Landtag é unha palabra en alemán que denomina a algunhas institucións que exercen o poder lexislativo nos territorios de lingua alemá. O termo resulta de Land, empregada para Estado, país ou territorio, e tag, equivalente a día ou xornada.

Landtag de Vorarlberg nunha sesión de 1985

Orixe editar

 
Selo da RFA de 1957 conmemorando o 500 aniversario da fundación do Landtag de Württemberg.

Durante o feudalismo naceron asembleas que representaban os estamentos que integraban a sociedade medieval. Estas, nalgúns estados integrantes do Sacro Imperio Romano Xermánico, foron coñecidas polo nome de Landtag.[1] Estas asembleas comezan a ser institucionalizadas a partir do século XIV e XV en varios estados alemáns sendo análogas ao Reichstag, ou Dieta Imperii en latín, o órgano deliberativo e de representación da nobreza laica e eclesiástica, dos estados e das cidades imperiais libres do Sacro Imperio Romano Xermánico.

En 1815, fundouse a Confederación Xermánica que no artigo 13 da súa Constitución, ou Deutsche Bundesakte, establecía a creación dun Landständige ou Landtag en cada un dos 39 estados que se integraban nela.[2]

Actualidade editar

Hoxe en día, chámaselle Landtag aos parlamentos de Liechtenstein, así como os da maioría dos estados federados de Alemaña e de Austria, e tamén ao da Provincia Autónoma de Bolzano-Tirol do Sur en Italia. Cómpre sinalar que no caso alemán, as excepcións son as cidades-estado hanseáticas de Bremen e Hamburgo, que denominan Bürgerschaft (asemblea municipal) aos seus lexislativos, e Berlín, que emprega o termo Abgeordnetenhaus (cámara de representantes ou deputados). Doutra parte, no caso da Provincia Autónoma de Bolzano-Tirol do Sur, onde o alemán é a lingua maioritaria da poboación, tradúcese como consello a denominación Landtag ás linguas románicas faladas na provincia: consiglio en italiano, cunsëi en ladino.

Notas editar

  1. "Landtag". Histoire du Saint-Empire – regards franco-allemands (en francés). Consultado o 2021-10-02. 
  2. "documentArchiv.de - Deutsche Bundesakte (08.06.1815)". www.documentarchiv.de. Consultado o 2021-10-02. 

Véxase tamén editar

Outros proxectos editar