Intelixencias fluída e cristalizada

A Intelixencia é unha capacidade mental que pode ser comprendida de diversas maneiras. Por iso existen diferentes teorías que a definen de diversas formas. Ao longo da historia, creáronse varios modelos que tentan explicar a intelixencia e os seus diferentes elementos. Raymond Cattell foi o primeiro en incorporar unha teoría onde se introduce por primeira vez os conceptos da intelixencia fluída (Gf) e cristalizada (Gc) para explicar a intelixencia [1][2]. Estas dúas intelixencias presentan distintas habilidades, pero tamén están relacionadas entre si.

foto de Raymond Cattell
Raymond Cattell (1905-1998)

Historia editar

Os seres humanos estivemos interesados na intelixencia desde o principio da nosa historia escrita. Os primeiros filósofos gregos foron quen empezaron a discutir a natureza da lóxica e o coñecemento, o pensamento e a memoria. Os primeiros pasos do desenvolvemento da psicoloxía centraron en gran parte o estudo da intelixencia humana. Charles Spearman foi o primeiro en falar da concepción e da avaliación da intelixencia. A primeira persoa que foi verdadeiramente experta na medición da intelixencia como construto psicolóxico. Cría que a intelixencia estaba composta por distintas habilidades que quería medir utilizando os avances da estatística e descubrir como se relacionaban entre si. Raymond Cattell fixo un estudo xunto con Galton e Wissler no que non encontraron relacións estatisticamente significativas entre as probas que administraron, o que parecía suxerir que non estaban a medir unha soa capacidade subxacente, senón unha ampla gama de habilidades [3].

Doutra banda, Spearman atopou correlacións positivas entre todas as variábeis medidas polas probas mentais e con outras medidas de habilidade mental. Demostrou así que unha fonte común de varianza explicaba as correlacións entre todas as probas mentais e chamouno factor xeral de intelixencia (g). G era un factor común compartido entre a maioría das medidas mentais, mais cada medida tiña tamén un factor ou factores específicos únicos para esa medida, o factor xeral de intelixencia que constituirá o fundamento de moitas teorías posteriores da intelixencia humana.

Raymond Cattell foi o primeiro en falar de "intelixencia fluída" (Gf) e "intelixencia cristalizada" (Gc). Gf e Gc eran dous factores independentes o un do outro, aínda que outros autores detectaron unha aparente interdependencia entre eles [4]. Os factores de Charles Spearman considéranse precursores desta idea (Spearman, 1927) xunto coa teoría de Thurstone sobre as Habilidades Mentais Primarias (Thurstone, 1947). En 1991, John L. Horn, un estudante de Cattell, ampliou o modelo Gf-Gc para incluír 8 ou 9 habilidades amplas (Horn, 1994). Pero as principais teorías onde aparecen estas dúas intelixencias son a teoría de John Bissell Carroll three-stratum e a teoría de Cattell-Horn-Carroll [5]. O modelo de Cattell-Horn-Carroll resultou de dous modelos teóricos prominentes formado polo modelo de intelixencia de Cattell e Horn (Gf-Gc), que posteriormente se incorporou á Teoría do estrato de Carroll. Este modelo contempla diferentes capacidades, nas que se atopan a intelixencia fluída e a cristalizada. Desde a súa publicación, os conceptos destas intelixencias xeneralizáronse en todo o campo da intelixencia e deixaron de ser atribuídos a Cattell ou a Horn.

Intelixencia fluída (Gf) editar

 
"Le Penseur" de Auguste Rodin. A intelixencia fluída está directamente relacionada co razoamento.

A intelixencia fluída ou líquida (gf) refírese ás operacións mentais que un individuo pode usar para resolver problemas novos sen ningún coñecemento previo. É a capacidade de analizar novas tarefas, razoamento lóxico, identificar, relacionar, resolver e extrapolar conceptos. Ao estar determinada xeneticamente, vese determinada polo proceso madurativo e deteriórase coa idade (a partir dos 20 anos). Porén é imprescindíbel nos ámbitos científico, matemático e resolución de problemas técnicos. O razoamento fluído inclúe o razoamento indutivo e dedutivo.

Intelixencia cristalizada (Gc) editar

 
Nenos e nenas nunha escola infantil de Afganistán. A educación incentiva a intelixencia cristalizada.

A intelixencia cristalizada (gc) refírese á amplitude e á profundidade dos coñecementos adquiridos por unha persoa. É a aptitude para usar métodos de resolución de problemas previamente adquiridos e moitas veces culturalmente definidos. Estes coñecementos son principalmente verbais, é dicir, baseados na linguaxe. Este tipo de intelixencia adquírese a través da educación e as experiencias vividas. A gc mantense máis ou menos estábel até os 40 anos onde pode incrementarse en ocasións, dependendo dos coñecementos adquiridos de cada persoa ao longo da súa vida.

Similitudes e diferenzas de Gf e Gc editar

As dúas intelixencias (Gf e Gc) están bastante relacionadas entre elas. Existe unha elevada correlación cando se aplicaron distintas probas para medir as dúas intelixencias (as probas de vocabulario e a subescala verbal considéranse boas medidas de Gc). Estes resultados levaron a argumentar que Gf e Gc son simplemente distintos aspectos dun factor de intelixencia: o cociente intelectual (CI). Deste xeito, as probas para achar este CI tratan de medir ambas variábeis. Existen distintas formas e escalas para avaliar estas intelixencias como a Escala de Wechlsler de Intelixencia para Adultos que mide a intelixencia fluída nunha escala de actuación e a intelixencia cristalizada nunha escala verbal. O resultado do cociente intelectual baséase nunha combinación desas dúas escalas.

Deste modo, se as dúas intelixencias están relacionadas, non son independentes entre elas e as diferenzas individuais en Gc dependen do nivel de Gf, e viceversa. Xerarquicamente o Gf é superior ao Gc. Non é sorprendente que as persoas cunha alta capacidade fluída (Gf) tenden a adquirir máis coñecementos (Gc) ao presentar taxas máis rápidas. Este proceso de adquisición de coñecemento factual denomínase ás veces investimento cognitivo. As dúas intelixencias aumentan coa idade, pero a partir da mocidade os seus procesos de desenvolvemento diferéncianse. A intelixencia fluída diminúe cos anos mentres que a intelixencia cristalizada aumenta até unha idade avanzada.

Doutra banda, achamos diferenzas a nivel de variabilidade: a intelixencia fluída mantense estábel ao longo da vida mentres a cristalizada crece. A intelixencia cristalizada, a diferenza da fluída que depende moito da xenética, está determinada pola experiencia de cada persoa, a súa biografía, o seu ambiente. Consecuentemente o seu desenvolvemento será distinto en cada individuo. A intelixencia cristalizada é máis susceptíbel de mellora, xa que se basea en coñecementos adquiridos, experiencias vividas, estímulos recibidos. Por tanto, a Gc pode aumentarse a través da educación e da experiencia. Ao incluír habilidades como o recoñecemento de patróns, o razoamento abstracto e a resolución de problemas, a intelixencia fluída é a que máis se ve afectada por unha lesión cerebral. Finalmente, pode observarse que os trastornos do espectro autista, incluído a síndrome de Asperger, levan a perda de rendemento nalgunhas tarefas da intelixencia fluída e a mellora noutros.

Formulacións xerárquicas editar

A partir das formulacións monolíticas (baseadas nun só factor) e das factorialistas (baseadas en máis dun factor), xurdiron os denominados modelos xerárquicos, cunha pretensión integradora. Os modelos xerárquicos resultan máis comprehensivos que os modelos factoriais, xa que a organización de factores de distintos niveis produce unha estrutura moito máis rica e complexa e tamén máis próxima aos modelos explicativos actuais. A definición que se deriva do enfoque monolítico axustarase a criterios de carácter cuantitativo: a intelixencia dunha persoa corresponderíase cun valor ou puntuación e as comparacións estableceríanse en termos de máis ou menos intelixencia. Mentres, os modelos factorialistas consideran múltiples aptitudes, definindo un perfil específico para cada persoa. Así as persoas teñen diferentes tipos de intelixencia, en función das combinacións de aptitudes, polo que a perspectiva sería fundamentalmente cualitativa. Esta é tamén a razón pola que a teoría factorialista, a diferenza dos enfoques monolíticos, é capaz de explicar o fenómeno do talento.

