Herenio Modestino
Herenio Modestino (latín: Elius Florianus Herennius Modestinus) foi un xurista posclásico do século III e discípulo de Ulpiano xunto con Paulo.
Biografía | |
---|---|
Nacemento | século III |
Morte | século III |
Datos persoais | |
País de nacionalidade | Roma Antiga |
Actividade | |
Ocupación | conselleiro legal |
Período de tempo | Imperio Romano |
Período de actividade | (Con vida en: século III ) |
Lingua | Lingua latina |
Traxectoria
editarDesempeñou altos cargos na administración de Roma e entre os anos 226 e 244 foi praefectus vigilum en Roma e desenvolveu a súa actividade como xurista en parte xa en tempo de Maximiano, de Gordiano III, e poida que ata de Filipo o Árabe. Os xuristas desta época aínda que non pertenceron a ningunha escola, eran chamados tardoclásicos ou severianos por vivir en época destes emperadores. Modestino adoita ser considerado como o último xurista clásico; debeu ser o último que tivo o ius respondedi ex autoritas principis.
Tivo estreitas relacións co mundo helenístico: escribiu parte das súas obras en grego (por exemplo, De excusationibus en 6 libros) e mostra unha forte tendencia a sistematizar o pensamento xurídico en forma dogmática; falto de orixinalidade, escribiu en grego e en latín na forma simple e clara que preferían os mestres, aínda que posclásicos. Escribiu obras elementais destinadas ao ensino, unhas Regras en dez libros.
No 450, Teodosio II e Valentiniano III promulgaron a Terceira Lei de Citas na que se di que nos tribunais só se poden alegar a cinco autores: Papiniano, Paulo, Ulpiano, Modestino e Gaio. Pero estas alegacións débense facer dun modo determinado:
- Pódese alegar a opinión da maioría.
- En caso de igual número de alegacións, prevalece a opinión de Papiniano.
- En caso de empate sen nomear a Papiniano, o xuíz decide que opinión prefire.
Posteriormente dise que non só poden alegar estes cinco autores, senón tamén todos os que estes cinco aleguen nas súas obras, sempre que se exhiba un orixinal da obra do autor alegado. Entre as súas obras podemos destacar:
- Ad Quintum Mucium.
- Pandectarum, 12.
- Responsorum, 19.
- Regularum, 10.
- Differentiarum, 9.
- De praescriptionibus, 4.
- De ritu nuptiarum, 1.
- Excusationum, 6.
- De manumissionibus, 1.
- De legatis et fideicommissis, 1.
- De heurematicis, 1.
- De inofficioso testamento, 1.
- De differentia dotis, 1.
- De testamentis, 1.
Aínda que quizais de orixe grega, é posíbel que Herenio Modestino proviñese dunha familia profundamente romanizada, como indica o seu nome; estivo moi ligado ao mundo grego e non é imposíbel que a súa lingua nai fose a de Homero, como parece poder deducirse das súas Excusationes, escritas nesta lingua en Roma e cos xuristas da capital, en particular con Ulpiano, quen se refire a Modestino como o seu discípulo.
É posíbel que desempeñase o cargo de magister libellorum na época de Alexandre Severo, entre os anos 222 e 228, e que a súa pegada quede nalgúns rescriptos. Foi prefecto de víxíles do 230 ao 240. Nesta época e quizais entre os anos 237 e 238 foi preceptor de Maximino o Mozo, fillo do emperador Maximino o Tracio.
Obras
editarAs obras máis significativas da súa vasta produción sitúanse logo da morte de Antonino Caracalla e trala experiencia administrativa no ambiente provincial. Os escritos que precederon a estes son monografías de contido moi limitado; as máis importantes son tratados sistemáticos máis ambiciosos, manuais de contido máis amplo que se refiren a asuntos esenciais do dereito privado, do dereito administrativo ou do dereito penal e que reflicten problemáticas bastante complexas determinadas en gran medida polas relacións que tiña co ambiente provincial do cal absorbeu elementos non desprezábeis.
