La Lucha (Vigo)
La Lucha foi un semanario publicado en Vigo entre 1898 e 1917.
La Lucha (Vigo) | |
---|---|
[ editar datos en Wikidata ] |
Historia e características editar
Subtitulado Semanario federal, apareceu o 1 de abril de 1898. Defensor do ideario e dos intereses do federalismo, tratou de continuar o labor de La Vanguardia e La Federación. O seu director, propietario e editor foi Arturo Fariña ata 1903, cando foi substituído por Joaquín Novoa Barros. Caracterizado pola súa maquetación, que facía que se abrise de esquerda á dereita, e polo seu estilo irónico e ferinte, foi un periódico de esquerdas e anticlerical, que mantivo polémicas coa prensa católica e conservadora, especialmente con El Restaurador. Foron os seus redactores Luis Suárez Gutiérrez, Humberto Cuíñas e Nicolás Paz Pardo, e entre os colaboradores figurou Eusebio Alonso Vieites. Incluíu editorial, poesías, reproducións de artigos e moi poucas noticias. Aínda que algunhas fontes dan como data de cesamento 1914, parece que aínda se editaba en 1917, posto que o seu director Pascual Ruiz Enríquez, foi procesado e xulgado en novembro dese ano por inxurias á Garda Civil.[1]
Notas editar
- ↑ Diario de Pontevedra, 24-11-1917, p. 2.
Véxase tamén editar
Bibliografía editar
- Álvarez Blázquez, José Mª (1980). "La prensa periódica viguesa en el siglo XIX". Vigo en su historia (en castelán). Caja de Ahorros Municipal de Vigo. pp. 556–558. ISBN 84-7231-494-4.
- Santos Gayoso, Enrique (1990). Historia de la Prensa Gallega 1800-1986. Sada: Do Castro. ISBN 84-7492-489-8.