Juan de Padilla

Juan de Padilla, nado en Toledo o 10 de novembro de 1490 e finado en Villalar o 24 de abril de 1521, foi un fidalgo castelán, coñecido pola súa decisiva participación na Guerra das Comunidades de Castela, na que apoiou o bando sublevado en armas contra o monarca Carlos I. Morreu decapitado trala derrota comuneira en Villalar.

Juan de Padilla
1853, Los mártires de la libertad española, vol I, Juan de Padilla (cropped).jpg
Nome completoJuan López de Padilla y Dávalos
Nacemento10 de novembro de 1490
Lugar de nacementoToledo
Falecemento24 de abril de 1521
Lugar de falecementoVillalar de los Comuneros
Causadecapitación
NacionalidadeEspaña
Ocupaciónrevolucionario
CónxuxeMaría Pacheco
Firma de Juan de Padilla.jpg
editar datos en Wikidata ]

TraxectoriaEditar

Juan de Padilla naceu no seo dunha familia fidalga toledana, fillo de Pedro López de Padilla, garda do rei e rexedor de Toledo, e a súa esposa Mencía Dávalos. Esta filiación convertíao polo tanto en sobriño de Gutierre de Padilla, comendador maior de Calatrava, e de Diego López de Padilla, mariscal de Castela.

O 18 de agosto de 1511, contraeu matrimonio en Granada con María Pacheco, filla de Íñigo López de Mendoza e Quiñones, I marqués de Mondéjar e II conde de Tendilla. Durante dous anos, ambos viviron na localidade toledana de Mascaraque.

O 20 de xullo de 1513 presentou no concello toledano unha provisión real que o facultaba para ocupar a rexedoría á que o seu pai renunciara en favor del, e o día 29 dese mesmo mes tomou posesión do cargo.[1] Pedro López tamén o beneficiou renunciando o 7 de agosto de 1517 á capitanía xeneral do reino, que foi concedida a Juan.[2] O 22 de agosto de 1518 o rei Carlos I ordenou que lle fose asentado o salario correspondente a devandito oficio, uns 200 000 marabedís anuais.[3]

Revolta comuneiraEditar

A principios de 1520, Toledo opúxose con forza á idea de que as Cortes convocadas en Compostela servisen para conceder un novo servizo fiscal a Carlos I. Por ese motivo, negouse a enviar procuradores.

Trala suspensión das Cortes o 4 de abril, para ser trasladadas á Coruña, o monarca requiriu ao grupo de rexedores toledanos remisos á súa autoridade a presentarse na Corte, ao mesmo tempo que enviaba outros máis dóciles coa misión de reunir o concello e elixir deputados favorables á Coroa.[4] Nese grupo estaba incluído Juan de Padilla. O 16 de abril, cando aqueles rexedores se dispuñan a partir, unha multitude numerosa se interpuxo no seu camiño e impediulles saír da cidade. Segundo narra o cronista frei Prudencio de Sandoval, esa multitude trasladou a Padilla a unha capela do claustro da igrexa maior, "que chaman do bispo Don Pedro Tenorio", e fíxolle prometer que non sairía de alí sen o seu permiso.[5]

 
Escultura en bronce de Juan de Padilla, obra do escultor toledano Julio Martín de Vidales.

Nas semanas seguintes á partida do monarca cara ao Sacro Imperio, onde se coroaría emperador, a revolta iniciada por Toledo estendeuse a toda a meseta castelá e comezaron os primeiros preparativos militares. Así, o 25 de xuño de 1520, Padilla recibiu o encargo de organizar as tropas que sairían desde Toledo para combater a Rodrigo Ronquillo, que se ocupaba de asediar Segovia tralo asasinato do procurador Rodrigo de Tordesillas.[6] O 5 de xullo converteuse en capitán xeneral da comunidade de Toledo, tendo ao seu cargo a dirección do exército.[6]

