Garnacha

variedade vinífera

A garnacha[1] (en francésgrenache, en catalán: garnatxa) é unha varidade de uva. Normalmente cando falamos de garnacha referímonos á garnacha tinta (noir): bago tinto de tamaño mediano, forma esférica e pel fina de cor violácea, utilizada especialmente para a elaboración dos viños das denominacións de orixe Calatayud, Cataluña, Priorat, Cariñena e Navarra. Porén o seu cultivo é moi estendido en todo o mundo.[2] Ademais da tinta existe a garnacha branca: bago branco de tamaño mediano, forma elíptica e pel fina de cor verde amarelada, utilizada especialmente para a elaboración dos viños das denominacións de orixe Alella, Terra Alta e Tarragona[1]; a garnacha peluda e a garnacha tintureira: bago tinto orixinario de Francia, de tamaño mediano, forma esférica, pel grosa de cor negra azulada e polpa con forte pigmentación, utilizada especialmente para a elaboración dos viños das denominacións de orixe Almansa, Alacant, Ribeiro e Ribeira Sacra[1][3].

Acio de garnacha tinta.

A garnacha ten unha maduración serodia, polo que necesita condicións secas e cálidas como as que poden atoparse na parte seca da Península Ibérica, de onde seguramente é orixinaria. En Galiza cultívase só nas zonas secas surorientais. Tamén medra na Sardeña, no sur de Francia, en Australia e no val de San Joaquín de California.

É xeralmente picante, cun sabor suave no padal, e produce viños cunha gradación alcólica relativamente alta, pero necesítase controlar os rendementos dos viñedos para obter os mellores resultados.

Os perfís característicos da garnacha inclúen sabores a froitas vermellas (framboesa e amorodo) cunha nota sutil a pementa branca. Os viños de garnacha son altamente propensos á oxidación, mesmo con exemplares novos que teñen potencial para mostrar unha coloración parda (ou bricking) que se pode notar polos laterais da copa cando se inclina para valorar o viño. Coa idade, os viños de garnacha tenden a asumir máis sabores a coiro e alcatrán.[4] Os viños elaborados con garnacha tenden a unha carencia de acidez, taninos e cor, e a miúdo mestúrase con outras variedades como syrah, cariñena, araúxo e cinsaut.

A garnacha é unha das variedades dominantes en moitos dos viños do sur do Ródano, especialmente en Châteauneuf-du-Pape, onde adoita estar no 80 % das mesturas. En España hai viños monovarietais de garnacha tinta, sobre todo nas rexións vitícolas do sur de Aragón, como Calatayud, Cariñena e o Campo de Borja, mais tamén se usa mesturada, como nalgúns viños da Rioxa con araúxo.

En Australia mestúrase normalmente en con syrah (normalmente coñecida como shiraz nese país) e mourvèdre, como en exemplares de viños vellos de McLaren Vale. En Italia, a DOC Cannonau dei Sardegna (Sardeña) está composta por lei ao 99 % pola garnacha local (cannonau).

A garnacha tamén se usa para facer viños rosados en Francia e España, especialmente no Tavel, en Côtes du Rhône e na rexión de Navarra. O alto nivel de azucre da garnacha permitiu que se use habitualmente para viños fortificados, incluíndo os vins doux naturels (viños doces naturais) do Rosellón e de Banyuls, e para a maioría dos viños australianos fortificados.[5]

Historia editar

A uva garnacha orixinouse moi probabelmente en Aragón, de acordo coas probas ampelográficas.[6] As plantacións espalláronse dende o lugar de nacemento orixinal aos territorios da coroa de Aragón, como Sardeña e o Rosellón, hoxe no sur de Francia. Un dos primeiros sinónimos da vide era "tinto aragonés" (ou tinto de Aragón). A uva coñécese como cannonau na Sardeña, onde se afirma que se orixinou alí e que se estendeu a outras terras do Mediterráneo que estaban baixo a coroa de Aragón. A garnacha xa estaba ben espallada a ambos os dous lados do Pireneo cando a rexión do Rosellón foi anexionada a Francia. A partir de aí a vide abriuse camiño a través de Languedoc e ao sur da rexión do Ródano, onde quedou ben asentada no século XIX. A pesar da súa preponderancia nas achegadas rexións de Navarra e Cataluña, a garnacha non foi plantada amplamente na Rioxa até principios do século XX, cando se replantaron os viñedos despois da epidemia de filoxera.

