Glenn B. Smedley

numismático estadounidense


Glenn B. Smedley, nado no condado de Sangamon, Illinois o 13 de xullo de 1902 e finado en Colorado Springs, Colorado, o 31 de decembro de 1987, foi un numismático estadounidense.

Infotaula de personaGlenn B. Smedley
Biografía
Nacemento13 de xullo de 1902
Sangamon, Illinois.
Morte31 de decembro de 1987 (85 anos)
Colorado Springs, Colorado.
Datos persoais
País de nacionalidade Estadounidense
Actividade
OcupaciónEnxeñeiro eléctrido.
Autor e coleccionista numismático.
Familia
CónxuxeFlorence Smedley.

Traxectoria editar

Glenn Smedley naceu en 1902 no condado de Sangamon, en Illinois. Desenvolveu a súa carreira profesional en Chicago, como enxeñeiro eléctrico na compañía Commonwealth Edison, ata a súa xubilación en 1964.[1] En 1977 trasladouse a Colorado Springs, no estado de Colorado.[2][3]

Á marxe da súa dedicación profesional, Smedley dedicou os seus esforzos á numismática, un ámbito no que se introduciu como coleccionista de moedas estadounidenses na década de 1930 e de billetes a partir de 1950.[1] Durante décadas estivo moi vinculado á American Numismatic Association (ANA), de cuxa xunta directiva formou parte entre 1953 e 1957, e novamente de 1967 a 1973, e co cargo de vicepresidente primeiro no período 1957-1959.[1] Tamén dirixiu a publicación desta entidade, The Numismatist, primeiro como editor adxunto (1959-1966) e finalmente como editor principal durante un breve período (abril de 1966 a febreiro de 1967), posto no que foi substituído por Edward Rochette. Nesta publicación foi autor dunha boa cantidade de artigos, e mantivo unha popular columna de aparición mensual baixo o título de "Numismatic Vignettes", entre 1960 e 1985.[2] Outros artigos seus apareceron tamén noutras publicacións numismáticas, como Numismatic Scrapbook Magazine ou Essay-Proof Journal.[3]

Entre outras entidades do ámbito asociativo, Smedley foi o fundador da Society of Paper Money Collectors a principios da década de 1960, na que ocupou diversos cargos, entre eles a presidencia entre 1969 e 1971.[1][4] Foi presidente do Chicago Coin Club en 1960,[5] formou parte da xunta directiva da Central States Numismatic Society,[2] e foi membro da California State Numismatic Society. Fóra dos Estados Unidos, pertenceu tamén á Real Asociación Numismática do Canadá e foi vicepresidente honorario da Asociación Numismática de Australia Meridional.[3]

Como coleccionista, Smedley centrou o seu interese no papel moeda, sinaladamente os antigos billetes de banco de Illinois, e tamén coleccionou viñetas, probas de ensaio, gravados, e obras e obxectos relacionados co artista Victor David Brenner, sobre o que tamén publicou varios artigos.[2] O catálogo de Smedley que recolle as medallas creadas por Brenner, publicado nos números de xullo e agosto de 1983 de The Numismatist —con suplementos en decembro de 1984 e abril de 1987—, considérase o traballo de referencia sobre o tema.[1][3]

O derradeiro día de 1987, Glenn B. Smedley faleceu en Colorado Springs,[2] como consecuencia dun enfisema.[3]

Recoñecementos editar

Premio Glenn Smedley Memorial editar

Artigo principal: Premio Glenn Smedley Memorial.

A American Numismatic Association instituíu ademais o premio Glenn Smedley Memorial, en recoñecemento aos servizos prestados por el á institución ao longo de varias décadas.[11]

Notas editar

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 "Smedley, Glenn B. (1902-1987)". Coins Weekly (coinsweekly.com).
  2. 2,00 2,01 2,02 2,03 2,04 2,05 2,06 2,07 2,08 2,09 Smith, P. (2012).
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 "Obituaries: Glenn B. Smedley". En The Numismatist. Vol. 101. Nº 2. Febreiro de 1988. Páxinas 344-345.
  4. "Glenn Smedley". Society of Paper Money Collectors (SPMC.org).
  5. 5,0 5,1 5,2 "Glenn Smedley Honored by Chicago Coin Club". En Numismatic News. 4 de agosto de 2019.
  6. 6,0 6,1 "American Numismatic Association Past Award Recipients". American Numismatic Association (Money.org).
  7. "The Clemy Award". Numismatic Literary Guild (NLGonline.org).
  8. "Past Hall of Fame inductees by year". American Numismatic Association.
  9. "Hall of Fame". Society of Paper Money Collectors (SPMC.org).
  10. "Chicago Coin Club Inducts Glenn B. Smedley Into Hall of Fame". En Coin Week (Coinweek.com). 30 de xullo de 2019.
  11. "Awards Categories". American Numismatic Association (Money.org).

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • Smith, P. (2012). "Smedley, Glenn B.". En American Numismatic Biographies. Páxina 390.

Ligazóns externas editar