As tropas toledanas, ás que tamén se uniron as segovianas e madrileñas, conseguiron que Ronquillo se retirase ata Santa María la Real de Nieva, dende onde se uniu a Antonio de Fonseca.[7] Ambos os capitáns incendiaron Medina del Campo o 21 de agosto, ocasionando graves perdas para a cidade. Padilla e o resto dos capitáns pasaron por alí tres días despois, recollendo a artillaría que os medinenses negaran aos realistas.[8] O 29 de agosto e o 1 de setembro participou nas entrevistas coa raíña Xoana, en Tordesillas, conseguindo a súa aprobación para que a Santa Xunta (conformada polas cidades comuneiras reunidas en Ávila o 1 de agosto) se trasladase xunto a ela.[9]

En novembro, desgustado ante a decisión da Xunta de outorgar o cargo de capitán xeneral ao nobre Pedro Girón, Juan de Padilla dirixiuse coas súas milicias a Toledo.[10] O 31 de decembro de 1520, trala batalla de Tordesillas e a dimisión de Girón, regresou a Valladolid, a nova capital do movemento, con 1500 homes.[10] Alí dispensáronlle unha acollida delirante (que os seus adversarios describiron como mesiánica) por parte da poboación, acollida para a cal a Xunta aprobou os seus gastos o 3 de xaneiro: 19 reais e medio. Sen dúbida, a chegada dun dos seus máis destacados capitáns levantou o ánimo dos rebeldes e fixo render a inquietude nas filas realistas.

Por eses días representou a liña máis dura do pensamento comuneiro, propondo á Xunta recuperar Tordesillas, en man dos realistas desde o 5 de decembro de 1520. Cando se lle consultou sobre unha posible tregua militar, a finais de xaneiro, opúxose rotundamente á mesma, afirmando que a aproveitarían os inimigos para obter reforzos de Navarra.[11]

A mediados de xaneiro as tropas de Padilla e o conde de Salvatierra tomaron Ampudia e Torremormojón.[12] Inmediatamente, avanzaron en dirección a Burgos, xunto co bispo Antonio de Acuña, para apoiar o inminente levantamento comuneiro na cidade, mais debido a que este se adiantou dous días, rematou nun rotundo fracaso.

Trala tentativa fracasada de Burgos, Padilla regresou a Valladolid para logo trasladarse coas súas tropas a Medina del Campo, dando seguridade ás forzas segovianas a cruzar o paso da Ponte do Douro.[13] O 30 de xaneiro, comunicou a Toledo a súa intención de tomar o castelo de Simancas en cando puidese reunir as milicias necesarias. O 7 de febreiro as súas forzas arrasaron as propiedades do conde de Benavente en Cigales.[14]

Foi entón cando se comezou a debater no Xunta se debía elixirse un comandante en xefe para todo o exército.[15] Padilla amosouse como partidario de manter a autonomía das milicias urbanas, con todos os capitáns en grao de igualdade, pero tivo que ceder ante a petición que lanzaron en sentido contrario os demais xefes militares. Entón propuxo para o cargo o seu colega toledano Pero Laso de la Vega. Non obstane, a comunidade de Valladolid opúxose á súa designación. Na noite, unha multitude foi a buscar a Padilla á súa casa e, sen sequera deixalo vestirse, levouno gritando:[14]

¡Viva Padilla! ¡Viva Padilla! ¡Padilla será nuestro general!
Viva Padilla! Viva Padilla! Padilla será o noso xeneral!

a pesar das protestas deste. Finalmente, nomeouse unha comisión para dirixir o exército, aínda que na práctica foi Juan de Padilla quen cumpriu ese rol fundamental.[16]

 
Retrato de Padilla do século XIX

Resolta a cuestión, as tropas comuneiras asediaron Torrelobatón tomando a localidade o 25 de febreiro. Tratábase en realidade dunha operación militar planeada exclusivamente por Padilla, que considerou necesario obter un triunfo rápido co que levantar o ánimo das súas tropas.[17]

