Grace Hopper
Grace Murray Hopper, nada en Nova York o 9 de decembro de 1906 e finada no condado de Arlington o 1 de xaneiro de 1992, foi unha científica da computación e militar estadounidense con grao de contraalmirante. Foi unha pioneira no mundo das ciencias da computación e foi a primeira programadora que empregou o Mark I. Entre as décadas de 1950 e 1960 desenvolveu o primeiro compilador para unha linguaxe de programación e tamén achegou métodos de validación. [1][2][3][4][5]
Popularizou a idea dunha máquina independente das linguaxes de programación, o que derivou no desenvolvemento de COBOL, unha linguaxe de alto nivel de programación que aínda se emprega. Hopper intentou alistarse na mariña estadounidense durante a segunda guerra mundial, mais tivo que unirse á reserva da armada porque tiña 34 anos. Era coñecida polas súas amizades como Amazing Grace.[6]
Traxectoria
editarGrace Brewster Murray, naceu en Nova York e era bisneta de Alexander Russell, un almirante da Armada dos Estados Unidos. Este foi o seu modelo e o seu heroe persoal. Tamén era neta dun enxeñeiro civil, John Van Horne. Os seus pais foron Walter Fletcher Murray, corretor de seguros e Mary Campbell Van Horne. Dende moi nena amosou aptitudes para as ciencias e as matemáticas. Recibiu sempre o apoio do seu avó e do seu pai para que as estudase, pois quería que as súas fillas tivesen as mesmas oportunidades que o seu fillo varón. Tamén a atraían moito todo tipo de dispositivos mecánicos, tanto que con sete anos desmontou todos os reloxos da súa casa para ver se podía entender como funcionaban. En 1930 casou con Vincent Foster Hopper, doutor en literatura en lingua inglesa, que foi durante anos presidente do departamento de inglés da universidade de Nova York. Vincent e Grace divorciáronse en 1945 sen teren fillos.
Estudos
editarHopper estudou en varias escolas privadas para mulleres, e en 1924 ingresou en Vassar College en Nova York, onde estudou matemáticas e física, graduándose con honores en 1928. Pouco despois, obtivo unha bolsa para cursar un mestrado en matemáticas na universidade Yale, onde se graduou en 1930.
Ofrecéronlle un posto como axudante no departamento de matemáticas de Vassar College, onde permaneceu ata 1943. Mentres, continuou os seus estudos en Yale, onde se doutorou en matemáticas en 1934.
Ingreso na armada
editarSeguindo os pasos do seu bisavó, en 1943 decidiu unirse ás forzas armadas en plena segunda guerra mundial, para o que tivo que obter un permiso especial. Asistiu á escola de cadetes navais para mulleres, graduándose como a primeira da súa clase en 1944 co rango de tenente. Foi enviada a Harvard para traballar no proxecto de computación que dirixía o comandante Howard Aiken, a construción do Mark I.
Ao acabar a guerra, Hopper quixo seguir na armada, mais cumprira corenta anos en 1946 e o límite de idade era de 38, polo que foi rexeitada, aínda que si puido permanecer na reserva. Seguiu entón en Harvard como investigadora xunto con Aiken. Desenvolveu varias aplicacións contables para o Mark I, que estaba a ser empregado por unha compañía de seguros.
Permaneceu en Harvard ata 1949, cando comezou a traballar na Eckert - Mauchly Corporation en Filadelfia, que neses momentos estaban a desenvolver as computadoras BINAC e UNIVAC I. Traballou nesa compañía e nas súas sucesoras ata a súa xubilación en 1971. Alí foi onde Hopper realizou as súas maiores contribucións á programación moderna. En 1952, desenvolveu o primeiro compilador da historia, o A-0, e en 1957 creou o primeiro compilador para o procesamento de datos que empregaba ordes en inglés, o B-0 (FLOW-MATIC), utilizado principalmente para o cálculo de nóminas.
Cobol
editarTrala súa experiencia con FLOW-MATIC, Hopper pensou que podía crearse unha linguaxe de programación que usase ordes en inglés e que servise para aplicacións de negocios. Con esta idea, establecéronse as bases para COBOL e dous anos despois creouse o comité que deseñou esta linguaxe. Aínda que Hopper non tivo un papel destacado no desenvolvemento da linguaxe, foi membro o comité orixinal para crealo, e o FLOW-MATIC foi unha influencia tan importante no deseño de COBOL, que Hopper pasou á historia da informática como a súa creadora.
