Catedral de San Basilio

Coordenadas: 55°45′9″N 37°37′23″L / 55.75250, -37.62306

A Catedral da Intercesión da Virxe sobre o foso (en ruso Собор Покрова, что на Рву), máis coñecida coma Catedral de San Basilio, é un templo ortodoxo localizado na Praza Vermella da cidade de Moscova, Rusia. É coñecida mundialmente polas súas cúpulas en forma de bulbo (aceboladas). Malia a crenza popular, a Catedral de San Basilio non é nin a sé do Patriarca Ortodoxo de Moscova, nin a catedral principal da capital rusa, pois en ambos os dous casos é a Catedral de Cristo Salvador.

Catedral de San Basilio

Catedral de San Basilio
Tipo Catedral
Advocación San Basilio
Localización Praza Vermella, Moscova
Culto Igrexa Ortodoxa
Diocese Diocese de Moscova
Construción 1555 - 1561
Fundador Iván o Terríbel
Arquitectos Barma e Yákovlev Póstnik
Estilo arquitectónico Ruso moscovita
Catalogación Patrimonio da Humanidade (1990)
Web www.saintbasil.ru
www.shm.ru

A construción da catedral foi ordenada polo tsar Iván o Terríbel para conmemorar a conquista do Khanato de Kazán, e realizouse entre 1555 e 1561. En 1588 o tsar Fiódor Ioánnovich ordenou que se agregase unha nova capela na banda leste da construción, sobre a tumba de San Basilio, o Louco por Cristo, santo polo cal se comezou a chamar popularmente a catedral.

San Basilio atópase no extremo sueste da Praza Vermella, xusto fronte á Torre Spásskaya (a Torre do Salvador) do Kremlin e mais da Igrexa de San Xoán Bautista en Dyákovo.

Nun xardín fronte a igrexa xace unha estatua de bronce, erixida en honra a Dmitri Pozharski e Kuzmá Minin, quen reuniron voluntarios para o exército que loitou contra os invasores poloneses durante o coñecido coma Tempo de Dificultades.

O concepto inicial era construír un grupo de capelas, cada unha dedicada a cada un dos santos en cuxo día o tsar gañara unha batalla, porén a construción dunha torre central unifica estes espazos nunha soa catedral.

A lenda di que o tsar Iván deixou cego o arquitecto Póstnik Yákovlev para evitar que proxectase unha construción que puidese superar esta, aínda que semella claro que non se trata máis ca dunha fabulación, xa que Yákovlev participou, pasados uns anos, na construción do Kremlin de Kazán.

Cómpre non confundir a Catedral de San Basilio co Kremlin de Moscova, que está situado a carón desta na Praza Vermella, e polo tanto non forma parte del. Con todo moitos medios confunden ambas as dúas construcións.

Construción baixo Iván IV editar

O local onde se ergue a igrexa fora historicamente unha concorrida feira entre a porta da Torre de San Frol (despois ‘do Salvador’) do Kremlin de Moscova e o posad periférico. O centro da feira estaba marcado pola Igrexa da Trindade, construída coa mesma pedra branca ca o Kremlin de Dmitri Donskói (1366-1368) e mais as súas catedrais. O tsar Iván IV marcou cada vitoria da Guerra Ruso-Kazán ao erixir unha igrexa memorial de madeira par dos muros da Igrexa da Trindade, que a finais da súa Campaña en Astracán, estaba envolta nun grupo de sete igrexas de madeira. Segundo o informe incompleto na Crónica de Nikon, polo outono de 1554 Iván ordenou a construción da Igrexa da Intersección de madeira no mesmo local, "no foso". Un ano máis tarde, Iván ordenou a construción dunha nova catedral de pedra no local da Igrexa da Trindade que había conmemorar as súas campañas. Dedicar unha igrexa a unha vitoria militar era daquela "unha grande innovación" para Moscovia. A colocación da igrexa fóra dos muros do Kremlin foi unha declaración política a favor dos comuneiros feirantes posad e contra os boiardos herdarios.[1]

A identidade do arquitecto é descoñecida[2]. A tradición sostén que a igrexa foi construída por dous arquitectos, Barma e Postnik. O rexistro oficial do Patrimonio Cultural de Rusia recólleos coma "Barma e Postnik Yakovlev"[3] . Os investigadores propuxeron que ambos os dous nomes se refiren á mesma persoa, Póstnik Yákovlev ou, no seu defecto, Ivan Yakovlevich Barma (Varfolomey). A lenda di que Iván cegou o arquitecto para que non puidese recrear a obra de arte noutro lugar [4][5], malia que o verdadeiro Postnik Yakovlev se mantivo activo polo menos ao longo da década de 1560[6]. Hai evidencia de que a construción involucrou a canteiros de Pskov[7] e de terras alemás.

Estilo arquitectónico editar

 
Unha igrexa en Kolomenskoye, que probabelmente influíu na catedral.

Por mor de que a igrexa non ten análogos na arquitectura anterior, contemporánea ou posterior das tradicións culturais moscovitas e bizantinas en xeral, as fontes que inspiraron Barma e Postnik son discutidas. Eugène Viollet-le-Duc rexeitou as raíces europeas da catedral; segundo el, as molduras dos arcos serían bizantinas ou como moito asiáticas.[8] Unha hipótese actual "asiática" considera a catedral unha recreación da Mesquita de Qolsharif, que as tropas rusas destruíron despois do asedio de Cazán.[9]

Os escritores rusos decimonónicos, comezando por Ivan Zabelin, salientaron a influencia da arquitectura vernácula, especialmente das igrexas de madeira do norte de Rusia; os motivos facíanse en cachotaría, en particular nas Igrexas votivas que non adoitaban acoller congregacións importantes. David Watkin tamén escribiu que ten unha combinación de estilos rusos e bizantinos, denominado a catedral coma "o clímax" da arquitectura vernácula rusa en madeira.[10]

A igrexa combina o deseño escalonado en capas da parte máis antiga (1505–08) da Torre da campá de Iván o Grande,[11] o tabernáculo central da Igrexa da Ascensión en Kolomenskoye (1530), e a forma cilíndrica que lembra á igrexa da decapitación de Xoán Bautista en Dyakovo (1547), mais a orixe deste edificios únicos tamén é discutida. A Igrexa de Kolomenskoye, segundo Sergey Podyapolsky, construíuse polo italiano Petrok Maly,[12] aínda que a historia convencional aínda non aceptou a súa hipótese. Andrey Batalov datou o ano de remate das obras da igrexa de Dyakovo entre 1547 e os anos 1560-70, e decatouse de que a Igrexa da Trindade non puido de ningún xeito ter antecesores reais.[13] Dmitry Shvidkovsky suxeriu que as formas "improbábeis" da Igrexa da Intercesión e da Igrexa da Ascensión de Kolomenskoye manifestan un rexurdimento nacional, mesturando elementos moscovitas temperáns con influencias da Renacenza italiana.[14] Un gran grupo de arquitectos e artesáns italianos traballaron arreo en Moscova entre 1474 e 1539, así coma refuxiados gregos que chegaron á cidade despois da Caída de Constantinopla. Estes dous gremios, segundo Shvidkovsky, axudaron aos gobernantes de Moscova na formación da doutrina da Terceira Roma, que á súa vez, promoveu a asimilación da cultura grega e italiana contemporánea.[15] Shvidkovsky fixouse nas semellanzas da planta da catedral cos conceptos italianos de Antonio da Sangallo o Novo e mais de Donato Bramante, pero especialmente cos conceptos do Trattato di architettura de Filarete. Outros investigadores rusos decatáronse da semellanza cos bosquexos de Leonardo da Vinci, aínda que el non puido ter relación ningunha coa Moscova dos tempos de Iván[16]. Nikolay Brunov recoñeceu a influencia deses prototipos mais non a súa significación;[17] suxerindo que a mediados do século XVI Moscova xa tiña arquitectos locais adestrados na tradición italiana, debuxo técnico arquitectónico e perspectiva. Esta cultura puido perderse despois no chamado Tempo de Dificultades.[18]

Andrey Batalov escribiu que, a xulgar polo número de elementos innovadores introducidos na Igrexa da Trindade, podería máis ben ter sido construída por artesáns alemáns. Batalov e Shvidkovsky apuntaron que durante o reinado de Iván, alemáns e ingleses substituíron os italianos, malia que a influencia alemá acadou o seu cénit máis tarde, durante o reinado de Mikhail Romanov. A influencia alemá xustifícase indirectamente pola pilastras rústicas da capela central, unha característica máis común no norte de Europa ca en Italia.[19]

A edición de 1983 de Monuments of Architecture in Moscow adopta un punto medio: a igrexa é, moi probabelmente, un produto da complexa interacción de distintas tradicións rusas da arquitectura da madeira e da pedra, con algúns elementos tomados das obras de italianos que moraban en Moscova.[20] En concreto, o estilo do ladrillo nas bóvedas é italiano.

