Dislexia
A dislexia, dislexia do desenvolvemento ou dislexia conxénita é un trastorno da aprendizaxe que afecta á capacidade para a lectura,[1] e que se pode manifestar ao través de dificultades en procesos como a consciencia fonolóxica, a decodificación fonolóxica, a codificación ortográfica, a memoria de traballo ou o nomeado automático rápido [2][3]
Dislexia | |
---|---|
Clasificación e recursos externos | |
ICD-10 | R48.0 |
ICD-9 | 315.02 |
OMIM | 127700 |
DiseasesDB | 4016 |
MedlinePlus | 001406 |
Advertencia: A Wikipedia non dá consellos médicos. Se cre que pode requirir tratamento, por favor, consúltello ao médico. |
A dislexia é diferente das dificultades lectoras que poden ocorrer a consecuencia doutras causas como as dificultades visuais ou auditivas, ou do ensino inadecuado da lectura.[4][5] Estímase que a dislexia afecta entre o 5 e o 17 por cento da poboación.[6]
A dislexia non é unha discapacidade intelectual, senón que está considerada como un trastorno da aprendizaxe e como un trastorno do neurodesenvolvemento.[3][7] Así mesmo, non está directamente relacionada co Cociente Intelectual (CI) dado que a lectura e a cognición se desenvolven de maneira independente nas persoas disléxicas.[8][9]
Clasificación
editarA linguaxe oral é unha forma universal na comunicación humana, mentres que a notación visual da mesma non se atopa en todas as culturas e é un desenvolvemento recente con respecto á evolución humana. Desta maneira, considérase que dándose unha crianza nunhas condicións sociais habituais, os nenos e as nenas aprenden a falar de maneira innata, mentres que a aprendizaxe da lectura adoita requirir de ensino deliberado.[7]
Existen varias definicións de dislexia mais non se ten acadado un consenso oficial entre as mesmas. A Federación Mundial de Neuroloxía definiu en 1968 a dislexia como "un trastorno manifestado pola dificultade en aprender a ler malia á instrución convencional, intelixencia adecuada e oportunidades socioculturais ".[10]
O NIDS (National Institute of Neurological Disorders and Stroke) dá a seguinte definición de dislexia:[11]
É unha discapacidade da aprendizaxe de orixe cerebral que afecta á capacidade da persoa para ler. Habitualmente esta encóntrase a un nivel inferior ao esperado malia ter unha intelixencia normal. Aínda que o trastorno varía de persoa a persoa, existen varias características comúns entre as persoas afectadas como son a dificultade para deletrear, o procesamento fonolóxico (a manipulación dos sons), e/ou a resposta rápida a estímulos visuais/verbais. Cando se produce na idade adulta, habitualmente é produto dunha lesión cerebral ou no contexto dunha demencia. Pode tamén herdarse de maneira familiar e estudos recentes teñen identificado varios xenes que poden predispoñer á dislexia do desenvolvemento.[1]
Outras definicións publicadas son puramente descritivas ou ben implican teorías causais sobre o trastorno, de maneira que semella que este afecta varias habilidades relacionadas coa lectura, máis que un único déficit.
Castles e Coltheart describen dous tipos de dislexia do desenvolvemento análogos aos da dislexia adquirida: fonolóxica e superficial[12] que coinciden coas denominacións clásicas de dislexia disfonética e dislexia diseidética.[13][14] Non obstante tal descrición ten só un carácter descritivo e na actualidade considérase que non implica a existencia de mecanismos cerebrais diferentes para cada subtipo.[3]
Síntomas e características
editarOs síntomas da dislexia varían de acordo coa severidade do trastorno así como coa idade.
