Golpe de Estado do 18 de xullo de 1936 en Galicia

O golpe de Estado do 18 de xullo de 1936, denominado "Alzamento Nacional" polo bando sublevado, foi unha insurrección de carácter militar perpetrada contra o goberno da Segunda República Española entre o 17 e o 18 de xullo de 1936, en Galicia o golpe triunfou logo duns días, mais o seu desenvolvemento no resto do Estado conduciu á guerra civil española.

Áreas controladas polos sublevados en xullo do 36 en marrón. Acostúmase dar o 20 de xullo como final da sublevación e comezo da guerra civil

Desenvolvemento

editar

Galicia formaba, xunto coa provincia de León, a VIII División Orgánica, mandada polo xeneral Enrique Salcedo Molinuevo que tiña o seu cuartel xeral na Coruña. O xeneral Salcedo foi requirido polo xeneral Mola para se sumara á sublevación o domingo 19 de xullo pero mostrouse dubitativo polo que a iniciativa a tomou o luns 20 de xullo o Xefe de Estado Maior da división, o tenente coronel Luis Tovar Figueras que detivo ao xeneral Salcedo e ao gobernador militar da Coruña o xeneral Rogelio Caridad Pita fiel á República e cañoneou o edificio do goberno civil, onde o gobernador Francisco Pérez Carballo intentara resistir o golpe apoiado pola garda de asalto que non se sumou á sublevación, ao contrario da Garda Civil. O gobernador civil e duascentas persoas máis foron detidas e fusiladas pouco despois. Ata o mércores 22 de xullo houbo conatos de resistencia na cidade.[1]

Onde se houbo maior oposición ao golpe foi na base naval e arsenal de Ferrol. Alí logo de coñecerse a sublevación no protectorado de Marrocos e ante as dúbidas da oficialidade comprometida no golpe, a mariñería fíxose co control da base o domingo 19 de xullo (resultando morto o xefe da base, o tenente de navío Carlos Núñez de Prado), pero non do arsenal. O martes 21 de xullo os mariñeiros, ao non ser capaces de sacar os barcos da base, víronse obrigados a renderse ante o ataque das forzas do exército e da Gardia Civil. O contralmirante Azarola, xefe da base e do arsenal de Ferrol, ao manterse fiel á República foi fusilado. En Vigo, o Concello e unhas milicias locais formadas no momento, decidiron defender a cidade fronte aos rebeldes, dando lugar a unha batalla na que venceron finalmente os sublevados. No resto das cidades galegas, Santiago de Compostela, Ourense e Lugo, o golpe militar triunfou facilmente entre os días 20 e 21 de xullo e non se produciu ningún conato de resistencia importante.[2] Onde si houbo resistencia foi en Tui.

En Vigo

editar

O capitán Antonio Carreró Vergés foi o militar que leu na Porta do Sol de Vigo un bando que declaraba o estado de guerra o 18 de xullo de 1936.[3][4]

Outros cargos daquela época foron:[Cómpre referencia]:

  • O alcalde (aínda que aparece como Comisario de Guerra), José Giménez García, quen tivo tamén o cargo de Presidente da Comisión Gestora Municipal. O 31 de xaneiro de 1938, coa guerra sen rematar, foi nomeado alcalde Luis Suárez-Llanos Menacho, que se converteu no primeiro alcalde franquista de Vigo. A cidade contaba daquela con 73.566 habitantes e xunto co que era daquela o concello de Lavadores xuntaban case 110.000. En setembro de 1939 sucedeuno na alcaldía Estanislao Durán Gómez.[5] Recuperou o bastón de mando o 24 de xuño de 1940 e mantívoo até 1949. Nesta nova xeira, gobernaría a 85.272 vigueses e 38.462 de Lavadores, e 135.327 cidadáns xa dende 1941, coa anexión do concello de Lavadores por parte do de Vigo.
  • O gobernador civil da provincia de Pontevedra: Francisco García Alted.
  • O comandante militar Felipe Sánchez, alcumado O Capillitas, porque consideraba as diverxencias políticas entre a dereita coma capeliñas e que o que había que facer era dejarse de capillitas y construir una gran catedral, ademais de ridiculizar a súa curta estatura. Co seu nome bautizouse a avenida do Areal. O seu cargo no remate da guerra civil foi levado por Miguel Cuervo, coronel xefe da 82ª División.
  • O xefe provincial do Movemento e conselleiro nacional da FET y de las JONS, Jesús Suevos.
  1. Aróstegui 2006, pp. 76-78.
  2. Aróstegui 2006, pp. 78.
  3. "Diario Atlántico". Consultado o 17-04-2017. 
  4. Carballa (2012), pp.97-98
  5. "Faro de Vigo". Consultado o 15-04-2017. 

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar

Outros artigos

editar

 
 Este artigo sobre historia é, polo de agora, só un bosquexo. Traballa nel para axudar a contribuír a que a Galipedia mellore e medre.
 Existen igualmente outros artigos relacionados con este tema nos que tamén podes contribuír.