Aplicación á Educación de Persoas Adultas editar

A Intelixencia fluída diminúe na idade adulta. O mesmo que Cattell, observárono outros autores e autoras aínda que empregaran denominacións diversas como Baltes que lle chamou compoñente mecánico da intelixencia ou Wechsler que lle chamou CI de execución. Porén, a intelixencia cristalizada, baseada na experiencia, mantense e mesmo mellora ao longo da idade adulta como tamén demostraron Baltes que lle chamou compoñente pragmático da intelixencia ou Wechsler que a identificou como CI verbal. Aplicando o test deste último autor (Wechsler Adult Intelligence Scale, tamén coñecido como WAIS), Kaufman observou nunha pescuda con 2.450 persoas de 16 a 89 anos como este CI crecía e se mantiña polo menos até os 79 anos, mentres o CI de execución (intelixencia cristalizada ou compoñente pragmático) empezaba a devecer a partir dos 30 anos.[6]

Estes descubrimentos coinciden coa experiencia dos educadores, docentes e profesorado en xeral de persoas adultas que desenvolven didácticas apoiadas na experiencia, vivencia, práctica e saber do alumnado. A Educación de Persoas Adultas en calquera nivel utiliza a intelixencia cristalizada, compoñente pragmático da intelixencia ou o CI verbal. Obsérvese a importancia que lle deron pedagogos como Freire á comunicación na Educación de Persoas Adultas [7] e como algúns autores lle chaman Intelixencia Cultural [8]. Esta perspectiva ten especial interese, por exemplo, na didáctica das matemáticas nas persoas adultas (a ciencia do razoamento por excelencia, e, por tanto, da Intelixencia fluída) cando se establecen pautas metodolóxicas apoiadas nos coñecementos previos, a vida cotiá, a experiencia, o contexto e unha forma propia de aprender [9].

Notas editar

  1. Gillis, J. (2014). Psychology's Secret Genius: The Lives and Works of Raymond B. Cattell. Amazon Kindle Edition.
  2. Festschrift for Raymond B. Cattell (1988). The Analysis of Personality in Research and Assessment: In Tribute to Raymond B. Cattell. (2 de abril e 17 de xuño de 1986). University College London: Independent Assessment and Research Centre (Preface by K.M. Miller). ISBN 0 9504493 1 8
  3. Cattell, R. B. (1963). Theory of fluid and crystallized intelligence: A critical experiment. Journal of Educational Psychology, 54, 1–22.
  4. Cattell, R. B., & Butcher, H. J. (1968). The Prediction of Achievement and Creativity. Indianapolis: Bobbs-Merrill.
  5. Schneider, W. J., & McGrew, K. S. (2012). The Cattell-Horn-Carroll model of intelligence. En D. Flanagan & P. Harrison (Eds.), Contemporary intellectual assessment: Theories, tests, and issues (3ª ed., pp. 99-144). Nova York: Guilford.
  6. Lichtenberger, E. O. & Kaufman, A. S. (2015). Aplicaciones clínicas del WAIS-IV. Editorial El Manual Moderno.
  7. Freire, Paulo (1998). Extensión o comunicación?: la concientización en el medio rural. Siglo XXI. ISBN 9682316952. 
  8. Flecha, R.; Tellado, I. (2015). "Metodología comunicativa en educación de personas adultas". Cad. Cedes, Campinas 35 (96): 277–288. 
  9. Diez-Palomar, J. (2009). "La enseñanza de las matemáticas a personas adultas desde un enfoque didáctico basado en el aprendizaje dialógico". Enseñanza de las ciencias 27 (3): 369–380.