Historia de Moscova

Moscova é a capital da Federación Rusa.

Kremlingrado

editar

Inicios

editar

Todo semella indicar que antes do ano 1100 existía xa unha pequena fortaleza eslava (1,5Ha) na confluencia do río Neglinnaia no Moscova, dominando o seu val dende o outeiro Borovitsky [1], nas inmediacións da cal se asentou unha aldea. Ese era o conxunto que mencionan as crónicas por primeira vez coma Moscova no 1147 [2]. O príncipe de Suzdal Yuri Dolgoruky o envolve cunha muralla de madeira, terrapléns de terra e foxo no desprotexido lado leste en 1156 [3] dando inicio a historia da cidade co primeiro Kremlin (de krem, troncos de conífera empregados no muro). Eran pouco máis de tres hectáreas cun perímetro de 700m que se estendía sobre o val do río Neglinnaia (entre as portas Borovitskaya e Troitskaya do Kremlin actual) e cun van que o salvaba [4]. Poida que cedo se establecera ao leste, na beira do Moscova, un primeiro asentamento de comerciantes, o chamado Zaradye Posad, berce da futura Kitai Gorod.

O século XIII é o da inseguridade e a destrución case absoluta polas invasións mongois (1237-1240, e de novo en 1290). A cidade porén reponse con sorprendente vitalidade. Daniil Alexandrovich convértese no primeiro príncipe de Moscovia, vasalo dos mongois, construíndo para o caso (1290-1300) unha primitiva residencia palaciana no outeiro Borovitsky e dous mosteiros fóra do Kremlin.

Capital de Moscovia

editar

Pero foi co seu fillo e sucesor Iván Kalita cando Moscova colleu pulo de capital: alí trasladou tamén a sede do principado de Vladimir e a sé metropolitana da Igrexa Rusa. Ampliou o pazo e comezou ó seu carón polo leste a construción en pedra da Catedral da Asunción (1326) [5] e a igrexa de San Miguel Arcanxo (1333) entre outras. Asemade, erixiu unha nova e gran fortaleza (1339-40, troncos de 70 cm de diámetro) [6].

A fortaleza ardeu en 1365 e Dmitri Donskoi decidiu levantar unha en pedra que se rematou en 1367 aparecendo así o chamado Kremlin Branco pola súa cor [7]. A máis dun Gran Pazo agrandando os anteriores, mandou construír dez igrexas en pedra [8].

Terceira Roma

editar
 
Catedral da Anunciación.
 
Catedral do Arcanxo.
 
Praza das Catedrais

.

En 1453 ten lugar a caída de Constantinopla, sé da Igrexa Ortodoxa; en 1462 ascende o poder do principado de Moscovia Iván III o Grande, quen o converte no dominante da rexión logrando emancipalo da tutela mongol. Proclámase Gran Duque de todas as Rusias e pretende que a súa capital Moscova sexa a terceira Roma. Comeza un vasto programa construtivo para o que manda chamar a renomeados arquitectos italianos. Así, entre 1475 e 1479 levántase unha nova e magnífica Catedral da Asunción no lugar da vella do século XIV, xa arruinada. En sucesivos anos refanse tamén a Catedral da Anunciación e a do Arcanxo que xunto a outras menores, ó Pazo das Facetas e a posterior Torre da Campá configuran un dos conxuntos arquitectónicos máis intensos do mundo, a Praza das Catedrais do Kremlin . Finalmente toda a fortaleza arrodéase dunha nova muralla con vinte torres (1485-95), perímetro triangular, en ladrillo vermello e de claro sabor italiano (Castelo Scalígero de Verona, Castelo Sforcesco de Milán) [9]. Queda así establecida a base fundamental do que hoxe coñecemos coma corazón da cidade de Moscova, un desenvolvemento que levou catrocentos anos [10].

