o 9 de febreiro de 2016. 
  6. Moreno, Lourdes; Franco. "Accesibilidad en la Comunicación: Lectura Fácil" (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 21 de outubro de 2020. Consultado o 19 de maio de 2020. 
  7. Arenas Ramiro, Mónica. "La voluntad que mueve el mundo: la primera sentencia sobre discapacidad en formato de lectura fácil" (PDF). 
  8. "Presentamos la Constitución Española en Lectura Fácil". 9 de decembro de 2015. Arquivado dende o orixinal o 17 de agosto de 2016. Consultado o 21 de xullo de 2016. 

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar