Kallocaína
Kallocaína[1] é unha novela distópica en lingua sueca escrita pola autora escandinava Karin Boye e publicada en 1940 por Albert Bonniers Förlag co título orixinal de Kallocain. Describe un mundo futuro de terror cotián a través dos ollos do químico Leo Kall, científico que traballa nun Estado Mundial totalitario. Foi traducida ao galego por Marta Dahlgren,[2] e publicada por Editorial Hugin e Munin en 2015.[1][3]
Kallocaína | |
---|---|
Título orixinal | Kallocain |
Autor/a | Karin Boye |
Orixe | Suecia |
Lingua | Sueco |
Xénero(s) | Novela, ciencia ficción, distopía |
Editorial | Albert Bonniers Förlag Editorial Hugin e Munin |
Data de pub. | 1940 2015 |
Páxinas | 188 |
ISBN | 978-0299038946 978-84-943230-4-1 |
Tradución | Marta Dahlgren |
[ editar datos en Wikidata ] |
A obra resultou gañadora do XV premio Plácido Castro, fallado en xuño de 2016.[4]
Trama
editarLeo Kall vive coa súa muller Linda Kall nunha cidade adicada á industria química. Leo é un científico leal ao sistema político, e desenvolve unha droga da verdade á que dá nome, a kallocaína. A droga causa o efecto de facer que as persoas revelen calquera información, mesmo pensamentos dos cales non son conscientes.
No desenvolvemento da droga Leo é levado a comisarías para contrastar o seu uso en acusados por traizón. Descobre así que existe unha rede de persoas contrarias ao réxime, individualistas e civilistas e partidarias da cultura existente antes da imposición do Estado Mundial.
Ao cabo, cando Leo decide evadirse e saír á superficie para liberar a súa curiosidade, é capturado por militares do Estado Universal, en guerra contra o Estado Mundial ao que pertencía.
Narración
editarO relato está escrito en primeira persoa polo propio Leo Kall desde o seu cativerio, como memorias. Un dos aspectos importantes na novela son as relacións e conexións entre os distintos personaxes, como o matrimonio con Linda e os sentimentos de celos, así como as suspicacias nunha sociedade con forte servilismo e incerteza legal.
O tratamento do tema da droga da verdade ligado á subordinación de cada cidadán ao Estado aparece tamén na obra Un feliz mundo novo de Aldous Huxley (1932), outra obra na que a farmacoloxía é usada para a submisión das persoas. Porén, mentres que na novela de Huxley a droga é usada para eliminar a necesidade da inconformidade xeral, en Kallocaína a droga é usada para detectar actos individuais e propósitos de rebelión.
Aparecen tratados os temas da individualidade nun estado totalitario, o sentido da vida e o poder do amor.
A obra desenvólvese principalmente no laboratorio de Leo Kall, así como no seu domicilio.
Adaptacións
editarKallocain foi traducida a máis de dez linguas. En 1981 Hans Abramson dirixiu unha adaptación a miniserie para televisión.
Notas
editar- ↑ 1,0 1,1 Kallocaína. Traducido por Marta Dahlgren (1ª ed.). Santiago de Compostela: Editorial Hugin e Munin. 2015. ISBN 978-84-943230-4-1 – vía Biblioteca da Tradución Galega.
- ↑ Editorial Hugin e Munin (ed.). "Catálogo da Editorial Hugin e Munin (actualizado o 1 de xaneiro de 2019)" (PDF). p. 30. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 01 de abril de 2019. Consultado o 26 de marzo de 2019.
- ↑ "Kallocaína" descobre para o galego o universo antiutópico de Karin Boye Arquivado 23 de maio de 2015 en Wayback Machine., SermosGaliza
- ↑ Unha tradución directa do sueco ao galego gaña o XV Premio Plácido Castro, Praza Pública, 24 de xuño de 2016
Véxase tamén
editarBibliografía
editar- John Hickman. "When Science Fiction Writers Used Fictional Drugs: Rise and Fall of the Twentieth-Century Drug Dystopia". Utopian Studies Vol. 20, No. 1, pp. 141–170. (2009)