Kitai Gorod

editar

Fora do Kremlin, inmediatamente ao leste un van atravesaba o Moscova [11], e o antigo suburbio mercantil de Zaryade a beira do río estendérase cara ao norte configurando a chamada Kitai Gorod. Entre medias, un espazo baleiro creado dende o edicto de Iván III no 1493 para deixar espazo as novas murallas e protexelas dos frecuentes incendios das edificacións de madeira. Neste lugar, Pozhar (futura Praza Roxa), iríanse asentando os postos do mercado. O conxunto cinguiríase con murallas en 1534-38 conformando o que permanecerá como cidade vella de Moscova cun evidente e persistente carácter comercial.

No 1547 Iván o Terrible coróase coma Tsar de todas as Rusias con Moscova coma capital do imperio. Poucos anos despois, para conmemorar unha vitoria manda construír a célebre Catedral de San Basilio na Pozhar, que por estar ao carón do foxo do Kremlin chamouse nun principio da Intercesión da Virxe no Foxo [12],[13],[14].

 
Mosteiros fortalezas.

En 1584-91, tralo saqueo tártaro que estragou todo excepto o Kremlin e reduciu a poboación de 200.000 a 30.000 habitantes, construíuse un novo cinto de murallas en pedra que tamén incluían os suburbios periféricos en torno a cidadela e a Kitai Gorod: a chamada Bely Gorod (Cidade Branca)[15]. E aínda en 1592 un terceiro muro periférico de terra con 50 torres que por vez primeira saltaba o río Moscova iniciando o patrón circular para o futuro desenvolvemento da cidade. Ao anaco de cidade entre o segundo e o terceiro cinto chamóuselle Zemlyanoy Gorod (Cidade de Terra) [16]. A maiores, o sistema defensivo completouse cun anel de seis mosteiros-fortaleza ao sur e o leste, por onde chegaban os ataques dos tártaros de Crimea [17].

Os séculos XVII e XVIII son de certo estancamento urbano: O primeiro por comezar co chamado Período dos Tumultos ata a chegada dos Romanov ao poder e despois polas continuas revoltas populares ou dos comerciantes. O segundo porque en 1712 o tsar Pedro o Grande traslada a capital do imperio a San Petersburgo. A cidade languidece un tempo inda que pronto comeza a súa recuperación da man do apoio do tsar a creación de factorías sobre todo do téxtil. Soamente cabe salientar unha última barreira exterior, a Kamer-Kollezhsky con dezaseis aduanas en 1741 e o derrubo da muralla da Bely Gorod e a súa substitución por unha coroa de bulevares en 1770-80 (ambas operacións de claro ascendente parisiense) [18]. Esta é a cidade que vai atopar Napoleón cando a súa breve conquista en 1812. Os rusos entrégana baleira e ardendo. Máis de dous terzos resulta destruído.

Século XIX

editar

Trala catastrófica retirada dos franceses no inverno, en 1813 establécese un gran programa de reconstrución no que cabe salientar novos pazos no Kremlin e o Teatro Bolshoi, levantado xusto ao norte da muralla da Kitai Gorod, xunto ao antigo leito do Neglinnaia, agora cuberto. Derrúbase o muro de terra exterior e substitúese por outra coroa de avenidas, o chamado Anel Xardín (Sadovoye Koltso 1826 en adiante). No 1851 comeza a era dos ferrocarrís en Rusia (liña Moscova-San Petersburgo) dos que Moscova vai ser o nodo central. Constrúese un anel de estacións cara a todas as direccións do imperio, a maioría en prazas aproveitando terreos nos límites da cidade preto da barreira Kamer-Kollezhsky [19]. Isto xunto a proliferación de numerosas industrias na periferia da barreira favorecerá a chegada de milleiros de traballadores que triplicarán a poboación da capital (de 336.000 en 1835 a 978.000 en 1897). Serán a sementeira do descontento contra os poderes absolutos nas revolucións proletarias dos comezos do seguinte século.