Nenos en idade pre-escolar
editarÉ difícil obter unha diagnose fiable de dislexia antes da idade escolar, mais moitos disléxicos teñen un historial de dificultades que comezan durante o período da educación infantil. Da mesma maneira, aqueles nenos pequenos que presentan tales dificultades teñen maior posibilidade de seren diagnosticados de dislexia co paso do tempo. Estes síntomas inclúen:
- Atraso na fala
- Dificultades para aprender novas palabras
- Dificultade para xogos de rimas de palabras
- Menor coñecemento dos nomes das letras que os demais nenos da mesma idade
Nenos dos primeiros anos escolares
editar- Dificultade para a aprendizaxe da correspondencia fonema-grafema (asociación do son co símbolo que o representa)
- Dificultade para aprender o alfabeto
- Escasa consciencia fonolóxica: pouco coñecemento das unidades sonoras que constitúen a fala (fonemas, sílabas e palabras), que se manifesta en dificultades en aspectos como: segmentar as palabras en sílabas ou sons, identificar a presenza ou ausencia don son dentro dunha palabra, elaboración e identificación de rimas e aliteracións ou combinar varios sons para formar unha palabra.[15]
- Dificultade en tarefas de vocabulario
- Atraso na aprendizaxe da lectura e na escritura
- Dificultade para distinguir sons semellantes en palabras (especialmente nas palabras longas) ou remexer cambiando de lugar os mesmos (por exemplo, "rizoneronte" por rinoceronte)
Nenos de anos escolares posteriores
editar- Lectura lenta, con bloqueos frecuentes e abundantes erros (aínda que isto non implica ausencia completa da capacidade lectora nin da comprensión do contido do texto).
- Lectura en voz alta caracterizada por erros como a omisión de palabras, cambios dunhas palabras por outras de son ou aparencia similar.
- Escritura caracterizada por erros semellantes aos apreciados na lectura
Prevalencia
editarA frecuencia coa que se dá a dislexia na poboación é un asunto non exento de debate. Por unha banda, tradicionalmente tense observado que a dislexia afecta predominantemente aos nenos fronte ás nenas. Porén, nun estudo publicado por Sally Shaywitz e os seus colaboradores en 1990 propoñíase que este predominio masculino podía deberse a unha desviación na identificación dos nenos, con maior facilidade que as nenas.[16] Non obstante, traballos posteriores teñen confirmado o predominio masculino en condicións nas que se controlou a posible desviación por razón de xénero.[17][18]
Outro aspecto de debate é a variabilidade da prevalencia segundo o sistema ortográfico de cada lingua, observándose que a dislexia ten maior prevalencia en sistemas non transparentes como o inglés, mentres que é menor en sistemas transparentes(como o alemán, o italiano, o castelán, o portugués ou o finés). Observouse que estas diferenzas entre linguas dánse non só nas persoas con dislexia, senón tamén nos lectores con desenvolvemento normal, mentres que as dificultades fonolóxicas implicadas na dislexia danse de maneira semellante nas diferentes linguas. Desta maneira, e dunha maneira conservadora, considérase que a dislexia afecta entre un 5 e un 10% da poboación infantil.
Así mesmo, ao igual que ocorre con outros trastornos do desenvolvemento e algunhas doenzas (por exemplo, a hipertensión) a dislexia distribúese segundo un modelo dimensional, é dicir, a capacidade na lectura distribúese ao longo dun continuo cunha distribución normal, e a dislexia representa o extremo inferior desa distribución.
Os estudos lonxitudinais indican que a dislexia ten carácter persistente, de tipo crónico, non desaparecendo ao superar a idade infantil, e que non representa simplemente un fenómeno de inmadurez para adquisición da habilidade lectora superable co tempo.[19]
Comorbilidade
editarVarios trastornos co-ocorren frecuentemente coa dislexia, aínda que non esta claro se comparten causas neurolóxicas.[20][21]
Algunhas das condicións que adoitan aparecer xunto coa dislexia son:
- Disortografía: Consiste nunha dificultade para escribir, semellante ás dificultades observables na lectura das persoas con dislexia. A escrita caracterízase pola abundancia de erros como a omisión de grafemas, ou polo contrario, a adición inadecuada destes, a transposición dos mesmos ou a súa substitución. Tamén se aprecian separacións indebidas dentro das palabras, así como unións indebidas de varias palabras.
