Lady Marmalade (Moulin Rouge!)

«Lady Marmalade» é unha versión de 2001 dunha canción escrita por Labelle en 1975. Foi interpretada por Christina Aguilera, Lil' Kim, Mýa e Pink para a banda sonora da película Moulin Rouge!.[1] Esta versión, escrita por Bob Crewe, Kenny Nolan e Lil' Kim (quen escribiu o seu propio fragmento mais non recibiu créditos por iso), foi producida por Missy Elliott e Rockwilder.

A canción converteuse nun éxito, chegou ao número 1 na Billboard Hot 100 dos EUA e pasou cinco semanas no alto de dita lista.[2] «Lady Marmalade» foi o cuarto número 1 para Aguilera na Billboard Hot 100 e o primeiro para Lil Kim, Pink e Mýa. A canción foi o último número 1 de Aguilera na Billboard Hot 100 até que en 2011 alcanzou de novo dita posición con «Moves like Jagger» en colaboración con Maroon 5. Foi tamén o caso de Pink, até que en 2008 volveu alcanzar o número 1 con «So What». O sinxelo foi o máis vendido de Lil' Kim e Mýa e o único número 1 até a actualidade para elas.

Amais de estar no alto durante cinco semanas, «Lady Marmalade» mantívose no top 40 dos EUA durante 17 semanas. Alcanzou o número 1 tamén nas listas de 15 países, entre eles o Reino Unido, Noruega, Alemaña, o Brasil, Nova Zelandia ou Australia, e o top 5 en países como Italia, Dinamarca, Finlandia, Bélxica ou Austria. Foi certificado pola RIAA platino nos EUA tras vender máis dun millón de copias, e tamén, entre outros, en Suíza, Noruega, Nova Zelandia, Italia ou Australia.[3][4][5] Até decembro de 2001, o single vendera 5,2 millóns de copias en todo o mundo.[6]

O vídeo musical, dirixido por Paul Hunter e filmado a finais de marzo de 2001 nos Ánxeles, foi construído para parecerse ao Moulin Rouge do París da época, aproximadamente entre 1890 e 1910. O vídeo gañou o MTV Video Music Award polo "Mellor Vídeo do Ano" e o "Mellor Vídeo dunha Película", e foi nomeado ao "Mellor Vídeo Dance", "Mellor Vídeo Pop", "Mellor Coreografía" (Tina Landon), e "Mellor dirección artística". O vídeo de «Lady Marmalade» ocupa o posto 30 de entre os 100 mellores vídeos segundo MuchMusic. A canción gañou tamén un Premio Grammy na categoría de "Mellor Colaboración Pop Vocal". Ese ano, Christina Aguilera estaba nomeada dúas veces nesa categoría, por «Lady Marmalade» e por «Nobody Wants to Be Lonely» con Ricky Martin.

A canción foi incluída no álbum de grandes éxitos de Aguilera Keeps Gettin' Better: A Decade of Hits. Do mesmo xeito, formou parte do recompilatorio Greatest Hits... So Far!!! de Pink, en ambos casos nas versións non estadounidenses.

Antecedentes

editar

Versión orixinal de Labelle

editar

A canción foi escrita por Bob Crewe e Kenny Nolan. A cantante principal de Labelle, Patti LaBelle, foi quen introduciu a idea dunha muller coñecida como «Lady Marmalade» quen seducía un home nas rúas de Nova Orleans. A frase en francés "Voulez-vous coucher avec moi (ce soir)?" é un convite para manter relacións sexuais.

A canción foi versionada en numerosas ocasións. A primeira rexistrada é da cantante austríaca Gisela Wuchinger (Gilla) o mesmo 1975. Nela, a frase en francés era repetida a continuación en inglés ("Do you want to sleep with me tonight?"). En 1991 a cantante Sheila E gravou unha versión para o álbum Sex Cymbal, nun estilo próximo a sons de jazz. En 1995 a banda Boogie Knights realizou unha nova versión da canción, interpretada polo seu cantante, Jeff Scott Soto. En 1998 o grupo de pop inglés All Saints incluíu unha versión nunha dobre "cara A" do sinxelo Under the Bridge, o cal ocupou o número 1 do Top 40 no Reino Unido. Esta versión contén diferentes letras nalgúns versos, e da orixinal só se mantivo o retrouso.

