GamerGate, ou precedido dun # para formar un cancelo, foi unha campaña de acoso cibernético na comunidade de fans de videoxogos.

Acontecementos editar

A polémica comezou coa acusación de que a estadounidense creadora de xogos indie Zoe Quinn mantivera relacións sentimentais con xornalistas da industria dos videoxogos. Os acontecementos posteriores levaron á creación do movemento e dos hashtags #GamerGate e #NotYourShield, e levaron a debate a ética xornalística e a liberdade de expresión da industria, chegando a ser exposto o caso na ONU.

 
Zoë Quinn en 2015.

O movemento GamerGate recibiu unha atención negativa nos medios, non só en EEUU senón noutras partes do mundo; por exemplo, o portal IGN Brasil referiuse tamén ao asunto[1].

A partir de agosto de 2014, os seguidores de Gamergate atacaron a varias mulleres da industria dos videoxogos, entre elas as desenvolvedoras Zoë Quinn e Brianna Wu, así como a crítica feminista Anita Sarkeesian. Despois de que Eron Gjoni, o ex-mozo de Quinn, escribise unha publicación falsa e despectiva sobre ela, os usuarios de #gamergate acusaron falsamente a Quinn de ter unha relación co xornalista de Kotaku Nathan Grayson. A verdade é que este xornalista nunca revisou o videoxogo de Zoë Quinn. As campañas de acoso contra Quinn e outros incluíron doxing, ameazas de violación e ameazas de morte. Os partidarios de Gamergate alegaron unha connivencia pouco ética entre a prensa e feministas, progresistas e críticos sociais. Estas preocupacións foron desestimadas por diversos comentaristas, como The Washington Post ou The Guardian entre outros medios, como teorías de conspiración triviais, sen fundamento ou sen relación con cuestións éticas reais.[2][3][4][5]

Os seguidores de Gamergate organizáronse de forma anónima ou pseudónimo en plataformas en liña como 4chan, Internet Relay Chat, Twitter e Reddit. O Gamergate non tivo líderes oficiais, portavoces ou manifestos. As declaracións que din representar foron inconsistentes e contraditorias, o que dificulta a identificación de obxectivos e motivos. Polo tanto, o Gamergate foi moitas veces definido polo acoso que cometeron os seus seguidores. Estes últimos negaron que se producise o acoso ou acusan ás vítimas de crealo.

A polémica foi descrita como unha manifestación dun conflito subxacente pola diversidade cultural, o recoñecemento artístico e a crítica social nos videoxogos e pola identidade social dos xogadores. Moitos seguidores de Gamergate obxectan o que ven como unha influencia crecente do feminismo na cultura dos videoxogos; polo tanto, o Gamergate é visto como un golpe da dereita cara ao progresismo. As respostas do sector foron negativas. O Gamergate levou a figuras dentro e fóra da industria a centrarse en mellores métodos para combater o acoso en liña.[6]

Discurso na ONU editar

En setembro de 2015, Anita Sarkeesian e Zoe Quinn falaron na ONU sobre o que sería unha "onda crecente de violencia contra as mulleres e as nenas" [7]. Froito disto foi un informe no que se chamaba a atención sobre a violencia contra as mulleres en contornas virtuais.[8]

Análise editar

Fontes de noticias expresaron dificultades para definir os obxectivos de GamerGate, argumentando que as preocupacións do movemento adoitan ser afogadas por comentarios ofensivos.

A aparición e desenvolvemento da controversia atribuíronse a unha sensación de desconexión entre a industria dos xogos e os xogadores, e á necesidade de máis transparencia e integridade no ámbito xornalístico , así como á necesidade de cambios na industria.

Co paso dos anos, GamerGate pasou a ser recoñecido como un movemento que contribuíu ao ascenso da extrema dereita e ao crecemento dos ataques e acoso contra mulleres e minorías en contornas virtuais.[9]

Notas editar

  1. às 22:45, Thais Stagni; Publicado o 30 de marzo de 2016 (2016-03-31). "Funcionária da Nintendo é demitida após ataques do GamerGate". IGN Brasil (en portugués). Consultado o 2022-06-05. 
  2. Wofford, Taylor (2014-10-25). "Is GamerGate About Media Ethics or Harassing Women? Harassment, the Data Shows". Newsweek (en inglés). Consultado o 2022-06-06. 
  3. "Gamergate's vicious right-wing swell means there can be no neutral stance". the Guardian (en inglés). 2014-10-13. Consultado o 2022-06-06. 
  4. Michael; Correspondent, or Brodeur Globe; June 12; 2015; Comments, 11:24 a m Share on Facebook Share on TwitterView. "Signs of backlash to Internet trolls appearing - The Boston Globe". BostonGlobe.com (en inglés). Consultado o 2022-06-06. 
  5. "the-game-industrys-top-trade-group-just-spoke-out-against-gamergate". Washington Post (en inglés). 
  6. "#GamerGate: the misogynist movement blighting the video games industry". www.telegraph.co.uk. Consultado o 2022-06-06. 
  7. "Anita Sarkeesian, Zoe Quinn and more take aim at cyber harassment against women". Consultado o 20 de dezembro de 2020. 
  8. "CYBER VIOLENCE AGAINST WOMEN AND GIRLS: A WORLD-WIDE WAKE-UP CALL" (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 23 de abril de 2022. Consultado o 20 de dezembro de 2020. 
  9. "O Gamergate 5 anos depois. E seu papel para a extrema direita". Nexo Jornal (en portugués). Consultado o 2022-06-06. 

Véxase tamén editar

Outros artigos editar