- Disgrafía: Consiste nunha dificultade na elaboración das grafías das letras que dan ao texto escrito un aspecto difilmente intelixible.[22]
- Discalculia: É un trastorno da aprendizaxe das habilidades numéricas como a estimación das cantidades ou o cálculo.[23]
- Trastorno por Déficit de Atención con Hiperactividade (TDAH): É un trastorno do neurodesenvolvemento caracterizado polas dificultades atencionais, a impulsividade e o exceso de actividade motriz.[24]
- Trastorno específico da linguaxe (TEL): É un trastorno do desenvolvemento que pode afectar tanto á linguaxe expresiva como á comprensiva (ou a ambas). O TEL defínese como unha afectación "pura" da linguaxe no sentido de que non está causado por outras condicións que afecten ao desenvolvemento xeral.[25]
Causas
editarPatofisioloxía
editarAs evidencias da base neurobiolóxica da dislexia proceden do exame post-mortem dos cerebros de persoas afectadas e, nos últimos anos, dos estudos con técnicas de imaxe cerebral como a resonancia magnética ou tomografía por emisión de positróns. Nos primeiros estudos, atopouse un patrón consistente de anormalidades en certas rexións do hemisferio esquerdo (xiro frontal inferior e xiro temporal superior), así como anomalías en áreas que implicaban tanto o procesamento visual (o tecido magnocelular dos núcleos xeniculados laterais), como o auditivo (núcleos xeniculados mediais). Ditas anomalías foron atribuídas a un deficiente desenvolvemento destas estruturas no período embrionario.[3][26][27]
As modernas técnicas de neuroimaxe funcional como o PET e a resonancia magnética funcional (RMf) teñen sido empregadas extensivamente para estudar as rexións cerebrais implicadas na lectura en persoas non afectadas de dislexia, o que permitiu coñecer o funcionamento anómalo que se produce nas persoas con dislexia exactamente na rexións cerebrais implicadas, así como a sobre-activación doutras rexións, no que se ten atribuído a unha estratexia compensatoria.[28][29][30]
Xenética
editarDesde hai máis de cen anos que se teñen evidencias de que a dislexia ten un carácter familiar [31], polo que é máis frecuente atopala entre os familiares das persoas afectadas.[32] Así mesmo, os estudos con xemelos teñen revelado que a familiaridade observada é de carácter esencialmente herdado e non aprendido na familia, xa que a concordancia é maior nos irmáns monocigóticos que nos dicigóticos.[33]
Os estudos de xenética molecular teñen atopado varias rexións cromosómicas con relación coa dislexia. As mesmas foron denominadas coas letras DYX seguidas dun número, desde a DYX1 ata a DYX9. Posteriores estudos veñen identificando diferentes xenes contidos nas mesmas, tendo identificado ata o momento sete candidatos con evidencia procedente de polo menos dous estudos independentes: DYX1C1, KIAA0319, DCDC2, MRPL19,C2ORF3, ROBO1 e KIAA0319L. A caracterización funcional dos mesmos vén revelando que moitos deles teñen funcións importantes no desenvolvemento cerebral na fase embrionaria, como a migración neuronal e o desenvovemento dos axóns.[34] Non obstante, polo momento non se coñecen os procesos cognitivos especificamente vencellados a estes xenes candidatos.[35]
Teorías sobre a dislexia