Vídeo musical

editar

Missy Elliott fai a apertura do vídeo, seguida de Mýa, quen canta a súa parte facendo movementos sexys debaixo dun corazón. Despois, Pink interpreta a súa parte sobre unha cama de época, e Lil' Kim rapea a súa parte deitada nunha cadeira de brazos mentres lle traen obxectos que ela rexeita. Por último, Christina Aguilera canta dende un toucador mentres é arranxada por asistentes e loce un peiteado extravagante como a melena dun león. Ao final únense todas no escenario para interpretaren a canción.

Actuacións en vivo

editar
 
Christina Aguilera interpretando «Lady Marmalade»

Na 44ª edición dos Premios Grammy, Christina Aguilera, Lil' Kim, Mýa e Pink realizaron unha actuación especial coa intérprete orixinal de «Lady Marmalade», Patti LaBelle.[7][8]

Por outro lado, Aguilera interpretou a canción nas súas xiras mundiais Stripped Live in the UK, Back to Basics: Live and Down Under, The Liberation Tour e The X Tour, ademais de interpretala na súa residencia de concertos nas Veigas The Xperience. Pink interpretouna na súa xira mundial Try This Tour, mais foi censurada a parte de «Lady Marmalade» por burlarse de Christina Aguilera. Durante a interpretación da canción entoaba o sinxelo «Beautiful» de Aguilera sostendo unha boneca inflable coa aparencia da cantante no vídeo de «Lady Marmalade» mentres finxía sexo oral con ela. O suceso provocou conflito entre ambas artistas e causou polémicas sobre a colaboración da autora de «Beautiful», Linda Perry, coas dúas cantantes.[9]

Versións doutros cantantes

editar
 
Ariana Grande, unha das moitas voces que interpretaron «Lady Marmalade»

Velaquí algunhas versións posteriores á de 2001 de Moulin Rouge!:

  • A de Nancy and The Boys en Dancemania Speed 8 en 2002, cun estilo eurodance moi rápido.
  • En 2002 En Vogue interpretouna no seu concerto lanzado en DVD "Live en EE.UU.".
  • Unha de Carol Duboc e Noji Minae na película Be Cool de 2005.
  • A do grupo Sugababes con Patti LaBelle en Swarovski Fashion Rocks.
  • Unha interpretación de Beyoncé na cerimonia dos Premios Oscar de 2009.
  • As mozas Corrie interpretáronna en 2004 en Discomania CD, unha recompilación de cancións populares de discoteca que inclúen principalmente colaboracións entre artistas orixinais e actuais.
  • Un arranxo de The Lost Fingers en Nanette Workman (2009).
  • A banda de power metal Manowar tocouna en vivo en Francia.
  • O cantante chinés mandarín Jolin Tsai interpretou a canción en 2008 no seu álbum en inglés Love Exercise.
  • Andy Hallett cantouna na serie de televisión Angel, interpretando o seu personaxe, Lorne.
  • Céline Dion cantouna no seu Taking Chances Tour.
  • Tiffany e Taeyeon, do grupo de K-Pop Girls' Generation, realizaron unha versión do tema na primeira xira no Xapón e a segunda en Asia. Tiffany interpretou o fragmento de rap de Lil' Kim.
  • Ariana Grande interpretouna xunto a Patti Labelle.
  • CeCe Frey interpretouna na segunda tempada de The X Factor en novembro de 2012.
  1. http://top40-charts.com/songs/full.php?sid=79&sort=chartid Consultado o 10 de febreiro de 2013
  2. http://music.yahoo.com/blogs/chart-watch/chart-watch-extra-four-way-collabos-221215705.html Yahoo!. Consultado o 9 de febreiro de 2013.
  3. http://www.swisscharts.com/awards.asp?year=2001 swisscharts.com. Consultado o 10 de febreiro de 2013.
  4. "Christina Aguilera Chart History". 
  5. http://www.aria.com.au/pages/aria-charts-accreditations-singles-2001.htm ARIA charts. Consultado o 10 de febreiro de 2013
  6. https://web.archive.org/web/20020204010046/http://www.christina-a.com/billboardcharts1.html Christina-a.com. Arquivado desde o orixinal o 4 de febreiro de 2002. Consultado o 10 de febreiro de 2013.
  7. http://www.4shared.com/mp3/9bne01lC/Lady_Marmalade__Live_at_the_44.html Arquivado 04 de marzo de 2016 en Wayback Machine. Consultado o 10 de febreiro de 2013
  8. http://www.youtube.com/watch?v=vPf6s8B-roI Youtube. Consultado o 10 de febreiro de 2013
  9. http://movies.msn.com/movies/article.aspx?news=154490 Arquivado 09 de novembro de 2013 en Wayback Machine. MSN. Consultado o 10 de febreiro de 2013.