COBOL foi a primeira linguaxe que ofreceu unha auténtica interface aos recursos dispoñibles no computador, de xeito que o programador non tiña que coñecer os detalles específicos. Ademais, os programas desenvolvidos para unha plataforma concreta podían ser executados nun ordenador diferente a aquel no que se programaran sen necesidade de facer cambios.
Ao final da súa carreira profesional participou nos comités de estandarización das linguaxes de programación COBOL e FORTRAN.
Reingreso na armada
editarHopper permaneceu na reserva ata finais de 1966, cando tivo que retirarse co grao de capitán de fragata, por alcanzar o límite de idade. Con todo, este retiro durou pouco, xa que a armada a volveu chamar en agosto de 1967 en principio, por un período de seis meses para que estandarizase as linguaxes de alto nivel que empregaba, mais que finalmente foi de forma indefinida. Retirouse de novo en 1971 e pedíuselle que volvese ao servizo de novo en 1972. Foi ascendida a capitán de navío en 1973.
En 1983 ascendeu a Contraalmirante e en 1986 retirouse da armada definitivamente, sendo nese momento a oficial de máis idade da armada dos Estados Unidos. Tralo seu retiro, incorporouse como asesora en Digital Equipment Corporation, participando en foros industriais e dando unhas 200 conferencias por ano e participando en programas educativos ata a súa morte.
Faleceu mentres durmía no seu domicilio de Arlington, Virxinia, o 1 de xaneiro de 1992, aos oitenta e cinco anos. Foi enterrada con todos os honores militares o 7 de xaneiro no cemiterio Nacional de Arlington.
Recoñecementos
editarAo longo da súa vida, recibiu numerosos recoñecementos, que inclúen máis de corenta doutoramentos honoris causa, a Medalla Wilbur Lucius Cross de Yale, o rango de capitán en 1973, o de comodoro en 1983 e o de contraalmirante en 1985.
En 1969 recibiu o título de Home do ano en ciencias da computación (Data Processing Management Association) e en 1973 foi a primeira muller nomeada membro distinguido da British Computer Society.
Trala súa xubilación recibiu a Medalla de Servizo Distinguido de Defensa (1986) e a Medalla nacional de tecnoloxía (1991). O 22 de novembro de 2016 foi galardoada a título póstumo coa Medalla Presidencial da Liberdade polos seus logros no campo da computación polo presidente Barack Obama.
Notas
editar- ↑ Wexelblat, ed., Richard L. (1981). History of Programming Languages. Nova York: Academic Press. ISBN 0-12-745040-8.
- ↑ Spencer, Donald D. (1985). Computers and Information Processing. C.E. Merrill Publishing Co. ISBN 978-0-675-20290-9.
- ↑ Laplante, Phillip A. (2001). Dictionary of computer science, engineering, and technology. CRC Press. ISBN 978-0-8493-2691-2.
- ↑ Bunch, Bryan H.; Hellemans, Alexander (1993). The Timetables of Technology: A Chronology of the Most Important People and Events in the History of Technology. Simon & Schuster. ISBN 978-0-671-76918-5.
- ↑ Booss-Bavnbek, Bernhelm; Høyrup, Jens (2003). Mathematics and War. Birkhäuser Verlag. ISBN 978-3-7643-1634-1.
- ↑ "Recuperado de "Cyber Heroes of the past: "Amazing Grace" Hopper"". Consultado o 12 de decembro de 2012.
Véxase tamén
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Grace Hopper |
Bibliografía
editar- Cívico, Irene; Parra, Sergio (2018). Las chicas son de ciencias. 25 científicas que cambiaron el mundo. Barcelona: Penguin Random House. pp. 88-91. ISBN 978-84-9043-882-4.
Ligazóns externas
editar- Abecedario de mulleres na Informática
- Biografía de Grace Hopper
- Entrevista a Grace Hopper (en inglés)
- Biografía de Grace Hopper (en inglés)
- Imaxes de Grace Hopper Arquivado 05 de marzo de 2016 en Wayback Machine.
- Grace Hopper en Navy History (en inglés)
- The Wit and Wisdom of Grace Hopper (en inglés)