Deseño editar

 
A catedral de San Basilio dende a Praza Vermella.

No canto de seguir o orixinal esquema ad hoc (sete igrexas ao redor do núcleo central ), os arquitectos de Iván optaron por unha planta máis simétrica con oito igrexas laterais arredor do núcleo,[21] producindo un plan lóxico e completamente coherente " [22][23], malia a errónea "última noción dunha estrutura desprovista de contención ou razón " [22] influenciada pola lembranza das atrocidades irracionais de Iván. O núcleo central e as catro igrexas máis grandes colocadas a xeito de rosa dos ventos son octogonais; as catro igrexas menores colocadas en diagonal son cuboides, aínda que a súa forma é pouco visíbel por mor de engadidos posteriores.[24] As igrexas máis grandes fican sobre alicerces enormes, mentres que os menores foron feitas sobre cadansúa plataforma elevada, coma se pairasen por riba do chan. [25]

Aínda que as igrexas laterais están colocadas en perfecta simetría, a catedral no seu conxunto non o é.[26][27] A grande igrexa central foi deliberadamente [26] desviada cara ao oeste dende o centro xeométrico a respecto das capelas laterais, para acomodar a súa grande ábsida[26] na parte leste. Como resultado desta asimetría sutil e calculada,[26] a vista dende o norte e o sur presenta unha forma complexa multiaxial, mentres que a fachada oeste, a que dá cara ao Kremlin, preséntase simétrica e monolítica.[26][27] Esta última percepción refórzase polo matacán a xeito de fortaleza e a cornixa con canzorros da igrexa occidental da Entrada a Xerusalén, que reflicte as fortificacións reais do Kremlin.[28]

Dentro da igrexa composta hai un labirinto de estreitos corredores abovedados e igrexas estreitas e de teitos altísimos [29] A máis grande, a central, é a Igrexa da Intercesión, que ten 46 metros de altura interior, mais só unha superficie de 64 metros cadrados.[29] Pola contra, é máis larga e máis espazosa ca a igrexa de Kolomenskoye cos seus muros excepcionalmente grosos. Os corredores funcionaban coma adros internos; o corredor occidental, adornado cun único teito artesoado, duplicouse coma o nártice.[29]

O destacado campanario da igrexa orixinal da Trindade ficou ao suroeste ou ao sur da estrutura principal. Os plans de finais do século XVI e comezos do XVII describen unha estrutura simple, con tellados a xeito de tendas, probabelmente cubertos con chapas metálicas [30] Non hai edificios deste tipo que sobrevivisen ata hoxe, malia seren moi comúns daquela e utilizados en todas as torres de Skorodom. O panorama de August von Meyerberg (1661) presenta unha construción diferente, cun feixe de pequenas cúpulas tipo cebola.[30]

Estrutura editar

 
A pequena cúpula á esquerda marca o santuario de Basilio (1588).

Os alicerces, como era tradicional na Moscova medieval, construíanse de pedra, mentres que as igrexas en si mesmas construíanse de ladrillo vermello (28×14×8 centímetros), un material relativamente novo[21] (o primeiro edificio testemuñado construído en Moscova con ladrillo, o novo muro do Kremlin, comezou a se erguer en 1485).[31] Mostras na estrutura revelan que o chan do soto está perfectamente nivelado, o que indica a realización de medidas exactas e planos técnicos, porén os subsecuentes andares vólvense máis e máis irregulares.[32] Os restauradores que substituíron parte dos paramentos de ladrillo en 1954–55 descubriron que as paredes de ladrillos macizos agochaban unha armazón de madeira interna que percorría toda a altura da igrexa.[33][34] Esta armazón, feita con trabes finas ben amarradas, ergueuse coma un modelo a tamaño real da futura catedral, para despois cubrirse aos poucos cunha fábrica sólida de cachotaría.[33][34]

Os construtores, fascinados pola flexibilidade da nova tecnoloxía[35], utilizaron ladrillo como medio decorativo, tanto dentro como fóra, deixando a maior cantidade de ladrillo cara vista posíbel, e cando a localización requirise muros de pedra, estes decorábanse cun padrón de ladrillo pintado con estuco.[35] Unha das maiores novidades que introduce esta igrexa foi o uso de medios de decoración exterior estritamente "arquitectónicos".[36]

A escultura e os símbolos sagrados utilizados pola arquitectura rusa precedente están completamente ausentes; os enfeites florais son un engadido posterior.[36] Pola contra, a igrexa posúe unha diversidade de elementos arquitectónicos tridimensionais executados en ladrillo.

