Bocadoce
O bocadoce,[1][2] chamado bocadoce gris por Lahuerta e Mouriño,[3][4] Hexanchus griseus, é unha especie de tiburón da familia dos hexánquidos (Hexanchidae) que habita nas augas profundas (avistouse a profundidades próximas aos 2 000 m), e que apenas evolucionou desde o período xurásico, hai uns 190 millóns de anos.[5]
Bocadoce (Hexanchus griseus) Rango fósil: xurásico - actualidade | |||||||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Estado de conservación | |||||||||||||||||||||
Case ameazada | |||||||||||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||||||||||
| |||||||||||||||||||||
Nome binomial | |||||||||||||||||||||
Hexanchus griseus (Bonnaterre, 1788) | |||||||||||||||||||||
Distribución do bocadoce
|
Descrición
editarAs principais características do bocadoce son:[2]
- Corpo alongado, forte.
- Cabeza ancha e arredondada, francamente apuntada.
- Seis fendeduras branquiais a cada lado da cabeza, máis próximas entre si na zona ventral, que indican que se trata dun escualo moi primitivo, pois as especies de tiburóns máis evolucionados presentan cinco aberturas branquiais.
- Fociño curto e arredondado.
- Ollos pequenos, sen membrana nictitante.
- Boca ínfera, con dentes diferentes nos dous maxilares; no superior provistos dunha punta principal e dalgunhas máis pequenas dirixidas contra os cabos da boca; no inferior, seis fileiras de dentes multicúspides relativamente pequenos.
- Aleta dorsal única, situada máis atrás que as abdominais; aleta caudal longa, co lóbulo inferior pouco desenvolvido, e con pedúnculo curto e robusto.
Historia natural
editarO bocadoce ten unha lonxitude de até 4,8 m e pode alcanzar un peso de até 590 kg (o maior exemplar capturado chegou a medir 4,82 m e pesar uns 800 kg).[6]
É unha especie de hábitos solitarios e de ambientes bentónicos e peláxicos ligados ás vertentes da plataforma continental, encontrándose a profundidades que van desde a superficie até os 1 875 m; polo día permanece en augas profundas, para ascender pola noite para se alimentar; os individuos novos viven máis preto da costa.[2]
Encóntrase nas costas oceánicas tropicais e temperadas, no Atlántico desde Islandia a Namibia, estando presente no Mediterráneo. En determinadas épocas do ano ascende pola noite até ambientes litorais, e é posíbel observalo a poucos metros da superficie.[7]
É carnívoro, caníbal intrauterino e tamén preeiro, alimentándose fundamentalmente de raias, quimeras e outros tiburóns, e de bacallaus, beretes, pescadas e outros peixes, e de cangrexos, camaróns, cefalópodos e mesmo, nalgunhas latitudes, focas.
As femias alcanzan a madurez sexual cando chegan aos 4,5 m de lonxitude e os machos aos 3,6 m. A época de reprodución é entre outubro e maio. É un tiburón ovovivíparo, con camadas que van desde as 20 até as 100 crías, que miden ao nacer de 60 a 70 cm.[2][5]
O bocadoce e o home
editarO bocadoce non é unha especie perigosa para o ser humano, e os escasos ataques rexistrados a humanos foron tras provocalo previamente.
A súa carne comercialízase fresca ou conxelada para consumo —aínda que se considera semitóxica polos seus fortes efectos laxantes— e tamén para a produción de aceite e alimentos para peixes.[5]
Notas
editar- ↑ Rodríguez Solórzano et al. (1983), p. 30.
- ↑ 2,0 2,1 2,2 2,3 Rodríguez Villanueva et al. (1992), p. 40.
- ↑ Lahuerta Mouriño, Fernando e Francisco X. Vázquez Álvarez (2000): Vocabulario multilingüe de organismos acuáticos. Santiago de Compostela: Xunta de Galicia. ISBN 84-453-2913-8, p. 184.
- ↑ Estes autores reservan o nome bocadoce para a especie Heptranchias perlo (Bonnaterre, 1788), tiburón non citado para as augas galegas.
- ↑ 5,0 5,1 5,2 ""La cañabota gris, el tiburón prehistórico de las profundidades"". Consultado o 2/12/2012.
- ↑ Asturnatura. "Hexanchus griseus". Consultado o 2/12/2012..
- ↑ Ranier Froese e Daniel Pauly, eds. (2011):Hexanchus griuseus en FishBase, outubro de 2011. Consultada po 2/12/2012.
Véxase tamén
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Bocadoce |
Wikispecies posúe unha páxina sobre: Bocadoce |
Bibliografía
editar- Allen, Thomas B. (1999): The Shark Almanac. Nova York: The Lyons Press. ISBN 1-55821-582-4.
- Compagno, Leonard; Marc Dando & Sarah Fowler (2005): Sharks of the World. New Jersey: Princeton University Press. ISBN 0-691-12072-2.
- Rodríguez Solórzano, Manuel; Sergio Devesa Regueiro e Lidia Soutullo Garrido (1983): Guía dos peixes de Galicia. Vigo: Editorial Galaxia. ISBN 84-7154-433-4.
- Rodríguez Villanueva, X. L. e Xavier Vázquez (1992): Peixes do mar de Galicia. (I) Lampreas raias e tiburóns. Vigo: Edicións Xerais de Galicia. ISBN 84-7507-654-8.
Outros artigos
editarLigazóns externas
editar- Hexanchus griseus en ITIS. (en inglés) Consultada o 12/02/2021.
- Hexanchus griseus en Asturnatura. (en castelán) Consultada o 2/12/2012.
- Hexanchus griseus en FishBase. (en inglés) Consultada o 2/12/2012.
- Hexanchus griseus en Animal Diversity Web. (en inglés) Consultada o 2/12/2012.
- Hexanchus griseus en NCBI. (en inglés) Consultada o 2/12/2012.
- Hexanchus griseus na Lista Vermella da IUCN. (en inglés) Consultada o 2/12/2012.