A garnacha foi unha das primeiras variedades que chegou a Australia no século XVIII e, finalmente, converteuse na variedade de uva de viño tinto máis plantada do país até  ser superada pola syrah a mediados de 1960.[7] A garnacha australiana foi unha compoñente principal dos viños doces fortificados, que foron o eixo central nos inicios da industria vinícola australiana. No século XIX, os viticultores de California apreciaron a capacidade da vide para producir altos rendementos e aturar a calor e a seca. A uva foi plantada amplamente en todo o cálido val de San Joaquín, onde se utiliza principalmente como unha compoñente de mestura para viños doces e pálidos. A finais do século XX, o movemento Rhone Rangers quixo producir viño de alta calidade de garnacha e mesturas de viño ao estilo do Ródano cando os viños de garnacha dominaban o Châteauneuf-du-Pape. No século XX, a garnacha foi unha das primeiras Vitis vinifera que se vinificou con éxito durante os comezos do desenvolvemento da industria do viño de Washington, cun viño rosado do val de Yakima que logrou unha mención no tratado do historador do viño León Adams titulado Os viños das Américas.[8]

Viticultura editar

A videira de garnacha caracterízase polo seu forte dosel de madeira e o seu crecemento cara a arriba. Ten boa tolerancia ao vento (o que é útil cos ventos do norte: cerzo e mistral, que influencian as rexións de Aragón e do Ródano) e móstrase pronta para os climas secos e de ventos cálidos do Mediterráneo. A vide agroma cedo e require unha longa estación de crecemento para madurecer por completo. A garnacha é a miúdo un dos últimos bagos en ser vendimados, madurecendo ás veces semanas antes dacabernet sauvignon. O longo proceso de maduración permite que a uva acade uns altos niveis de azucre, facendo aos viños de garnacha capaces de acadaren altos niveis de alcol, a miúdo de cando menos un 15 %. Mentres que a vide é xeralmente vizosa, é susceptíbel a varias enfermidades da uva que poden afectar á calidade e ao rendemento da produción da uva, como o coulure, a podremia e o mildio, por mor do apertado dos bagos nos acios da vide. Os climas marxinais e húmidos poden incrementar a propensión da garnacha a desenvolver estes problemas na viticultura. A resistencia da vide á seca depende do tipo de enxerto que se plante, aínda que a todos vénlles ben un pouco de estrés hídrica.

A garnacha prefire solos secos e tépedos que estean ben drenados porén adáptase relativamente ben a todos os solos de viñedos. No sur de Francia, a garnacha nútrese de chans de xisto e granito e responde ben aos chans pedrentos de Châteauneuf-du-Pape, cunha área de coios que reteñen ben a calor. No Priorat, os solos de xisto da rexión reteñen auga de abondo para permitiren aos produtores evitar a rega nas secas rexións vitícolas. Os viñedos cun exceso de irrigación tenden a producir viños de cor pálida con sabores diluídos e un exceso de alcol. A pela da garnacha é magra e con pigmentos luminosos, producindo viños cunha cor pálida e poucos taninos. As vides vellas con poucos rendementos poden incrementar a concentración de compostos fenólicos e produciren viños máis escuros e tánicos como os que se poden atopar na rexión do Priorat catalán, onde os rendementos son a miúdo de entre 5 e 6 hectolitros por hectárea. O control do rendemento está intimamente ligado coa calidade do viño resultante, con rendementos por baixo dos 35 hl/ha, como se fai en moitas leiras de Châteauneuf-du-Pape, producindo viños moi diferentes con rendementos achegados aos 50 hl/ha, o que é a base do rendemento para os viños con Appellation d'Orixine Contrôlée (AOC) Côtes du Rhône.

