Lingua checa

lingua eslava occidental falada na República Checa
(Redirección desde «Idioma checo»)

O checo[2] é unha das linguas eslavas do oeste de Europa, xunto co polaco, eslovaco e o sorabo. Falado por un total duns 12 millóns de persoas, principalmente na República Checa (nas dúas provincias da Bohemia e Moravia e na parte meridional da Silesia) por cerca de 9,5 millóns de persoas. Hai tamén comunidades illadas nos países veciños: en Austria hai unha comunidade de 20.000 falantes en Viena[3], en Romanía hai seis lugares onde o checo é a lingua propia como resultado dunha inimigración no século XIX, en 2002 eran case 4000[4], na Voivodina o checo é oficial no concello de Bela Crkva[5], onde se sitúa a pequena aldea de Češko Selo, na cal a maioría dos seus 46 habitantes son de lingua checa. Existen importantes minorías formadas por inmigrantes en Alemaña, Estados Unidos, Eslovaquia e outros países.

Checo
Čeština
Falado en: Chequia, Austria, Bulgaria, Canadá, Israel, Polonia, Eslovaquia, Ucraína, Estados Unidos
Rexións: Europa Central
Total de falantes: 12 millóns
Posición: 73
Familia: Indoeuropea
 Eslava
  Eslava occidental
   Checo-eslovaca
    Checo
Status oficial
Lingua oficial de: República Checa
Unión Europea
Regulado por: Instituto da Lingua Checa
Códigos de lingua
ISO 639-1: cs
ISO 639-2: cce (B)ces (T)
ISO 639-3: ces
SIL: CES
Mapa
Status

O checo está clasificado como "en estado seguro" polo Libro Vermello das Linguas Ameazadas da UNESCO[1]

O checo utiliza o alfabeto latino con sinais diacríticas para a súa escrita. A fonoloxía do checo pode ser difícil para falantes doutras linguas. Por exemplo, algunhas palabras non parecen ter vogais: ztvrdl (endurecido), scvrkl (afondado), blb (bobo), vlk (lobo), e smrt (morte). Hai un exemplo popular disto na frase "strč prst skrz krk" que significa "meter un dedo na túa gorxa".

As linguas checa e eslovaca son mutuamente intelixíbeis e próximas na escrita, mais difiren fonética e gramaticalmente. A maioría dos adultos eslovacos e checos son capaces de comprenderse mutuamente sen dificultade, tendo estado en contacto coas dúas linguas por medio da radio e da televisión nacionais, ata a partición de Checoslovaquia no 1993. Aqueles que non viviron esta situación, en particular os máis novos, poden experimentar dificultades de comprensión.

Historia

editar

Os primeiros escritos datan do século X, xeralmente en forma de palabras soltas e insercións en textos latinos, tal como moitas outras linguas europeas tamén fixeron as súas primeiras aparicións.

Mais as principais características do checo datan do século XIII ou un pouco antes, aínda que a súa forma moderna débese moito a certas mudanzas lentas que ocorreron nos séculos XIV e XV. A linguaxe escrita baseouse na variedade do checo falada no principal centro cultural da nación, Praga (onde se fundou a universidade en 1348). O texto literario máis antigo é un himno de catro estrofas incluído nun códice latino da segunda metade do século XIII que di así:

(Z)louo do zveta ztworene / v bozstui zhowano / iez pro Euino zresšinie / na zuet pozlano

Que traducido sería:

Antes da creación do mundo, o verbo / estaba oculto na Divindade / (e) a causa do pecado de Eva / enviouse ao mundo

A supresión da cultura checa, asociada á Contrarreforma, durou ata o século XVIII cando se restabeleceu o contacto con fontes occidentais e emerxeu un renacemento romántico, período que culminou coa revolución de 1848. Desde o século XIX ata o inicio da segunda guerra mundial, o checo foi o vehículo dunha rica e extensa literatura de todos os xéneros, especialmente poesía e novela.

A lingua normativa baséase na codificación de Josef Dobrovsky, feita no século XIX e modelada sobre o checo do século XVI. O checo normativo é, entón, unha creación semiartificial arcaica en moitos aspectos e bastante evolucionada noutros, o que xera unha tensión entre a lingua literaria moderna e o checo falado, usualmente coñecido como checo común.

Dialectos

editar

Os dialectos checos divídense en dous grandes grupos:

  • Grupo da Bohemia, onde se inclúen os dialectos non moi peculiares da zona que marxea a Bohemia Central.
  • Variedade de dialectos, englobados pola súa vez en subgrupos (haná, valašsko, slovácko) na rexión da Moravia. O slovácko está ligado ao eslovaco por algunhas características, en canto o do sur de Silesia comparte partes co polonés.

O dialecto que se coñece como checo común é o que se fala na Bohemia Central, sobre todo en Praga.

Escrita

editar

Utilízase o alfabeto latino con sinais diacríticos. A ortografía racionalizouse primeiro por Jan Hus no século XIV, e despois polos monxes checos no século XVI para facer a súa tradución da Biblia.

  1. Moseley, Christopher e Nicolas, Alexandre. "Atlas of the world's languages in danger". unesdoc.unesco.org. Consultado o 11 de xullo de 2022. 
  2. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para checo.
  3. "Euromosaic". Arquivado dende o orixinal o 28 de outubro de 2009. Consultado o 31 de outubro de 2009. 
  4. http://www.perenn.com/czech-and-slovak-minorities-romania The Czech and Slovak minorities in Romania
  5. Secretaría Provincial de Minorías Nacionais da Voivodina

Véxase tamén

editar

Outros artigos

editar

Ligazóns externas

editar

 
 Este artigo sobre lingüística é, polo de agora, só un bosquexo. Traballa nel para axudar a contribuír a que a Galipedia mellore e medre.
 Existen igualmente outros artigos relacionados con este tema nos que tamén podes contribuír.