Igrexa Evanxélica de Marín
Este artigo contén varias ligazóns externas e/ou bibliografía ao fin da páxina, mais poucas ou ningunha referencia no corpo do texto. Por favor, mellora o artigo introducindo notas ao pé, citando as fontes. Podes ver exemplos de como se fai nestes artigos. |
A Igrexa Evanxélica de Marín é a congregación protestante máis numerosa de Galicia e unha das máis numerosas do estado español en canto a asistentes aos oficios, mais sen dúbida fai ao seu concello (Marín, na provincia de Pontevedra) moi peculiar por agrupar, xunto con outras dúas congregacións evanxélicas, o 10% da poboación total do concello, a porcentaxe máis alta de todos os concellos de España.
![](http://upload.wikimedia.org/wikipedia/commons/thumb/6/60/Capela_evanx%C3%A9lica_de_Mar%C3%ADn.jpg/250px-Capela_evanx%C3%A9lica_de_Mar%C3%ADn.jpg)
O seu pastor é Xulio Torres Caeiro, natural de Marín, que comparte a dirección da igrexa cun consello administrativo-consultivo chamado Consello de Pastores, do que dependen todas as estruturas organizativas da igrexa. Todos os seus membros e cargos son recoñecidos e aceptados polos fieis da congregación.
Historia
editarO primeiro contacto da xente de Marín co credo protestante produciuse en marzo de 1882, cando os misioneiros ingleses Thomas Blamire e James Wigstone predicaron de forma pública. O día 8 de outubro dese mesmo ano realizáronse os primeiros bautismos por inmersión na Illa de Tambo: Francisco Pais Pesqueira e Xosefa Pazos Santos. A congregación creceu durante os seguintes meses, ata alcanzar un número estable de arredor de 200 persoas.
Blamire foi o seu primeiro dirixente (denominado "pastor" polos membros da congregación), e á súa morte en 1894, Cecilio Hoyle sucedeuno no cargo. No seu servizo como dirixente construíuse o centenario edificio de culto que a congregación utiliza na actualidade, inaugurado o 31 de decembro de 1899.
O edificio deseñouse atendendo a diversas frontes sociais e culturais, utilizando o andar baixo como lugar de culto, o primeiro andar como escola infantil e o segundo andar como vivenda do pastor en funcións. A escola desenvolveu unha grande tarefa de alfabetización en Marín sen distinción de credos.
En 1906 Enrique Turrall substituíu no pastorado a Cecilio Hoyle. O matrimonio Turrall deixou impronta en varias xeracións de marinenses polo seu afecto, valentía, capacidades de evanxelista, predicador e compositor de himnos.
O fenómeno da emigración das primeiras décadas do século XX permitiu que a mensaxe cristiá que a Igrexa Evanxélica de Marín compartía cos seus conveciños chegase tamén a moitos outros lugares de España, da Arxentina, Uruguai, Chile, Cuba, Brasil e Venezuela.
A Segunda República Española significou o primeiro período de liberdade relixiosa. Porén, nos anos da guerra civil española e na Posguerra a congregación atravesou grandes dificultades debido á oposición do réxime de Francisco Franco, que expulsou os misioneiros estranxeiros, e aínda máis entre a murmuración e persecución por parte dos simpatizantes da ditadura.
Á morte de Enrique Turrall en 1952, sucedeulle no cargo Isaac Campelo, o primeiro marinense en ser pastor en toda a historia da congregación, ata a súa morte en 1983. Campelo fora colportor durante moitos anos por toda España. Baixo o seu servizo, en 1975 reformouse o edificio da igrexa, co fin de ampliar a súa capacidade.
Desde 1978 e amparada baixo a nova situación política de España, a igrexa desenvolve unha permanente actividade socio-cultural, cívica e de integración na sociedade da rexión, recoñecida labor por entidades públicas e privadas, tanto do municipio como da provincia, con motivo do cal numerosos premios foron recibidos, recentemente o "Marinense do ano 2007", o premio Liberación 2007 ou a dedicación dunha rúa na vila de Marín a un dos pastores da igrexa, Enrique Turrall. Pese a iso, non abandona o seu fin orixinal, compartir as súas crenzas e fomentar o establecemento doutras igrexas afíns, en Pontevedra e Vilagarcía de Arousa e colaborando para evitar a desaparición doutras, como a de Vilar, en Silleda.
