Independentes Terras do Asma

Independentes Terras do Asma (INTA) foi un partido político fundado en Chantada no 2011 por Manuel Lorenzo Varela Rodríguez. O partido gobernou Chantada tralas municipais de 2011 e 2015, neste último caso con maioría absoluta, e en Monterroso tralas de 2015, pero en maio de 2019 a súa actividade finalizou definitivamente.

Historia do Partido

editar

Anteriormente, Manuel Lorenzo Varela Rodríguez fora militante do PPdG e alcalde de Chantada entre 1996 e 2007. Porén, após perder o goberno local ante socialistas e nacionalistas, nas eleccións ao congreso local do PP de Chantada, en novembro de 2008, foi derrotado por Susana López Abella, o que o levou a formalizar o abandono do grupo municipal xunto con outros 3 concelleiros en outubro de 2009, ao igual que o grupo popular da Deputación de Lugo. O venres día 4 de marzo do 2011 ás 20h presentouse esta nova agrupación política no Restaurante Mogay acudindo mais de 250 persoas. O nome procede do chantadés río Asma.

 
O regreso de Manuel Varela ao PP en 2019 marcou a fin da actividade de INTA como partido político.

Nas eleccións municipais de 2011 foi a lista máis votada (con 5 de 13 concelleiros) e Manuel Varela foi investido alcalde, revalidando o cargo no 2015, desta vez con maioría absoluta (7 de 13 concelleiros).

Nos comicios de 2015, INTA presentou tamén candidatura en Monterroso logrando grandes resultados: conseguiu a maioría absoluta (con 7 de 11 edís) e Jesús Otero, histórico militante do PSdG-PSOE local, accedeu á alcaldía.[1] Con todo, en outubro de 2016 Otero foi inhabilitado como rexedor en cumprimento dunha condena por tráfico de influencias durante a súa etapa como subdelegado do goberno en Lugo (2004-2009).[2] Foi relevado polo seu compañeiro Miguel Rico.

A mediados de 2018 foron confirmados contactos dos principais representantes de INTA co alcalde de Becerreá, Manuel Martínez, para unificar as súas candidaturas e expandir o proxecto, coa perspectiva de conseguir representación na Deputación,[3] sopesando tamén a posibilidade de incorporar o exalcalde taboadés José Ramos Ledo,[4] pero finalmente non se levou a cabo.[5]

O ocaso de INTA chegou na primavera de 2019, cando o alcalde de Chantada, Manuel Varela, anunciou o regreso ao Partido Popular,[6] o que foi retribuído coa súa inclusión nas listas do partido ao Senado para as eleccións xerais de abril [7], como o propio Varela recoñeceu.[8] Após conseguir a acta de senador, nas municipais de maio de 2019 obtivo a maioría absoluta en concelleiros no consistorio chantadés, repetindo como alcalde.[9] Nestas eleccións, tampouco se conformou candidatura de INTA en Monterroso,[10] finalizando, por tanto, a súa actividade política como partido.

Referencias

editar

Véxase tamén

editar

Ligazóns externas

editar