Abrir o menú principal

Igrexa de Santa María de Castrelos

DescriciónEditar

As referencias históricas desta igrexa son escasas. A parroquia denominábase no século XII "Castreliis", topónimo indicativo do poboado castrexo nun monte próximo. Comécemos dúas referencias documentais:

«á la obla de Santa Maria de Castrello dejó manda, en 1305, María Eans Gibarra (Cuveiro, Habla, 75), y que para ajuda desta iglesia de Santa María de Castrelos dejó huun tonel cheo de vjnno, en 1497, Ramona Gómez, moller de Fernán Núñez Capote, escudeiro. (Arch. Hist. Nac., cartulario de Santo Domingo de Pontevedra, 172 vuelto.)».[2]

Unha inscrición á esquerda do arco triunfal indica o ano 1216, sen que saibamos con seguridade se se refire ó inicio das obras, consagración ou finalización. En todo caso atopámonos ó final do período románico, en plena etapa progótica. Isto maniféstase con claridade na súa fachada principal, onde convive o arco de medio punto na ventá e o apuntado na porta, ou o que é o mesmo, o ocaso da arte románica e o comezo das formas protogóticas.

 
Muro sur.

Representa esta igrexa o exemplo mellor conservado do románico vigués, xunto coas de Santiago de Bembrive e San Salvador de Coruxo. Ten unha planta dunha soa nave con ábsida semicircular, cunhas medidas de 20 x 7 metros.

Chama especialmente a atención o tratamento decorativo do muro sur, cunha porta de arco apuntado con catro columnas e tímpano decorado coa cruz de Malta. A ámbolos dous lados da porta hai dúas ventás completas coa mesma decoración de billetes e flores cá porta. Contrasta tanta decoración coa sobriedade do muro norte, cunha porta semellante pero só con dúas sinxelas seteiras. Puidera isto significar que a entrada sur sería a destinada ós fieis, e a norte ós monxes que atendían ó hospital e ás dependencias monacais hoxe desaparecidas.

   
Óculos visibles da ábsida.

Os óculosEditar

Este elemento de iluminación é de moi rara presenza no románico galego e no románico en xeral. A igrexa de Castrelos presenta tres óculos no tramo semicircular da ábsida, un deles oculto trala moderna sancristía.

Ventá interior de arquiños de ferraduraEditar

Este motivo nas ventás interiores consiste nun deseño dunha grosa moldura semicircular no arco, abrazado por pequenos arcos de ferradura. Este motivo aparece en Galicia no piso superior do Pórtico da Gloria, da catedral de Santiago de Compostela e de aí estenderase a portas e ventás das igrexas de Galicia.

Motivo castrexoEditar

A carón do capitel esquerdo da ventá da fachada principal, podemos ver un símbolo denominado por Alfonso Rodríguez Castelao como "esvástica do Miño",[3] motivo tomado seguindo un modelo da decoración castrexa, feito nada estraño se temos en conta o contacto visual directo co castro próximo (Piricoto) xa destruído, e que vén amosar a supervivencia na Idade Media de decoracións propias de períodos moi anteriores que deixaron forte raizame.

   
Ventás da fachada meridional.

Canzorros, capiteis, flores e cruces de MaltaEditar

Case todos os capiteis presentan unha decoración floral moi sinxela. O que máis chama a atención é a presenza esaxerada de flores con botón central resaltado, que cobren as arquivoltas de ventás e portas, feito que só se produce en cronoloxías moi serodiamente tardorománicas en Galicia. Os canzorros son sinxelos, a maioría "de proa", agás algún floral e con cabeza de bóvido. As cruces de Malta aparecen en todos os tímpanos da igrexa como consecuencia da súa pertenza a dita orde dependente da encomenda de Beade.

InteriorEditar

Do interior destaca o arco triunfal apuntado, decorado con flores hexafolias, aliñadas, a decoración dos capiteis, a ábsida cos tres óculos, as portas e as ventás.

PinturasEditar

Son salientables as pinturas murais (restauradas en 1995) pertencentes ós finais dos séculos XIV e XV, restos do que debeu ser unha decoración presente en todos os muros interiores da igrexa, perdida co desencalado realizado a mediados do século XX. Os retablos son os restos dos existentes no altar maior, datables no século XVIII.

Galería de imaxesEditar

Tímpano da porta norte. 
Tímpano da porta principal. 
Tímpano da porta sur. 

NotasEditar

  1. Ramón Otero Pedrayo: "La Encomienda de Beade de la Orden de Malta" en Cuadernos de Estudios Gallegos, 1963, p. 62-81.
  2. Villa-amil y Castro, José (facsímile: 2005) 1904. Imprenta de San Francisco de Sales (facsímile: Ed. Órbigo, A Coruña), ed. Iglesias gallegas de la Edad Media, colección de artículos publicados por (en castelán). Madrid. p. 410. ISBN 84-934081-5-8.  Páx. 259.
  3. "Imaxe da esvástica do Miño na fachada de Santa María de Castrelos". Arquivado dende o orixinal o 26 de agosto de 2014. Consultado o 23 de agosto de 2014. 

Véxase taménEditar

BibliografíaEditar

Outros artigosEditar

Ligazóns externasEditar