Emigrantes ilustres
editarAdemais das Igrexas Evanxélicas que se abriron en distintas partes de España e Latinoamérica, da Igrexa Evanxélica de Marín saíron personaxes que influíron no mundo evanxélico como Jonatán Medinilla, mestre na escola evanxélica e que tivo que emigrar a Arxentina pola persecución relixiosa, ou Francisco País Pesqueira primeiro bautizado da Igrexa Evanxélica de Marín, e tamén profesor-director na escola evanxélica, que se estableceu en Cuba e foi pai de Frank País crente evanxélico, heroe da revolución cubana que loitou pola chegada da democracia a Cuba tras o golpe militar de Fulgencio Batista, aínda que foi asasinado e coa súa morte truncáronse as expectativas da democracia naquel entón.
Actividades de relevancia
editarA congregación é un referente cultural na comarca pola promoción de actividades sociais, culturais e artísticas.
Desde os seus comezos foi moi importante a súa obra social e na actualidade auspicia a ONGD AMOR EN ACCIÓN (AMENAC), que desenvolve o seu labor en España e en países como Ghana, Arxentina e Colombia, traballando solidariamente con outras entidades que buscan unha mellora na calidade de vida das persoas. É importante o labor con inmigrantes desenvolvendo programas e talleres interculturais e de integración.
Ao mesmo tempo o seu interese no desenvolvemento integral dos nenos, adolescentes e mozos levárona a impulsar a asociación xuvenil Xóvenes Pioneiros. A Igrexa Evanxélica de Marín leva a cabo un labor cultural intenso a través da Asociación Socio Cultural Evanxélica de lecer e Tempo libre KALOS por medio de concertos do coro Gospel DOXA, ou do Coro Evanxélico cunha traxectoria de 36 anos de actividade ata o 2008 baixo a batuta do director Virgilio Vangioni; o grupo de teatro VERBAS e as actividades de campamento ao aire libre. Outras actividades son a escola bíblica do Nadal, ciclos de conferencias, xornadas de cine e videoforum, participación en feiras de libros ou a edición de libros como En los campos de Galicia (biografía de Enrique Turrall e a súa esposa Adelaida), ou a edición en español de Galicia Noroeste de España en 1920.
Desde o ano 1993 leva a cabo actividades de campamento, retiros, xornadas para mestres de ensinanza evanxélica (ERE), ou xornadas sobre obra social ou inmigración no Centro de Campamentos A Pradeira, un espazo dedicado á dinamización da convivencia.
Representación
editarA Igrexa Evanxélica de Marín identifícase co grupo de igrexas evanxélicas denominado Asembleas de Irmáns ou Igrexas dos Irmáns, forma parte da Federación de Igrexas Evanxélicas de Galicia e participa activamente no programa "Nacer de Novo" tanto na Radio Galega como na (Televisión de Galicia), sendo Marín o lugar onde está establecida a súa sede social.
Ao mesmo tempo ten representación en distintos organismos de Galicia coma a Coordinadora de Asembleas de Irmáns de Galicia (Coahga), Consello Evanxélico de Galicia que representa todas as igrexas evanxélicas de Galicia ante a administración autonómica galega. Forma parte da Federación Relixiosa de Entidades Evanxélicas de España (FEREDE) que representa as igrexas evanxélicas ante o goberno de España.
Colabora activamente no mundo universitario a través da asociación Grupos Bíblicos Universitarios (GBU). Participa en proxectos de colaboración cultural, social e de axuda ao desenvolvemento fóra de España a través de entidades como Misión Pionera Internacional (MPI) da que tamén é membro.
Ten á súa vez presenza en Internet, a través da páxina de información da mesma congregación e tamén a través dun portal de servizos a toda a comunidade de fala hispana en Internet.