Novamente a Xunta consultoulle sobre unha posible tregua militar. Esta vez, Padilla respondeu de xeito diferente. En efecto, o 28 de febreiro escribiu unha carta a Toledo comunicándolle que o momento de negociar cos realistas dende unha posición de forza chegara precisamente coa vitoria en Torrelobatón.[18] Afirmou así mesmo ser consciente de que a guerra civil prexudicaba a todos por igual, ricos e pobres, soldados e civís, mulleres e nenos, para finalmente mostrarse partidario dunha tregua de oito días. Devandito armisticio promulgouse o 1 de marzo, e cando nove días despois se debateu se debía estenderse, Padilla regresou á súa postura orixinal e deu un voto negativo.[19]

O día seguinte, 11 de marzo, a Xunta instou os mandos militares a elixir un xefe único para todas as tropas. Probablemente, o elixido para devandito cargo foi Juan de Padilla.[20]

A derrotaEditar

 
Os comuneiros Padilla, Bravo e Maldonado no patíbulo, de Antonio Gisbert Pérez. 1860. (Congreso dos Deputados de España, Madrid).

Dende entón, Padilla mantívose acuartelado en Torrelobatón, reforzando as defensas e a gornición da praza. Mentres tanto, as tropas realistas de Tordesillas e de Burgos uníronse e estableceron o seu campamento en Peñaflor de Hornija, a só unha legua de Torrelobatón.

Na chuviosa madrugada do 23 de abril de 1521 as forzas comuneiras saíron de Torrelobatón en dirección a Toro, mais o exército realista continuou o seu camiño e alcanzounas no lugar de Villalar. A desmoralización da soldadesca, unida ás inclemencias do tempo, provocou unha dispersión en masa dos soldados comuneiros, que nin sequera puideron despregarse ante o ataque da cabalaría. Padilla, que tiña ao seu mando uns seis mil homes, buscou a morte arremetendo coa súa lanza un grupo de cabaleiros do conde de Benavente. Puido derrubar a Pedro Bazán do cabalo, mais recibiu unha grave ferida na perna e finalmente foi tomado prisioneiro por Alonso da Cova.[21] Pouco despois, o cabaleiro Pedro da Cova, irmán do anterior, asestoulle unha ferida o rostro, preto do nariz.

Xunto cos demais capitáns, foi trasladado ao castelo de Villalba en calidade de prisioneiros de guerra. Nesas circunstancias, ofreceulle a Alonso de Cova 50 000 ducados se o deixaba ir, mais o cabaleiro negouse a aceptar a oferta.[21] O día seguinte, 24 de abril, foi decapitado.

A diferenza dos restos de Bravo e de Maldonado, que foron trasladados a Segovia e Salamanca, respectivamente, onde foron sepultos, os de Padilla foron trasladados "provisionalmente" ao mosteiro de La Mejorada de Olmedo e nunca volveron a Toledo, probablemente como vinganza do rei ante a persistencia da rebelión en Toledo, da man de María Pacheco.

NotasEditar

  1. Palencia Herrejón 2003, p. 625.
  2. Palencia Herrejón 2003, p. 626.
  3. Palencia Herrejón 2003, pp. 642-643.
  4. Pérez 1977, p. 157.
  5. Sandoval 1681, pp. 154-155.
  6. 6,0 6,1 Palencia Herrejón 2003, p. 727.
  7. Pérez 1977, p. 176.
  8. Pérez 1977, p. 180.
  9. Pérez 1977, pp. 180-181.
  10. 10,0 10,1 Pérez 1977, p. 240.
  11. Pérez 1977, p. 267.
  12. Pérez 1977, p. 275.
  13. Pérez 1977, p. 278.
  14. 14,0 14,1 Pérez 1977, p. 279.
  15. Pérez 1977, pp. 279-280.
  16. Pérez 1977, p. 280.
  17. Pérez 1977, p. 281.
  18. Pérez 1977, p. 299.
  19. Pérez 1977, p. 303.
  20. Pérez 1977, p. 311.
  21. 21,0 21,1 Danvila 1898, p. 739.

Véxase taménEditar

BibliografíaEditar