editarVarios modelos teóricos veñen tratando de explicar as causas da dislexia do desenvolvemento, mais ningún deles polo momento goza dun apoio maioritario. Un argumento que se ten empregado contra cada un dos diferentes modelos propostos é que so conseguen explicar de maneira satisfactoria as dificultades dunha proporción das persoas con dislexia,ocorrendo que outras persoas amosan un perfil diferente do esperable. Polo tanto, os mesmos deben valorarsen como perspectivas complementarias de análise dos datos procedentes da investigación, xa que é ben posible que cada teoría dea conta dun subconxunto diferente de casos con diferente etioloxía .[36]
- Teoría do déficit fonolóxico
A teoría do déficit fonolóxico é a máis amplamente aceptada na actualidade e propón que as persoas con dislexia teñen unha dificultade específica na representación, almacenamento ou recuperación dos fonemas. A dificultade da lectura prodúcese xa que a mesma nun sistema escrito de tipo alfabético require a aprendizaxe das correspondencias entre grafemas e fonemas (as letras e os sons da fala que representan).[36]
- Teoría do procesamento auditivo rápido
Esta teoría representa unha alternativa á do déficit fonolóxico e propón que o déficit primario reside na dificultade para a percepción de sons variando rapidamente que caracterizan a linguaxe. O apoio a este enfoque procede das evidencias de que as persoas con dislexia teñen dificultades, non só nas tarefas de procesamento fonolóxico, senón tamén noutras de carácter auditivo (discriminación de frecuencias e orde temporal dos sons).
- Teoría visual
A teoría visual reflicte unha longa tradición no estudo da dislexia que consiste en propoñer a mesma como froito da dificultade para procesar as letras e palabras.
- Teoría cerebelar
Desde este enfoque proponse que nas persoas disléxicas existe unha disfunción no cerebelo que provoca dificultades na realización de diferentes tarefas e, en concreto, naquelas como a lectura que requiren a automatización de procesos como os propostos nos modelos anteriores.[37]
- Teoría magnocelular
O modelo teórico magnocelular propón que as anomalías atopadas en persoas con dislexia no seu sistema magnocelular (fronte a ao parvocelular, que non estaría afectado) e afectaría tanto ao sistema visual como ao auditivo. As dificultades neste sistema provocarían un procesamento inadecuado dos estímulos durante a lectura.[38][39]
- Teoría do déficit no nomeamento rápido e o dobre déficit
A velocidade coa que se pode nomear unha serie de estímulos familiares (letras, números, cores ou obxectos) é un poderoso preditor da dislexia.[40] Tense proposto que este déficit no nomeado é diferente das dificultades de procesamento fonolóxico. Maryanne Wolf[41] identificou catro tipos diferentes de lectores: sen ningún déficit, con déficit no procesamento fonolóxico, con déficit na velocidade de nomeado e con ambos déficits, apreciándose que estes últimos terían maiores dificultades que as observadas no caso dun único déficit.
Tratamento
editarAínda que non existe unha cura para a dislexia, as intervencións educativas dirixidas a incrementar a consciencia fonolóxica dunha maneira intensiva e sistemática teñen amosado que producen melloras moi significativas no desempeño lector das persoas afectadas por dislexia.[42]
Historia
editar- Identificada por autores como Adolf Kussmaul en 1877 e Oswald Berkhan en 1881, o termo 'dislexia' foi empregado por primeira vez por Rudolf Berlin,[43] un oftalmólogo alemán.