A monografía sobre As escusas, de Modestino, é a única monografía clásica escrita en lingua grega; por outra banda, en toda a súa obra recorre a casos prácticos expostos nesta lingua, ligados, naturalmente, aos intereses dos gregos nas provincias orientais. O contacto co ambiente provincial proporcionou ao xurista novas perspectivas e permitiulle recompilar as transformacións naqueles anos, entre elas, a derivada da Constitutio Antoniniana que facía necesaria, entre outras cousas, a existencia de tratados de dereito romano en lingua grega.
Non se está moi lonxe da realidade se sei pensa que a obra enteira de Modestino reflicte os problemas resoltos na teoría e na práctica xurídica das decisións de Antonino Caracalla. O sentido das súas obras máis significativas pode rastrexarse na relación que tiveron con este advenemento. Differentiae, Regulae, Pandectae, Libri de Poenis, en todas elas prevalece a esixencia de garantir unha facilidade de comunicación dos contidos culturais, non sempre presente na literatura severiana, para asegurar unha rápida difusión do dereito romano nas provincias, que podía realizarse só a través de obras que expuxesen de xeito elemental e accesíbel conceptos xurídicos completamente estraños a aqueles ambientes.
Modestino formou parte do consilium principis de Gordiano e influíu notabelmente na lexislación. A proba desta presenza, confirmada pola actividade que o xurista desenvolveu en Roma, resúmese, en primeiro lugar, por elementos formais de afinidade de linguaxe, existentes entre as obras do xurisconsulto e bastantes das constitucións.
De especial interese é a obra de Modestino, De excusationibus, escrita en grego. Posuímos un gran número de fragmentos no Dixesto da mesma (unha rareza na literatura dos xuristas que nos foi legada) do comezo da obra (D.27.1.1pr). Non se pode dubidar que Modestino foi o escritor de De excusationibus.
Ulpiano, pese á súa axitada vida política, despregou tamén a súa actividade como profesor de dereito, e discípulo seu foi o que tamén había de ocupar un posto destacado entre os xurisconsultos romanos, Modestino, como o acredita o texto do Dixesto (D.47.2.52.20) no que Ulpiano o chama studiosus meus.
A quen Modestino, se non xa chegaba a venerar, si admiraba e gardaba un gran respecto era a Paulo. E, aínda que o seu mestre inmediato fose Ulpiano (quen nas súas obras nunca cita a Paulo), Modestino non parece herdar a distancia, a rivalidade e a frialdade do seu mestre para con Paulo, a quen cita case o mesmo número de veces que ao seu mestre en varios fragmentos, con veneración nalgúns deles.
É moi importante ver as remisións expresas e tácitas que Modestino fai aos Antoninos e comparalas coas remisións expresas e tácitas que fai Filipo aos Antoninos. Isto é moi importante, porque é unha pegada máis de Modestino na chancelaría de Filipo. A ter en conta se esas remisións son máis propias dos primeiros anos que dos últimos. De ser así, iso podería significar que Modestino deixou de pertencer á chancelaría imperial nos últimos anos (talvez porque morreu); de non ser así, iso podería significar que estaba vivo nos últimos anos de Filipo.
Modestino destaca por preocuparse polos militares, polas mulleres e pola tutela. Esta última preocupación obsérvase nas Constitutiones de Filipo relacionadas coas obras de Modestino. Por exemplo, as relacionadas coa tutela, as relacionadas cos fideicomisos, coas manumisións, coas penas, e con respostas concretas nas súas obras casuísticas ou coas preocupacións teóricas das súas obras teóricas.
Véxase tamén
editarBibliografía
editar- Palingenesia iuris civilis, Volume I Otto Lenel.
- Geschichte Der Römischen Rechtswissenschaft, Fritz Schulz.