O forte dosel de madeira da videira garnacha fai ao viño difícil de cultivar con colleitadoras mecánicas, requirindo equipos de poda e máis man de obra. En zonas vitícolas moi mecanizadas, como Australia e California, isto contribuíu a diminuír a popularidade desta vide.

Vinificación editar

 
A fina pel e a falla de compostos fenólicos que dean colorido fai da garnacha unha variedade útil para a produción de pálidos viños rosados.

A garnacha úsase a miúdo como un compoñente de mestura, engadindo corpo e dozura de froitas ao viño. A uva pode dar algúns problemas ao produtor por mor da tendencia a se oxidar de xeito doado e a perder cor. Para compensar o baixo contido en taninos e compostos fenólicos da uva, algúns produtores usan unha intensa presión e unha fermentación en quente cos talos para extraeren a máxima cantidade de cor e fenois das peles. Isto pode ser contraproducente, ao producir un viño gordo con sabores a herbas verdes e adstrinxente que lastre a característica vibrante e afroitada do bago. Para manter estas características, a garnacha responde mellor a unha longa fermentación amodiño a temperaturas frías seguida por un período de maceración. Para evitar a oxidación, o viño debe ser sacudido o menos posíbel. O uso de barrís novos de carballo pode axudar a frear a oxidación e a manter a cor pero demasiada influencia do carballo pode agochar a froitalidade da garnacha.

Os altos niveis de azucres e a escaseza de taninos, fai que a garnacha ben adaptada á produción de viños fortificados, como os vin deux naturelle do Rosellón e os viños ao estilo do Porto (port-style) de Australia. Nestes viños, o mosto fermenta durante 3 días antes de que se lle engada augardente de uva para deter a fermentación e a conversión do azucre en alcol. O alto contido espirituoso de uva pode traer viños con até un 15 ou un 16 % de alcol. Estes viños pódense facer cun estilo "rancio" deixándoo á intemperie en vidro demi-johns (bombonas) ou barrís de madeira onde o viño cócese ao sol durante varios anos até desenvolver un carácter madeireiro e sabores de pasas agres, noces e queixo. Estes vin deux naturelle fortificados e os viños port-style teñen unha gran lonxevidade e poden ser consumidos até en tres décadas.

Notas editar

  1. 1,0 1,1 1,2 VV. AA. (2012) Dicionario de alimentación e restauración, Santiago de Compostela, Termigal. Xunta de Galicia. Real Academia Galega
  2. Niels Lillelund: Rhône-Vinene JP Bøger - JP/Politikens Forlagshus A/S, 2004.
  3. "El mejor vino español es de Almansa". El Comidista. El País. 
  4. Wine & Spirits Education Trust "Wine and Spirits: Understanding Wine Quality" pgs 6-9, Segunda edición revisada. (2012), Londres, ISBN 9781905819157
  5. J. Robinson (ed) "The Oxford Companion to Wine" Tercera edición pg 297-298, 333-334 Oxford University Press 2006 ISBN 0-19-860990-6
  6. Rosemary Radden. "Grapes and Wines of the World". The State Library of South Australia, GPO Box 419, Adelaide SA 5001. Arquivado dende o orixinal o 07 de agosto de 2007. Consultado o 28 de abril de 2017. 
  7. Oz Clarke Encyclopedia of Grapes pg 91-100 Harcourt Books 2001 ISBN 0-15-100714-4
  8. P. Gregutt "Washington Wines and Wineries: The Essential Guide" pg 67-68 University of California Press 2007 ISBN 0-520-24869-4