Revolucións: capital da Unión Soviética

editar

A partir de 1890 tamén se desenvolve a industria pesada e a poboación de traballadores volve a duplicarse (1 983 000 habitantes en 1915). A riqueza xerada favorece a ostentación da grande arquitectura burguesa en estilos pintorescos (Museo da Historia no lado norte da Praza Roxa, e os Almacéns GUM seguindo a tradición do antigo mercado pechando o leste [20]). Máis a outra cara da moeda era o descontento das masas obreiras coa súa calidade de vida.

As revolucións de 1905 e 1917 tiveron pronto eco en Moscova (perda da metade da poboación na guerra civil), e tralo seu triunfo, en 1918, Lenin e o goberno soviético trasládanse á cidade e ratifícana como capital da URSS en 1922.

En 1928 deron comezo unha serie de plans quinquenais que recuperaron e incrementaron a capacidade industrial da metrópole da man, de novo, dunha enorme afluencia de poboación nova (4 182 916 en 1939) [21].

A primeira liña do metro máis fastoso e usado do mundo inaugurouse en 1935.

 
Metro.

A cidade foi asediada polos alemáns na segunda guerra mundial, pero volveu a triunfar sobre os invasores. Despois, os recoñecibles rañaceos da época stalinista (as "sete irmás" mais dúas non construídas) puntuaron o seu perfil [22]. De seguida recuperou o seu frenético crecemento que a levou nos sesenta ata os seus límites administrativos no Anel de Circunvalación Exterior [23]. Máis de dez millóns de habitantes convértena nunha das maiores do mundo.

Caída do comunismo: capital da Federación Rusa

editar

No século que comeza, xa coma capital de Rusia e da man do capitalismo, preténdese facer de Moscova unha cidade de negocios mundial para o que estanse levando a cabo grandes proxectos urbanos cos rañaceos máis altos de Europa, no que cabe salientar o chamado Centro Internacional de Negocios de Moscova, ao oeste do Anel Xardín, á beira do río.

 
2007
  1. Imaxe
  2. "Imaxe". Arquivado dende o orixinal o 27 de setembro de 2007. Consultado o 03 de xullo de 2007. 
  3. Imaxe
  4. "Imaxe". Arquivado dende o orixinal o 27 de setembro de 2007. Consultado o 03 de xullo de 2007. 
  5. Imaxe
  6. Imaxe
  7. Imaxe
  8. "Imaxe". Arquivado dende o orixinal o 27 de setembro de 2007. Consultado o 05 de xullo de 2007. 
  9. Imaxe
  10. Imaxe
  11. "Imaxe". Arquivado dende o orixinal o 05 de xullo de 2007. Consultado o 09 de xullo de 2007. 
  12. "Imaxe". Arquivado dende o orixinal o 05 de xullo de 2007. Consultado o 10 de xullo de 2007. 
  13. Imaxe
  14. Imaxe[Ligazón morta]
  15. "Imaxe". Arquivado dende o orixinal o 09 de xullo de 2012. Consultado o 09 de xullo de 2012. 
  16. "Imaxe". Arquivado dende o orixinal o 05 de xullo de 2007. Consultado o 10 de xullo de 2007. 
  17. "Imaxe". Arquivado dende o orixinal o 05 de xullo de 2007. Consultado o 10 de xullo de 2007. 
  18. "Mapa". Arquivado dende o orixinal o 05 de xullo de 2007. Consultado o 10 de xullo de 2007. 
  19. "Imaxe". Arquivado dende o orixinal o 09 de xullo de 2012. Consultado o 09 de xullo de 2012. 
  20. "Imaxe". Arquivado dende o orixinal o 05 de setembro de 2012. Consultado o 05 de setembro de 2012. 
  21. "Imaxe". Arquivado dende o orixinal o 15 de marzo de 2005. Consultado o 13 de xullo de 2007. 
  22. "Imaxe". Arquivado dende o orixinal o 02 de novembro de 2005. Consultado o 02 de novembro de 2005. 
  23. "Imaxe". Arquivado dende o orixinal o 07 de xullo de 2012. Consultado o 07 de xullo de 2012. 

Véxase tamén

editar

Ligazóns externas

editar