Hórreo tipo Cabanas

O hórreo tipo Cabanas é un tipo de hórreo galego que se pode atopar nunha zona delimitada pola liña que une a ría de Ortigueira con As Pontes de García Rodríguez e continúa ao longo do val do río Eume ata Pontedeume.[1]

Hórreo na parroquia da Barqueira, Cerdido.

Características editar

Morfoloxía editar

A suspensión é baixa, sobre cepas con rateiras de pouco grosor, moitas veces cepa maciza. A cámara está pechada por doelas verticais unidas por unha ou dúas faixas horizontais. O teito adoita ser a catro augas e non leva terminais. Os beirís son estreitos. Excepcionalmente nun dos penais, aquel onde está a porta, poden aparecer dous barrotes oblicuos a modo de ménsula que soportan un xeneroso beiril que conforma un pequeno pórtico sobre a porta de acceso á cámara. Sobre o tellado non adoita ter elementos terminais.

Construción editar

A suspensión é baixa, as cepas son de cachotería en seco, ás veces revocada, e as rateiras de granito ou xisto. A cámara descansa sobre unha grade de grosas trabes de madeira que non asoman nos extremos, salvo cando vai sobre celeiro. É toda de madeira, incluíndo esquinais e puntais. O tellado é de xisto, é frecuente o uso de fieiras de tella cerámica tomando as limas da cuberta. No límite sur da súa área de extensión vense xa tellados de tella cerámica.

Notas editar

  1. Martínez Rodríguez, I. El hórreo gallego. Fundación Pedro Barrié de la Maza. A Coruña, 1975. ISBN 84-85728-00-9.

Véxase tamén editar

Outros artigos editar