Habroscelimorpha dorsalis

especie de insecto

Habroscelimorpha dorsalis

Habroscelimorpha dorsalis dorsalis
Estado de conservación
G4
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Arthropoda
Clase: Insecta
Orde: Coleoptera
Suborde: Adephaga
Superfamilia: Caraboidea
Familia: Cicindelidae
Xénero: Habroscelimorpha
Especie: Habroscelimorpha dorsalis
Say, 1817
Sinonimia[1]
  • Cicindela dorsalis Say, 1817

Habroscelimorpha dorsalis (antes chamado Cicindela dorsalis) é unha especie de escaravello da familia dos cicindélidos. Vive en América Central e América do Norte.[1][2][3][4]

Descrición editar

A súa lonxitude corporal é de 13 a 15 mm. A cabeza e o tórax son de cor verde bronce, as patas son longas e delgadas e os élitros son brancos ou pardos claros con marcas cor bronce estreitas. A cabeza ten antenas longas, ollos compostos grandes e mandíbulas poderosas. O pronoto e os lados do abdome teñen pelos brancos.[5] A coloración clara proporciona camuflaxe cando o escaravello está sobre areas claras.[6] As larvas teñen corpos longos segmentados e grandes mandíbulas similares ás dos adultos.[5]

Habroscelimorpha dorsalis dorsalis é a subespecie máis grande.[7] [8] A subespecie atópase na costa noroeste dos Estados Unidos e vive en pequenos buratos na area. É moi susceptible á abundante actividade humana e á erosión das praias e en 1990 foi incluído na lista de especies ameazadas baixo a Lei de Especies Ameazadas dos Estados Unidos. É a única subespecie nesa lista.[9]

A larva da subespecie C. d. media é notable pola súa capacidade de choutar no aire, voltear o corpo nunha roda rotante e rodar pola area a alta velocidade usando o vento para impulsarse. Se o vento é forte dabondo, a larva pode percorrer ata 60 m desta maneira. Esta salientable capacidade puido ter evolucionado para axudar a que a larva escape ds predadores como a avespa tínida Methocha. A locomoción facéndose unha roda na natureza é extremadamente rara e soamente se observou nuns poucos animais en todo o mundo.[10]

Subespecies editar

A especie ten o nome sinónimo de Cicindela dorsalis porque antes se clasificaba no xénero Cicindela e nalgunhas clasificacións aínda segue así. En 2012, o subxénero Habroscelimorpa de Cicindela foi reclasificado a nivel de xénero.

Estas catro subespecies pertencen á especie Habroscelimorpha dorsalis:

  • Habroscelimorpha dorsalis dorsalis (Say, 1817)
  • Habroscelimorpha dorsalis media (LeConte, 1856)
  • Habroscelimorpha dorsalis saulcyi (Guérin-Méneville, 1840)
  • Habroscelimorpha dorsalis venusta (LaFerte-Senectere, 1841)

Distribución e hábitat editar

 
Habroscelimorpha dorsalis dorsalis

H. d. media encóntrase ao longo da costa sueste dos Estados Unidos, incluíndo Carolina do Sur. H. d. dorsalis atópase na costa noroeste. C. d. saulcyi e C. d. venusta nas costas de Florida, o golfo de México e México.[6] En xeral, C. dorsalis é máis abundante en praias anchas de area fina que están moi expostas á acción das mareas e relativamente non alteradas pola presenza humana. Para que os escaravellos se reproduzan as praias deben ser polo menos de 100 m de longo e 2 m de ancho, aínda que o ancho óptimo é de 5 a 8 m.[11] Prefire un clima cunha temperatura media que pase de 15 °C e totais de precipitacións de moderadas a áridas.[12]

Bioloxía editar

O ciclo vital completo dura dous anos. Os adultos saen entre a metade de xuño e a metade de agosto, xeralmente chegando ao seu pico de abundancia a metade de xullo e declinando en setembro. Pasan o día buscando comida na zona intermareal cando o tempo é cálido e solleiro.[5] Aliméntanse de pequenos invertebrados como moscas, formigas e anfípodos, pero tamén comen prea de peixes e cangexos mortos.[13]

