Os ilerxetes eran un dos pobos que ocupaban parte da Península Ibérica antes da chegada dos romanos. Formado a partir do substrato étnico indíxena, incorporaron múltiples influencias provenientes da Idade de Bronce e dalgunhas das tribos indoeuropeas que inmigraron á península no primeiro milenio antes de Cristo (xa na Idade de Ferro).

Situación dos ilerxetes.

Xeografía editar

Estaban situados en parte do que sería coñecido posteriormente como a Tarraconense, dende o Baixo Urgell ata o río Ebro, ocupando o que na actualidade son as provincias de Huesca e de Lleida, ocupando as ricas concas do río Segre, o Noguera Pallaresa, o Noguera Ribagorzana, o Cinca e o Alcanadre, aínda que é impropio tratar de establecer fronteiras definidas naquela época. Áchanse sinais da súa presenza durante longos períodos na actual provincia de Zaragoza e o norte de Castelló, onde premían os edetanos.

A súa capital era Atanagrum, cuxa situación exacta se descoñece. Outra cidade importante era Ilerda, tamén denominada Iltirta ou Iltirda (a actual Lleida), e que en determinados momentos foi tamén capital, chegando a considerarse nalgúns períodos como a cidade máis grande na península ao norte de Sagunt.

Sociedade editar

A súa sociedade política estaba fundamentada na existencia dun Rei (régulos nas crónicas romanas, "reis pequenos"), moi xerarquizada con oligarcas que mantiñan a estrutura social e un forte compoñente militar. Sostense a tese de que era unha sociedade moi avanzada á chegada dos romanos e que eran bos comerciantes. Algunhas cidades grandes parecían dispoñer de certa autonomía con órganos de goberno a xeito de curias a partir do século I a.C., aínda que ben poderían estar influídas polo proceso de romanización acentuada a partir do 195 a.C.

A súa economía estaba baseada na gandaría e o cultivo de gran. Encontráronse muíños manuais xiratorios. Foi moi importante o desenvolvemento da metalurxia, a ourivaría e a industria téxtil. A cerámica tiña compoñentes fenicios e gregos, con motivos ornamentais xeométricos. Usaban a moeda, de bronce (ases) e de prata (dracmas), polo menos dende o século III a. C., o que favoreceu o comercio e a captación de impostos.

Historia editar

A súa figura máis notable foi o rei Indíbil (h. 258 a. C. -205 a. C.) que primeiro como aliado de Cartago, sostivo diversos enfrontamentos cos romanos, durante a Segunda guerra púnica. A situación estratéxica do territorio dos ilerxetes favoreceu as súas alianzas con Roma ou Cartago (case sempre con esta última), aínda que se afirma na actualidade de xeito unánime que o auténtico interese dos ilerxetes e os seus caudillos era favorecer os seus propios intereses, defender o seu pobo e estenderse máis alá das súas fronteiras conquistando os pobos veciños á marxe das dúas grandes potencias do Mediterráneo occidental do momento. Tiñas boas relacións cos celtiberos, e trataron de imporse aos pobos ao norte do Ebro, como sumesetanos e sedetanos; pola contra, foron tradiconalmente aliados dos ausetanos.[1]

Ademais das batallas onde Indíbil e Mandonio, lugartenente daquel, interviñeron, os ilerxetes aínda se sublevaron no 195 a.C. contra Roma e deberon ser sometidos por Catón. A partir deste momento comeza a decadencia deste pobo que no 192 a.C. debe pedir a Roma axuda para defenderse dos seus veciños, sometidos xa a vasalaxe romana os seus reis e eliminadas as defensas das cidades.

O depósito arqueolóxico dun asentamento ilerxete que máis información ofreceu sobre a historia deste pobo, ademais das obras dos autores antigos romanos, é o de La Pedrera de Vallfogona de Balaguer.

Notas editar

  1. Blázquez Martínez (1987), p. 198

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

Outros artigos editar