- En 1896, o pediatra inglés W. Pringle Morgan publicou a descrición dun caso de trastorno específico da lectura no British Medical Journal con título de "Congenital Word Blindness" (cegueira conxénita das palabras) .[44]
- Durante a derradeira década do século XIX e os princios do século XX o oculista escocés, James Hinshelwood publicou unha serie de artigos describindo casos semellantes de cegueira conxénita das palabras. En 1917 publica un libro con ese título no que atribúe as dificultades a un déficit na memoria visual para as palabras e as letras.[45]
- 1925 Samuel T. Orton describe a cegueira das palabras como unha síndrome non vencellada a dano cerebral adquirido. Denomínaa strefosimbolia e atribúe o déficit ás dificultades para asociar as formas visuais das palabras coas súas formas auditivas, desbotando a idea de que a causa se trate dun mero déficit visual. Orton cría que que o trastorno era debido ao fracaso no desenvolvemento da lateralización das funcións cerebrais.[46][47] Posteriormente traballou coa psicóloga e educadora Anna Gillingham para desenvolver unha intervención educativa que empregaba a instrución multisensorial.[48]
- Nos anos setenta emerxeu unha nova hipótese: que a dislexia era debida a un déficit no procesamento fonolóxico: a dificultade para recoñecer que as palabras están formadas por elementos sonoros discretos (os fonemas). As persoas afectadas teñen dificultade para asociar os mesmos coas letras escritas.[49][50]
- 1979 Albert Galaburda e os seus colaboradores [51][52] informaron sobre as observacións cerebrais post-mortem de persoas con dislexia, nas que apreciaron anomalías anatómicas en diferentes áreas do hemisferio cerebral esquerdo. As mesmas supoñíase que ocorren durante o desenvolvemento fetal.
- 1983 Publícase o primeiro estudo de xenética molecular sobre a dislexia. É un estudo de ligamento no que se identifica a relación do cromosoma 15 coa dislexia do desenvolvemento.[53]
- 1993 Castles e Coltheart describen a dislexia do desenvolvemento como dúas variedades diferentes para o que empregan os subtipos establecidos para a dislexia adquirida: Dislexia fonolóxica e superficial.[12]
- O desenvolvemento das tecnoloxías de neuroimaxe nos anos oitenta e noventa permiten aos investiadores realizar avances significativos. Os estudos con tomografía de emisión de positróns (PET) e resonancia magnética funcional (RMf) revelan a marca neural da lectura en persoas adultas [54][55] Así mesmo, empregando varios enfoques experimentais (a detección ou xuízo sobre rimas, a lectura de pseudopalabras) localizouse a disfunción no procesamento fonolóxico da dislexia nas rexións arredor da Cisura de Silvio no hemisferio esquerdo.[56]).
- 1999 Taeko Wydell e Brian Butter informan dun caso dun rapaz bilingüe (inglés-xaponés) que so presenta dislexia en inglés mentres que o seu rendemento nos sistemas de escritura xaponeses (Kanji, de carácter logográfico, e Kana, de carácter silábico) era normal [57], o que suxire a influencia da relación entre fonoloxía e sistema de escritura na aparición dos síntomas da dislexia do desenvolvemento.
- 2003 Ziegler e os seus colaboradores afirman que a dislexia que se dá en linguas con sistema de escritura transparente (como o alemán e o italiano) é moi semellante á observada en sistemas non-transparentes como o inglés.[58].
- 2003 Investigadores fineses identifican o primeiro xene candidato para a dislexia do desenvolvemento, DYX1C1 no locus DYX1, no cromosoma 15q21.[59]
- 2006 Bruce Pennington propón un modelo de investigación para os trastornos do desenvolvemento neural baseado na existencia de múltiples déficits que interactúan en diferentes niveis (xenético, neural, cognitivo e condutual) en lugar da tradicional procura dun déficit único para cada trastorno.[60]
Notas
editar- ↑ 1,0 1,1 url=http://www.ninds.nih.gov/disorders/dyslexia/dyslexia.htm Arquivado 27 de xullo de 2016 en Wayback Machine.
- ↑ Grigorenko, E.L.(2001). Developmental dyslexia: an update on genes, brains, and environments. Journal of Child Psychology and Psychiatry, 42, 91–125.
- ↑ 3,0 3,1 3,2 3,3 Galaburda, A.M. e Cestnick, L. (2003). Dislexia del desarrollo. Revista de Neurología, 36, 3–9.
- ↑ Stanovich, K.E. (1988). Explaining the differences between the dyslexic and the garden-variety poor reader: the phonological-core variable-difference model. Journal of Learning Disabilities, 21, 590–604.