O apareamento ten lugar entre a metade de xullo e principios de agosto cando o tempo é cálido e húmido. As femias poñen os ovos na zona intermareal. Usan pelos sensitivos que teñen no abdome para determinar se o contido de humidade do solo é axeitado para a supervivencia das larvas e o seu desenvolvemento.[12] A oviposición ten lugar de noite. A femia usa o ovipositor para crear un buraco na area onde deposita os ovos individualmente.[14]

Os ovos fan eclosión a metade de agosto e as larvas cavan buratos verticais onde se aseguran usando os ganchos do seu abdome.[12] Son predadoras e depredan os insectos que pasan por alí e outros pequenos invertebrados. As larvas pasan por tres estadios ou ínstares antes de pupar. Xeralmente chegan ao segundo ínstar en setembro. A medida que se aproxima o inverno as larvas cavan novos buracos en zonas máis altas da praia para protexerse contra as tormentas e a actividade das ondas. Despois de pasaren o inverno, emerxen a finais de maio e xuño. Unha vez que chegan ao terceiro ínstar e pasan o inverno outra vez. A seguinte primavera pupan nos seus buracos e emerxen como adultos.[13]

 
Habroscelimorpha dorsalis media

Status editar

A subespecie C. d. dorsalis sufriu un importante declive nos últimos 20 anos. Adoitaba encontrarse por toda a costa atlántica dos Estados Unidos desde Massachusetts a Virxinia. Hoxe só se encontra na baía de Chesapeake en Maryland, na illa Martha's Vineyard na costa de Massachusetts e en Virxinia.[5] Este declive foi causado pola destrución e a alteración das praias naturais que usaba o escaravello como hábitat por mor da actividade humana. Unha das maiores ameazas é o endurecemento da liña de costa pola colocación de proteccións rochosas (recubrimentos de rochas ou escolleiras, chamadas rip-rap en Noreamérica).[11] Outras ameazas son a polución e os pesticidas, así como o uso de vehículos todo terreo que esmagan os adultos e as larvas, e tamén danan os buracos en que se refuxian as lavas.[5] En 2009 o United States Fish and Wildlife Service recomendou que C. d. dorsalis se inclúa na lista de especies en perigo.

Notas editar

  1. 1,0 1,1 "Habroscelimorpha dorsalis Report". Integrated Taxonomic Information System. Consultado o 2019-09-23. 
  2. "Habroscelimorpha dorsalis". GBIF. Consultado o 2019-09-23. 
  3. Bousquet, Yves (2012). "Catalogue of Geadephaga (Coleoptera, Adephaga) of America, north of Mexico". ZooKeys (245): 1–1722. PMC 3577090. PMID 23431087. doi:10.3897/zookeys.245.3416. 
  4. 5,0 5,1 5,2 5,3 5,4 Natural Heritage Endangered Species Program: Northeastern Beach Tiger Beetle
  5. 6,0 6,1 "White Beach Tiger Beetle" (PDF). DNR. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 30 de decembro de 2015. Consultado o 22 de marzo de 2013. 
  6. "Species Profile". ecos.fws.gov. Consultado o 2020-04-20. 
  7. U.S. Fish and Wildlife Service, Virginia Field Office. (28 de agosto de 2019). 5-Year Review of the Northeastern Beach Tiger Beetle. Consultado o 17 de abril de 2020, de https://ecos.fws.gov/docs/five_year_review/doc6121.pdf
  8. U.S. Fish and Wildlife Service. (n.d.). Listed Animals. Consultado o 19 de abril de 2020, from https://ecos.fws.gov
  9. Wind-Powered Wheel Locomotion, Initiated by Leaping Somersaults, in Larvae of the Southeastern Beach Tiger Beetle (Cicindela dorsalis media)
  10. 11,0 11,1 USFWS. Cicindela dorsalis dorsalis Five-year Review.
  11. 12,0 12,1 12,2 Animal Diversity Web. Cicindela dorsalis (northeastern beach tiger beetle)
  12. 13,0 13,1 The State Of New Jersey. Northeastern Beach Tiger Beetle, Cicindela d. dorsalis
  13. Observations of Oviposition Behavior Among North American Tiger Beetle (Coleoptera: Carabidae: Cicindelinae) Species and Notes on Mass Rearing

Bibliografía editar

  • Lobl, I.; Smetana, A., eds. (2017). Catalogue of Palaearctic Coleoptera, Volume 1: Archostemata - Myxophaga - Adephaga. Apollo Books. ISBN 978-90-04-33029-0. 

Ligazóns externas editar