Francisco Pérez Carballo
Francisco Pérez Carballo, nado en Madrid o 8 de novembro de 1910 e finado na Coruña o 24 de xullo de 1936, foi un avogado, mestre universitario e político español.[1]
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 8 de novembro de 1910 Madrid, España |
Morte | 24 de xullo de 1936 (25 anos) A Coruña, España |
Causa da morte | pena de morte, ferida por arma de fogo |
Lugar de sepultura | cemiterio de Santo Amaro da Coruña |
Gobernador civil da provincia da Coruña | |
10 de abril de 1936 – 20 de xullo de 1936 ← José Sánchez Gacio – Florentino González Vallés → | |
Datos persoais | |
Educación | Universidade de Madrid |
Actividade | |
Ocupación | político, avogado, profesor universitario |
Partido político | Izquierda Republicana |
Familia | |
Cónxuxe | Juana Capdevielle |
Traxectoria
editarEstudou no instituto madrileño Cardenal Cisneros. Licenciado en Dereito e Filosofía e Letras, durante a súa etapa universitaria foi dirixente da Federación Universitaria Española e membro da Asociación Internacional de Estudiantes, así como militante das xuventudes de Izquierda Republicana. Frecuentou tamén o Ateneo de Madrid.
Tras licenciarse, traballou como mestre axudante na cátedra de Dereito Romano da Universidade de Madrid, conseguindo posteriormente, por oposición, unha praza de oficial letrado no Congreso dos Deputados.
Coa vitoria da Fronte Popular en febreiro 1936, foi nomeado Gobernador Civil da provincia da Coruña (10 de abril de 1936), ó parecer pola súa amizade con Santiago Casares Quiroga. Co golpe de Estado do 18 de xullo de 1936 opúxose ós sublevados, ordenando defender a sede do Goberno Civil, cuns cantos militares leais ó goberno da República e Gardas de Asalto. Non obstante, a desproporción de forzas levouno á rendición, o día 20 de xullo ás 18:30 horas. Pérez Carballo foi preso polos rebeldes e fusilado catro días despois,[2] en Punta Herminia, preto da Torre de Hércules,[3] xunto ó comandante Quesada e ó capitán Tejero, que fixeran fronte á sublevación dende o edificio do Goberno Civil.
A súa esposa, a intelectual, conferenciante e bibliotecaria, Juana Capdevielle, en avanzado estado de xestación, trala declaración do estado de guerra, refuxiouse na casa do boticario López Abente. Non obstante foi detida e, ó saber do asasinato do seu marido, sufriu un ataque de nervios que lle produciu un aborto, sendo atendida no cárcere polo médico e militante de Unión Republicana, José García Ramos. Foi posta en liberdade, pero a mediados de agosto foi secuestrada por grupos paramilitares de Falange,[2] violada e asasinada, abandonando o seu corpo nunha paraxe cerca de Rábade.
Notas
editar- ↑ "Francisco Pérez Carballo y Juana Capdevielle. 1936" Arquivado 12 de outubro de 2016 en Wayback Machine. La Boca d'Or, 18/8/2015 (en castelán)
- ↑ 2,0 2,1 Preston 2016, p. 220
- ↑ Gállego Rubio, Cristina (2010). Juana Capdevielle San Martín. Madrid: Complutense. ISBN 978-84-7491-993-6
Véxase tamén
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Francisco Pérez Carballo |
Bibliografía
editar- Galán Ortega, José (2015). Francisco Pérez Carballo: Memoria y biografía (PDF) (Tese) (en español). Universidade Complutense de Madrid. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 30 de xullo de 2017.
- Preston, Paul (2016). La Guerra Civil española (en castelán). Barcelona: Editorial Debate. ISBN 978-84-9992-638-4.
- Santos Juliá (coord.), Víctimas de la guerra civil, ISBN 84-8460-333-4.
Outros artigos
editarLigazóns externas
editar- Artigo "Puenteceso", de Juan Jesús Martín Tardío. Véxase, dentro do capítulo 4.11 (Siglo XX), a sección «El golpe militar de julio de 1936».