- ↑ Reading and spelling disorders: Warnke, A. (1999). Clinical features and causes. Journal European Child & Adolescent Psychiatry, 8, S2–S12.
- ↑ McCandliss, B.D. e Noble, K.G. (2003). The development of reading impairment: a cognitive neuroscience model. Mental Retardation and Developmental Disabilities Research Reviews, 9, 196–204.
- ↑ 7,0 7,1 Bishop, D.V. (2009). Genes, cognition, and communication: insights from neurodevelopmental disorders. Annals of the New York Academy of Sciences, 1156, 1–18.
- ↑ Ferrer, E., Shaywitz, B.A., Holahan, J.M., Marchione, K. e Shaywitz, S.E. (2010). Uncoupling of reading and IQ over time: empirical evidence for a definition of dyslexia. Psychological Science, 21, 93–101.
- ↑ Rodrigo López, M.e Jiménez González, J.E. (2000). IQ vs phonological recoding skill in explaining differences between poor readers and normal readers in word recognition: Evidence from a naming task. Reading and Writing, 12, 129–142.
- ↑ "What Is Dyslexia?". AVKO Education Research Foundation. Arquivado dende o orixinal o 25 de outubro de 2010. Consultado o 2010-07-05.
- ↑ Artigas-Pallarés, J. (2009). Dislexia: enfermedad, trastorno o algo distinto. Revista de Neurología, 48, S63-S69.
- ↑ 12,0 12,1 Castles, A. e Coltheart, M. (1993). Varieties of developmental dyslexia. Cognition, 47, 149–180.
- ↑ Cuentos, F. (1990). Psicología de la lectura.Madrid: Escuela Española
- ↑ Habib, M. (2000). The neurological basis of developmental dyslexia. An overview and working hypothesis. Brain, 123, 2373–2399.
- ↑ Lovio, R., Näätänen, R. e Kujala, T. (2010). Abnormal pattern of cortical speech feature discrimination in 6-year-old children at risk for dyslexia. Brain Research, 1335, 53–62.
- ↑ Shaywitz, S. E., Shaywitz, B. A., Fletcher, J. M. e Escobar, M. D.(1990). Prevalence of reading disability in boys and girls: Results of the Connecticut Longitudinal Study. Journal of the American Medical Association, 264, 998-1002
- ↑ Flannery, K. A., Liederman, J., Daly, L. e Schultz, J. (2000). Male prevalence for reading disability is found in a large sample of black and white children free from ascertainment bias. Journal of the International Neuropsychological Society, 6, 433-442.
- ↑ Rutter, M., Caspi, A., Fergusson, D.M., Horwood, L.J., Goodman, R., Maughan, B., Moffitt, T.E. e Carroll, J. (2004). Gender differences in reading difficulties: Findings from four epidemiology studies. Journal of the American Medical Association, 291, 2007-2012.
- ↑ Shaywitz, S.E. e Shaywitz, B.A.(2005). Dyslexia (Specific Reading Disability). Biological Psychiatry, 57, 1301–1309.
- ↑ Nicolson, R.I. e Fawcett, A.J.(2009). Dyslexia, dysgraphia, procedural learning and the cerebellum. Cortex, doi=10.1016/j.cortex.2009.08.016
- ↑ Rivas Torres, R.M. e Fernández Fernández, P. (2002). Dislexia, disortografía y disgrafía. Madrid: Piramide.
- ↑ Artigas-Pallarés, J. (2002). Problemas asociados a la dislexia. Revista de Neurología, 34, 7-13.
- ↑ Serra-Grabulosa, J.M., Adan, A., Pérez-Pàmies, M., Lachica, J. e Membrives, S. (2010). Bases neurales del procesamiento numérico y del cálculo. Revista de Neurología, 50, 39-46
- ↑ Willcutt, E.G., Pennington, B.F., Olson, R.K., Chhabildas, N. e Hulslander J. (2005). Neuropsychological analyses of comorbidity between RD and ADHD: In search of the common deficit. Developmental Neuropsychology, 27, 35–78.
