Abrir o menú principal
Ganso cabecinegro

Estado de conservación
Pouco preocupante (LC)
Pouco preocupante[1]
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Aves
Orde: Anseriformes
Familia: Anatidae
Subfamilia: Anserinae
Xénero: Branta
Especie: B. bernicla
Nome binomial
Branta bernicla
(Linnaeus, 1758)
Subespecies
  • B. b. bernicla
  • B. b. hrota
  • B. b. nigricans

O ganso cabecinegro[2] ou ganso de cara negra[3] (Branta bernicla) é unha especie de ave anseriforme da familia Anatidae propia do Holártico. É un ganso que cría en territorios do Ártico, en Noruega, Rusia, Canadá, Alasca e Groenlandia, e migra para pasar o inverno máis ao sur, ns costas de Europa occidental, a costa atlántica de Estados Unidos, a costa pacífica de América do Norte e a costa do nordeste de Asia e Xapón.

Taxonomía e etimoloxíaEditar

 
Exemplar de B. b. bernicla en Reino Unido.

O ganso cabecinegro foi descrito cientificamente por Carl Linnaeus en 1758 na décima edición da súa obra Systema naturae, co nome de Anas bernicla.[4] Posteriormente foi trasladado ao xénero de gansos Branta, creado polo naturalista tirolés Giovanni Antonio Scopoli en 1769.[5] O nome do xénero é a forma latinizada do termo inglés brant, procedente do antigo noruegués brandgás, 'ganso queimado (negro)', que designaba esta especie.[6] O nome específico bernicla vén de barnacle, nome que se lle daba ao ganso sangano, que é o mesmo nome que se lle dá en inglés aos percebes, xa que unha lenda considerba que procedían das súas cunchas, ao descoñecerse que se reproducían no Ártico.[7]

Recoñécense tres subespecies de ganso cabecinegro:[5][8]

DescriciónEditar

 
Exemplar de B. b. nigricans en Islandia.
 
Exemplar de B. b. hrota no nordés de Inglaterra.

É un ganso pequeño de bico curto e groso. Mide entre 55 e 66 cm de longo, cunha envergadura alar de 106 a 121 cm, e pesa entre 0,88 e 2,2 kg.[9][10] A súa plumaxe é de tons pardo griseiros, coa cabeza e pescozo anegrados. A parte ventral e rexión caudal son de cor branco puro, en contraste coas plumas rectrices negras da súa curta cola, a máis curta entre os gansos.

O corpo da subespecie B. b. bernicla é case uniformemente pardo griseiro en todas as súas partes, os seus flancos e a barriga non son significativamente máis claros que o dorso. A cabeza e o pescozo son negros, con manchas brancas nas partes laterais da parte superior do pescozo. A subespecie B. b. hrota en xeral ten máis variedade de tons pardo griseiros no seu corpo. Presentan un contraste marcado entre os tons claros dos flancos e ventre e o seu dorso escuro. A cabeza e pescozo son anegrados, cunha mancha pequeña a cada lado do pescozo. En cambio, en B. b. nigricans os tons pardos anegrados están máis estendidos, e presenta grandes contrastes entre o branco e os tons negros. O dorso e partes inferiores son case do mesmo ton pardo anegrado, chegando as partes escuras non só máis abaixo senón tamén máis atrás que nas outras formas, en cambio, ten unha gran mancha branca prominente no flanco. Tamén ten unha banda irregular branca no pescozo, moito máis prolongada que as demais subespecies, que forma un colar case completo.

Distribución e hábitatEditar

 
Cría no Ártico e migra ás costas do Holártico temperado.
 
Trala época de cría viven en bandadas na costa.

É unha ave migratoria de longa distancia que cría no Ártico, na tundra costeira de Eurasia e Norteamérica, incluídas Groenlandia e as demais illas árticas. Trala época de cría viaxa ao sur para pasar o inverno, nas costas de Europa occidental, desde Dinamarca ao norte da península Ibérica (tamén visita Galicia); a costa atlántica de Estados Unidos, a costa pacífica de América do Norte, desde o extremo sur do Canadá ata Baixa California e a costa do nordés da China, Corea e Xapón.

Esta especie adoitaba ser unha ave estritamente costeira en inverno, que rara vez abandonaba os esteiros de marea, onde se alimenta de Zostera marina e de algas Ulva. Porén, a finais do século XX, comenzou a usar as terras agrícolas próximas á costa, para alimentarse de herbas e cereais de inverno. Esta pode ser unha conduta aprendida doutras especies de gansos. A presión por falta de alimento tamén puido ser un importante estímulo para producir este cambio, dado que a poboación mundial se incrementou máis de dez veces ata alcanzar os 400 000-500 000 individuos contra mediados da década de 1980, posiblemente superando a capacidade de carga dos esteiros. Na estación de cría, usa as zonas costeiras húmidas da tundra tanto para alimentarse coma para criar.

É unha das especies ás que se aplica o Acordo sobre a Conservación de Aves Acuáticas Migratorias Africano-Euroasiático (AEWA).

ComportamentoEditar

 
Un ganso cabecinegro en posición defensiva.
 
Niño de ganso cabecinegro.

Fóra da época de cría, estas aves viven agrupadas en grandes bandadas. As bandadas desta especie non adoitan voar na típica formación en V, senón que voan rapidamente mais sen aliñarse. As súas rutas migratorias non están fixadas xeneticamente, senón que os individuos de cada subpoboación teñen que aprender as súas rutas. Aliméntanse de herba, musgos, liques e plantas acuáticas.

Son monógamos pero forman unha nova parella se perden o seu compañeiro. A época de cría empeza en xuño pouco despois de que chegan aos seus terreos de reprodución. Os gansos cabecinegros reprodúcense en colonias na tundra costeira ártica. Tamén adoitan criar nas illas costeiras. Normalmente forman pequenas colonias de nidificación situadas en lugares altos e secos da tundra. Non é infrecuente que fagan os niños nas proximidades de onde hai gaivotas e as rapaces, aínda que non tan frecuentemente coma os gansos Anser canagicus. O seu niño ten forma de cunca, revestido internamente de herba e penuxe, situado nun lugar elevado. Habitualmente poñen de tres a cinco ovos. Os polos eclosionan tras 24 a 26 días de incubación e o seu desenvolvemento tarda uns 40 días. Unha vez que nacen os polos seguen ás súas familias aos lagos, ríos e esteiros da zona de cría. O vínculo de parella desaparece neste período. Os machos deixan as femias trala eclosión para xuntarse en grupos de machos. Neste período prodúcese a muda, que dura desde mediados de xullo ata mediados de agosto. En agosto as crías adquiren a capacidade de voo.[11]

NotasEditar

  1. BirdLife International (2012). "Branta bernicla". Lista Vermella de especies ameazadas. Versión 2014.3 (en inglés). Unión Internacional para a Conservación da Natureza. Consultado o 12 de febreiro de 2013. 
  2. Penas Patiño, Xosé M.; Pedreira López, Carlos (setembro de 2004). Guía das aves de Galicia. Ilustrado por Calros Silvar (2ª ed.). A Coruña: Baía Edicións. ISBN 84-96128-69-5.
  3. Conde Teira, M. A. (1999). "Nomes galegos para as aves ibéricas: lista completa e comentada" (PDF). Chioglossa (A Coruña) 1: 121–138. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 15 de marzo de 2016. Consultado o 28 de setembro de 2016. 
  4. Caroli Linnæi. Systema naturæ per regna tria naturæ, secundum classses, ordines, genera, species, cum characteribus, differentiis, synonymis, locis Editio decima reformata 1758, Holmiæ, Impensis direct. Laurentii Salvii (Salvius publ.) p. 124.
  5. 5,0 5,1 Peterson, A. P. Zoonomen. Zoological Nomenclature Resource - Anseriformes
  6. Jobling, James A (2010). The Helm Dictionary of Scientific Bird Names. London: Christopher Helm. pp. 77, 225. ISBN 978-1-4081-2501-4.
  7. Barnacle. Online Etymoloy diccionary.
  8. Frank Gill e David Donsker. Screamers, ducks, geese & swans. IOC World Bird List versión 5.1.
  9. Dunning, John B., Jr., ed. (1992). CRC Handbook of Avian Body Masses. CRC Press. ISBN 978-0-8493-4258-5. 
  10. "Brent Goose". Oiseaux-birds.com. Consultado o 18 de outubro de 2011. 
  11. S. M. Uspenski: Die Wildgänse Nordeurasiens, Westarp Wissenschaften-Verlagsgesellschaft, Hohenwarsleben 2003, p. 29 ISBN 3894327561

Véxase taménEditar

BibliografíaEditar

  • Madge & Burn. Wildfowl. ISBN 0-7470-2201-1
  • Syroechkovski, E. E., Zöckler, C. & Lappo, E. 1998. Status of Brent Goose in northwestern Yakutia, East Siberia. Brit. Birds, 91: 565-572.
  • Ebels, E. B. (1997) Identification of brent geese: a new feature. Dutch Birding, 19(5): 232-236 (destaca as diferenzas en cor da barriga entre diversas formas).

Ligazóns externasEditar

En inglés: