Batalla de Villalar

A Batalla de Villalar foi o suceso decisivo da Guerra das Comunidades, na que se enfrontaron as tropas do emperador Carlos I e os comuneiros rebelados, liderados por Juan de Padilla, Juan Bravo e Francisco Maldonado. Tivo lugar o día 23 de abril do ano 1521 na localidade de Villalar (hoxe chamada Villalar de los Comuneros, na provincia de Valladolid, en España.

Batalla de Villalar.

A batalla gañárona as tropas de Carlos I, e supuxo a fin da Guerra das Comunidades no norte de Castela. Os tres caudillos comuneiros foron axustizados.

En recordo desta batalla, o 23 de abril foi elixido para festexar o Día de Castela e León.

Historia editar

Nos días previos á batalla, o exército comuneiro atopábase acuartelado en Torrelobatón, que fora tomada no mes de febreiro de 1521. Juan de Padilla mantiña aos seus homes no interior do castelo, esperando poder partir cara Valladolid ou Toro. Namentres, o exército de Carlos V instalouse en Peñaflor de Hornija, á espera de movementos por parte dos comuneiros.

Na madrugada do 23 de abril de 1521, o exército comuneiro saíu cara Toro, cidade levantada en comunidade. O día era chuvioso, pouco propicio para realizar un desprazamento militar. Os soldados comuneiros presionaran horas antes a Padilla para que realizase algún movemento na zona, e este decidiu trasladarse ata Toro en busca de reforzos e aprovisionamento. De camiño, á altura de Vega de Valdetronco, a batalla era xa inevitable, e Padilla viuse obrigado a buscar un lugar propicio no que presentar batalla. Despois de Vega de Valdetronco, estaba Villalar, lugar no que se produciría o enfrontamento.

Os comuneiros estaban en clara inferioridade respecto ás tropas de Carlos V, polo que tentaron que a batalla se producise no interior do pobo. Para tal fin instalaron canóns e outras pezas de artillaría nas rúas. Moitos combatentes aproveitaron a confusión inicial e fuxiron.

Os soldados imperiais masacraron ós comuneiros, e Padilla, Bravo e Maldonado foron capturados e, un día despois, executados. A batalla saldouse coa morte de entre 500 a 1000 soldados comuneiros e a captura doutros 6000. Algúns dos que lograron fuxir marcharon a Portugal pola fronteira de Fermoselle ou uníronse con Acuña en Toledo.