Araúxo (uva)

Variedade vinícola

Araúxo[1] é unha caste de uva de Vitis vinifera (videira) tinta autóctona da Rioxa, de tamaño mediano, forma esférica e tona grosa de cor negra azulada, de maduración temperá e cultivo moi estendido, utilizada especialmente para a elaboración dos viños das denominacións de orixe Rioxa, Ribera del Duero, A Mancha, Navarra e Valdepeñas. É, polo tanto, unha das castes máis coñecidas da Península Ibérica. Orixinaria do norte de España, cos nomes de tempranillo, cencibel e tinto del país, tamén é moi cultivada en Portugal, onde é xeralmente coñecida como aragonez, ou tinta roriz na rexión do Douro. En Cataluña coñécese co nome vulgar de ull de lebre.[2]

Unha copa de viño da variedade araúxo, amosando a típica cor púrpura

É unha caste moi adaptable a diferentes climas e solos, por iso o seu cultivo aumentou e foi difundido a outras rexións como as portuguesas de Dão e Alentexo, onde se adaptou particularmente ben, Ribatexo e Estremadura.

As condicións ideais de cultivo son os climas quentes e secos, para que a produción sexa menor e os bagos máis concentrados. Esta caste orixina viños de elevado contido alcólico, de baixa acidez e indicados para envellecer, sendo moi resistentes á oxidación.

É a maior constituínte dos mellores Riojas e Ribera del Duero (España).[2] Ten un nariz de coiro lene e pode ter gusto de amorodos maduros. O nome castelán tempranillo, vén da palabra castelá temprano, que significa cedo, e a súa maior vantaxe é que madurece logo.

Extensión

editar

Produción no Vello mundo

editar
 
Cepas da variedade "araúxo", nunha adega da D.O. Ribera del Duero, Viña Sastre.
 
Vides de araúxo no Garraf, rexión do Penedès.

O araúxo é a uva española por excelencia e a máis coñecida fóra de España. Considérase orixinaria do norte de España, en concreto de Rioxa, e o seu cultivo atópase estendido por practicamente todo o territorio. Segundo a Orde APA/1819/2007, pola que se actualiza o anexo V, clasificación das variedades de vide, do Real Decreto 1472/2000, de 4 de agosto, polo que se regula o potencial de produción vitícola, a araúxo é variedade recomendada nas comunidades autónomas de Murcia (Cencibel), Navarra, País Vasco, A Rioxa, País valenciano (Cencibel, tinto fino), Cataluña (Ull de llebre), Estremadura (cencibel, tinto fino), Madrid (cencibel, tinto fino), Aragón (cencibel), Castela-A Mancha (cencibel) e Castela e León (tinta del país, tinto fino, tinta de toro). Está autorizada en: Andalucía, Baleares, Canarias, Cantabria (Tinto de Toro) e Galiza. A morisca é variedade autorizada en Estremadura.

As dúas rexións principais que cultivan araúxo son A Rioxa, e Ribera del Duero. Araúxo é a principal compoñente dunha mestura típica da Rioxa e constitúe o 90-100% dos viños Ribera del Duero. Cantidades significativas cultívanse igualmente nas rexións do Penedès, Navarra e Valdepeñas. Está presente en practicamente todas as denominacións de orixe, destacando as seguintes: Almansa, Calatayud (4%), Campo de Borja (11%), Cariñena (15%), Cigales, Conca de Barberà, Costers del Segre, Jumilla, La Mancha, Méntrida, Navarra (15%), Penedès, Rioja, Ribera del Duero, Somontano, Valdepeñas (13%) e Viños de Madrid (5%).

Fóra de España, a uva ten un importante papel na produción de viños de dúas rexións de Portugal, Alentexo Central e Douro. No Alentexo Central coñécese como aragonêz e se usa en mesturas de viño de mesa de calidade variábel, mentres que no Douro coñécese coma tinta roriz e se usa principalmente en mesturas para facer viño do Porto.

Produción do Novo Mundo

editar

A variedade cultívase amplamente na Arxentina,[3] Chile, Perú; en 2005 as adegas Vista Alegre lanzaron un tempranillo crianza que goza das preferencias dos enófilos "Tempranillo crianza" e México produce viños finos como Tempranillo Arcilla. Introduciuse no Uruguai en 1994 pola adega Los Cerros de San Juan, onde a primeira colleita comercial tivo lugar en 1999. Ferméntase en bocois de carballo americano.[4] Hai tamén algunhas plantacións na República Dominicana.[5]

O araúxo chegou a California (entre o século XIX e o XX) co nome de valdepeñas e cultivouse en Valle Central. Posto que o clima do val non era o ideal para esta uva, resultoulle difícil prosperar. Non podía alcanzar o seu verdadeiro potencial e cando se usaba era como uva para mestura jug wine[6] Posteriormente, California comezou a usar esta variedade de novo para elaborar bos viños. O bago foi levado a Oregón por Earl Jones de Abacela Vineyards and Winery no Val de Umpqua. Araúxo é a principal variedade de Abacela e tamén se ten producido en Novo México, onde Viñedos Tularosa foi a primeira adega que etiquetou o viño coma Tempranillo en 2001.[7]

Araúxo cultívase tamén en moitas rexións vinícolas australianas, incluíndo Val McLaren, os outeiros de Adelaida e a rexión Geographe de Australia Occidental. Hai actualmente máis de 100 adegas australianas a facer viño con esta variedade.

  1. Nome vulgar galego da uva en VV. AA. (2012) Dicionario de alimentación e restauración Arquivado 11 de abril de 2016 en Wayback Machine., Santiago de Compostela, Termigal. Xunta de Galicia. Real Academia Galega
  2. 2,0 2,1 MacNeil, Karen. Ediouro Publicações, ed. Bíblia do Vinho, A (Edição 4 ed.). 8500012951. 
  3. "Tempranillo Valdepenas". Appelation America (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 11 de maio de 2008. 
  4. "Maderos de San Juan Tempranillo, LosCerrosDeSanJuan.com". Arquivado dende o orixinal o 16 de xuño de 2014. Consultado o 27 de agosto de 2014. 
  5. "De la Ribera del Duero a la Ribera del Panzo". Vinos al mundo (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 19 de xuño de 2006. 
  6. (Jug wine é un termo usado nos Estados Unidos para designar un viño de mesa barato embotellado tipicamente nun xerro (jug) de cristal).
  7. "Tularosa Vineyards, Summer Newsletter 2006, Volume 14" (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 06 de marzo de 2016. Consultado o 27 de agosto de 2014.