Cor editar

A igrexa adquiriu as vivas cores que amosa hoxe en día en varias etapas dende a década de 1680[33] ata 1848.[20] Os gustos rusos sobre as cores cambiaron no século XVII cara cores máis vivas; as iconas e a arte mural experimentou un crecemento explosivo no número de pinturas e colorantes dispoñíbeis e as súas combinacións.[37] O esquema de cor orixinal, sen ser tan innovador, era moito menos difícil. Seguiuse coa representación da Cidade Celestial do Libro da Apocalipse.

 
O esquema de cor da catedral vese mellor á noite.

Os 25 escanos referenciados na Biblia están representados na estrutura do edificio con oito pequenas cúpulas arredor da nave central, catro ao redor da igrexa do lado occidental e catro adicionais. Este arranxo sobreviviu durante a maior parte do século XVII.[38] As paredes da igrexa mesturan superficies de ladrillo vermello sen revestimento e imitación de ladrillos pintados con enfeites brancos, en aproximadamente igual proporción[39]. As cúpulas, cubertas de estaño, eran totalmente douradas, creando unha combinación brillante, pero moi tradicional, de cores brancas, vermellas e douradas. Complétase co uso moderado de cerámica verde e azul, simulando logo as cores do arco da vella, como di a Biblia.

Aínda que os historiadores concordan coa cor das cúpulas do século XVI, a forma é discutida. Boris Eding escribiu que probabelmente tiñan a mesma forma de cebola que as cúpulas de hoxe en día.[40] Con todo, tanto a igrexa de Kolomenskoye coma a de Dyakovo teñen cúpulas hemisféricas achatadas, e o mesmo tipo podería ter sido usado por Barma e Postnik.[41]

Notas editar

  1. Brunov, p. 41
  2. Shvidkovsky 2007, p. 139
  3. "List of federally protected landmarks". Ministry of Culture. 2009, June 1. Arquivado dende o orixinal o 27 de xullo de 2011. Consultado o 2009-09-28. 
  4. Perrier, pp. 96-97
  5. Watkin, p. 103
  6. List of federally protected buildings, cited above, names Postnik Yakovlev and Ivan Shiryay the builders of the new Kazan Kremlin, 1555-1568.
  7. Brumfield, p. 94
  8. Cracraft, Rowland p. 95
  9. "Sobor Vasilia Blazhennogo — zaschifrovanny obraz pogibshey mecheti (Собор Василия Блаженного — зашифрованный образ погибшей мечети)" (en rusa). RIA Novosti. 2006, 29 de xuño. Consultado o 28 de setembro de 2009. 
  10. Watkin, pp. 102-103
  11. Brunov, pp. 71, 73, 75
  12. Buseva-Davydova, p. 89
  13. Batalov, p. 16
  14. Shvidkovsky 2007, p. 7
  15. Shvidkovsky 2007, p. 6
  16. Shvidkovsky 2007, pp. 128-129
  17. Brunov, p. 62
  18. Brunov, p. 44
  19. Brunov, p. 125
  20. 20,0 20,1 Komech, Pluzhnikov p. 401
  21. 21,0 21,1 Komech , Pluzhnikov p. 399
  22. 22,0 22,1 Brumfield , p. 95
  23. Shvidkovsky 2007, p. 128 : "regular, not to say "rationalist" plan."
  24. Brumfield , p. 96
  25. brunov , p. 109
  26. 26,0 26,1 26,2 26,3 26,4 Brumfield, p. 100
  27. 27,0 27,1 Brunon, pp. 53, 55
  28. Brunov, p. 114
  29. 29,0 29,1 29,2 Komech, Pluzhnikov p. 400
  30. 30,0 30,1 Komech, Pluzhnikov p. 389
  31. Komech, Pluzhnikov p. 267
  32. Brunov, p. 45
  33. 33,0 33,1 33,2 Komech, Pluzhnikov p. 402
  34. 34,0 34,1 Brunov, p. 47
  35. 35,0 35,1 Komech, Pluzhnikov p. 49
  36. 36,0 36,1 Shvidkovsky 2007, p. 129
  37. Buseva-Davydova, p. 58
  38. Kudryavtsev, pp 72, 74
  39. Kudryavtsev, p. 74
  40. Brunov, pp 65, 67
  41. Brunov, p. 67

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar