Juan Vázquez Tenreiro

futbolista español
(Redirección desde «Juanito Vázquez»)

Juan Vázquez Tenreiro, nado en Ferrol o 14 de xullo de 1912 e finado en Cacabelos o 22 de abril de 1957, foi un militar, futbolista e adestrador de fútbol galego. Xogaba de dianteiro e foi internacional coa selección española. Foi coñecido futbolisticamente como a frecha ferrolá.

Juan Vázquez
Información persoal
Nacemento 14 de xullo de 1912
Lugar de nacemento Ferrol
Falecemento 22 de abril de 1957
Lugar de falecemento Cacabelos
Posición Dianteiro
Carreira sénior
Anos Equipos Aprs (Gls)
1934–1935 Racing de Ferrol 13 (7)
1935–1938 Deportivo da Coruña 14 (5)
1938–1939 Aviación Nacional
1939–1947 Atlético Aviación 136 (25)
1947–1951 Celta de Vigo 94 (28)
1953 Racing de Ferrol 1 (0)
Selección nacional
1942 España 1 (0)
Adestrador
1951–1952 Astano
1952–1957 Racing de Ferrol
Partidos e goles só en liga doméstica.

editar datos en Wikidata ]

Traxectoria editar

Comezou xogando no Racing de Ferrol, co que debutou na Segunda División na campaña 1934/35, marcando 7 dos 11 goles do equipo nesa campaña, na que o Racing perdeu a categoría. Ao ano seguinte fichou polo Deportivo da Coruña, onde marcou cinco goles no campionato de Segunda e tres na Copa da República. Ademais conquistou o Campionato de Galicia 1936/37. Sarxento do Exército do Aire, en 1937 foi destinado a Madrid e logo a Zaragoza.[1] Na cidade aragonesa formou parte do Club Aviación Nacional, adestrado por Zamora, co que gañou o Campionato de Aragón.

Trala fusión deste co Atlético de Madrid permaneceu no novo club, que nun principio se chamou Atlético Aviación, ata o ano 1947. En 1940 converteuse nun dos cinco primeiros futbolistas galegos en gañar a liga, xunto cos seus compañeiros no Atlético Cesáreo Bachiller, Celso Blanco Enrique Rubio e Guillermo. Repetiu título de liga na tempada seguinte e en 1942 debutou coa selección española nun partido contra Portugal en San Mamés. Xogou no Atlético ata 1947, disputando un total de 170 partidos oficiais, e marcando 36 goles.

No ano 1947 fichou polo Celta de Vigo, co que xogou catro tempadas na Primeira División. Xogou 110 partidos oficiais en total co Celta, marcando 31 goles. En Vigo formou parte do equipo que na tempada 1947/48 rematou a Liga en cuarta posición e chegou á final da Copa do Xeneralísimo, que perdeu contra o Sevilla.[2]

Deixou o Celta ao remate da tempada 1950/51, con case 39 anos, comezando entón a súa carreira como adestrador. Dirixiu primeiramente o Astano de Perlío, e a finais de 1952 converteuse en adestrador do Racing de Ferrol, en substitución de Lorenzo Ausina. Aínda xogou un partido máis, na xornada 26 da tempada 1952/53 da Segunda División contra o Sant Andreu.

Adestrou o Racing ata 1957, cando morreu dun infarto aos 44 anos, mentres volvía dun partido que enfrontaba ao seu equipo co Burgos CF.[3]

Persoal editar

Vázquez era o avó do presentador de televisión Jesús Vázquez.[4]

Palmarés editar

Deportivo da Coruña

Aviación Nacional

Atlético de Madrid

Notas editar

  1. Espejo Carrasco, Juan F. (2020). "Atlético Aviación". Aeroplano (en castelán) (38): 17. 
  2. "Final Copa do Xeneralísimo 1948". BDFutbol (en castelán). Consultado o 9 de novembro de 2021. 
  3. "Juanito Vázquez, ha muerto". El Pueblo Gallego (en castelán) (10948). 24 de abril de 1957. p. 7. Consultado o 9 de novembro de 2021. 
  4. "El abuelo del presentador Jesús Vázquez fue extremo en el Atlético de Madrid". Mundo Deportivo (en castelán). 20 de outubro de 2018. Consultado o 9 de novembro de 2021.