- ↑ Pennington, B.F. e Lefly, D.L. (2001). Early reading development in children at family risk for dyslexia. Child Development, 72, 816–833.
- ↑ Galaburda, A.M., Menard, M.T. e Rosen, G.D. (1994). Evidence for aberrant auditory anatomy in developmental dyslexia. Proceedings of the National Academy of Sciences, 91, 8010–8013.
- ↑ Scerri, T.S. e Schulte-Körne, G.(2010). Genetics of developmental dyslexia. European Child & Adolescent Psychiatry, 19, 179-197.
- ↑ Cao, F., Bitan, T., Chou, T.L., Burman, D.D. e Booth, J.R. (2006). Deficient orthographic and phonological representations in children with dyslexia revealed by brain activation patterns. Journal of Child Psychology and Psychiatry, and Allied Disciplines, 47, 1041–1050
- ↑ McCrory, E., Frith, U., Brunswick, N. e Price, C. (2000). Abnormal functional activation during a simple word repetition task: A PET study of adult dyslexics. Journal of Cognitive Neuroscience, 12, 753–762.
- ↑ Corina, D.P., Richards, T.L., Serafini, S. et al (2001). fMRI auditory language differences between dyslexic and able reading children. Neuroreport, 12, 1195–1201
- ↑ Hinshelwood, J. (1907). Four cases of congenital word-blindness occuring in the same family. BMJ, 1, 608–609
- ↑ Ziegler, A., Konig, I.R., Deimel, W. et al (2005) Developmental dyslexia-recurrence risk estimates from a german bi-center study using the single proband sib pair design. Human Heredity, 59, 136–143.
- ↑ Gayán, J. e Olson, R.K. (2001). Genetic and environmental influences on orthographic and phonological skills in children with reading disabilities. Developmental Neuropsycholy, 20, 483–507.
- ↑ Scerri, T.S. e Schulte-Koörne, G. (2010). Genetics of developmental dyslexia. European Child and Adolescent Psychiatry, 19,179–197
- ↑ Schumacher, J., Hoffmann, P., Schmäl, C., Schulte-Körne, G. e Nöthen, M.M. (2007). Genetics of dyslexia: the evolving landscape. Journal of Medical Genetics, 44, 289–297.
- ↑ 36,0 36,1 Ramus, F., Rosen, S. e Dakin, S.C. (2003). Theories of developmental dyslexia: insights from a multiple case study of dyslexic adults. Brain, 126, 841–865.
- ↑ Stoodley, C.J., Stein, J.F. (en prensa). The cerebellum and dyslexia. Cortex, doi=10.1016/j.cortex.2009.10.005
- ↑ Stein, J.(2001). The magnocellular theory of developmental dyslexia. Dyslexia, 7, 12-36.
- ↑ Stein, J. e Walsh, V. (1997). To see but not to read: The magnocellular theory of dyslexia. Trends in Neuroscience, 20, 147–152.
- ↑ Denckla, M.B. e Rudel, R.G. (1076). Rapid "automatized" naming (R.A.N): dyslexia differentiated from other learning disabilities. Neuropsychologia, 14, 471–479
- ↑ Wolf, M. e Bowers, P. G. (1999). The double-deficit hypothesis for the developmental dyslexias. Journal of Educational Psychology, 91, 415–438.
- ↑ Alegría, J. (1985). Por un enfoque psicolingüístico del aprendizaje de la lectura y sus dificultades. Infancia y Aprendizaje, 29, 79-94.
- ↑ Wagner R. F. (1973). Rudolf Berlin: Originator of the term dyslexia. Annals of Dyslexia, 23, 57–6
- ↑ Snowling, M.J. (1996). Dyslexia: a hundred years on. British Medical Journal, 313, 1096–1097.
- ↑ Hinshelwood, J. (1917). Congenital Word-blindness. London: H.K. Lewis.
- ↑ Henry, M.K. (1998). Structured, sequential, multisensory teaching: The Orton legacy. Annals of Dyslexia, 48, 1–26
- ↑ Orton, S.T. (1928). title = Specific Reading Disability — Strephosymbolia. Journal of the American Medical Association, 90, 1095–1099.
- ↑ Goeke, J. L. (2006). Orton-Gillingham and Orton- Gillingham-based reading instruction: a review of the literature. Journal of Special Education, 40, 171–183.
- ↑ Bradley, L. e Bryant, P.E. (1978). Difficulties in auditory organisation as a possible cause of reading backwardness. Nature, 271, 746-747.
- ↑ Bradley, L. e Bryant, P. E. (1983). Categorizing sounds and learning to read—a causal connection. Nature, 30, 419–421
- ↑ Galaburda, A.M. e Kemper, T.L. (1979). Cytoarchitectonic abnormalities in developmental dyslexia: a case study. Annals of Neurology, 6, 94-100.
- ↑ Galaburda, A.M., Sherman, G.F., Rosen, G.D., Aboitiz, F. e Geschwind, N. (1985). Developmental dyslexia: four consecutive patients with cortical anomalies. Annals of Neurology, 18, 222–233.
- ↑ Smith, S.D., Kimberling, W.J., Pennington, B.F. e Lubs, H.A. (1983). Specific reading disability: identification of an inherited form through linkage analysis. Science, 219, 1345-1347.
- ↑ Fiez, J.A. e Petersen, S.E. (1998). Neuroimaging studies of word reading. Proceedings of the National Academyof Sciences, 95, 914–921.
- ↑ Turkeltaub, P.E., Eden, G.F., Jones, K.M. e Zeffiro, T.A. Meta-analysis of the functional neuroanatomy of single-word reading: method and validation. NeuroImage, 16, 765–780.
- ↑ Eden, G.F. e Zeffiro, T.A. (1998). Neural systems affected in developmental dyslexia revealed by functional neuroimaging. Neuron, 21, 279–282.
- ↑ Wydell, T.N. e Butterworth, B. (1999). A case study of an English-Japanese bilingual with monolingual dyslexia. Cognition, 70, 273–305.
- ↑ Ziegler, J.C., Perry, C., Ma-Wyatt, A., Ladner, D. e Schulte-Körne, G. (2003). Developmental dyslexia in different languages: language-specific or universal? Journal of Experimental Child Psychology, 86, 169–193
- ↑ Taipale, M., Kaminen, N., Nopola-Hemmi, J., Haltia, T., Myllyluoma, B., Lyytinen, H., et al. (2003). A candidate gene for developmental dyslexia encodes a nuclear tetratricopeptide repeat domain protein dynamically regulated in brain. Proceedings of the National Academy of Sciences, 100, 11553–11558.
- ↑ Pennington, B.F.(2006). From single to multiple deficit models of developmental disorders. Cognition, 101, 385-413
Véxase tamén
editarLigazóns externas
editar- The Dyslexia Guide - A to Z and FAQ Knowledgebase Arquivado 24 de setembro de 2006 en Wayback Machine. (en inglés)
trazo | articular | fala | ortofonía | voz | comprender | escrita | sintaxe | oralidade | lectura | lexemas | ortografía | movemento | entoación |
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
ausencia | -
|
afasia e afasia evolutiva | -
|
afonía | agnosia | agrafía | agramatismo | alalia | alexia | anomia | -
|
apraxia | -
|
dificultade | disartria | disfasia | disfemia | disfonía | -
|
disgrafía | -
|
dislalia | dislexia | -
|
disortografía | dispraxia | disprosodia |
erro | -
|
parafasia | -
|
-
|
-
|
paragrafía | -
|
-
|
paralexia | -
|
-
|
-
|
-
|