Gallia Narbonensis
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. |
A Galia Narbonense (orixinalmente en latín: Gallia Narbonnensis ) era unha provincia do Imperio Romano creada a partir da primeira colonia fundada no 118 a. C. polos romanos no litoral mediterráneo da Galia, actual Francia.[1]
Epónimo | Narbo Martius | ||||
---|---|---|---|---|---|
Localización | |||||
| |||||
Capital | Narbo Martius | ||||
Xeografía | |||||
Parte de | |||||
Bañado por | Mar Mediterráneo | ||||
Comparte fronteira con | |||||
Datos históricos | |||||
Creación | década de 120 a. C. | ||||
Disolución | Primeiro cuarto século IV | ||||
Sucedido por | Narbonensis I (en) , Narbonensis II (en) e Viennensis (en) | ||||
Historia
editarEsta colonia primitiva, Narbo (Narbona), situada nas beiras do río Aude, daralle máis tarde o seu nome a toda a provincia romana que se estrutura ao seu redor. Os romanos déronlle o nome de Narbo Martius, xa que estaba dedicada a Marte, deus romano da guerra, sendo a primeira cidade romana fóra da Península Itálica.[2] Outra cidade importante da Galia Narbonense, Aquae Sextiae (Aix-en-Provence), foi fundada na mesma época (122 a. C.).[3] Os vinculos desta provincia con Roma foron tan fortes que os romanos a miúdo se referían con Provincia só a esta rexión. Esta denominación deu lugar ao actual nome da Provenza (Provence, en francés).[4]
Roma ocupa a Galia Narbonense mediante varias campañas militares, entre 125 e 121 a. C., co obxectivo de crear unha ligazón terrestre entre a Hispania e a Galia Cisalpina.[5] A colonia grega de Massilia (Marsella) e a súa comarca constitúen un enclave territorial especial no seo da Narbonnensis, até a súa integración definitiva nela decretada por Xulio César. Esta medida foi tomada como castigo á cidade de Marsella, que apoiara a Pompeio na súa guerra contra César. Este, procónsul da Galia narbonesa do 58 ao 49 a. C., estabeleceu alí a súa base para a conquista da Galia.
Durante o Imperio, sobre todo a partir do principado de Octavio Augusto, Narbona pasará a ser unha cidade importante. Co obxectivo de estabelecer un censo dos galos e de organizar o seu territorio, Augusto estabelécese en Narbona. No 22 a. C., a Galia Narbonense pasa a ser unha provincia senatorial, isto é, situada baixo a autoridade do Senado romano. O territorio da provincia foi dividido en 22 civitates, unidades administrativas intraprovinciais de diferente tamaño e creadas sobre as divisións territoriais indíxenas.
Narbona convértese nun dos grandes portos comerciais do Mediterráneo, no cruzamento de dúas grandes vías romanas: a Via Domitia (construída no -120 para unir Italia con Hispania a través da Galia Narbonense) e a Via Aquitana (ligazón da costa mediterránea coa atlántica a través de Tolosa, e que ía de Narbona a Bordeos). A bisbarra de Narbona estaba composta de grandes explotacións agrícolas nas que se producían trigo, aceite e diferentes viños, xa famosos naquela altura. O período de esplendor de Narbona e a súa provincia prolóngase durante os dous primeiros séculos da nosa era. Un texto de Plinio o Vello describe a Galia Narbonense dándonos unha boa idea de como percibían os romanos esta provincia no século I :
Chámase Provincia Narbonesa á parte das Galias situada no litoral mediterráneo. Noutrora chamada Bracata, limita con Italia no río Var e nas montañas dos Alpes, a muralla natural máis segura do Imperio Romano. Máis para o norte, encóntrase separada do resto da Galia polas montañas do Cebenna e do Xura. A provincia narbonesa non se debe considerar a última das provincias debido á calidade dos seus cultivos, a respectabilidade dos seus habitantes e das súas tradicións, e a abundancia de recursos. En definitiva, a Narbonesa parécese máis a Italia que unha simple provincia.[6]
No século IV, durante a tetrarquía, a Galia Narbonense dividiuse en tres provincias vinculadas á Prefectura das Galias:
- A Narbonense Primeira, que integraba as terras ao oeste do Ródano, limitando polo oeste coas tres Aquitanias e ao sur coa Hispania. A súa capital era Narbona e os seus principais pobos os Tectosages, Arecomici, Sardones, Tolosates, Atacini, Helvii e Umbranici.
- A Narbonesa Segunda, que se corresponde cunha parte da actual Provenza e do Delfinado. Limitaba ao oeste coa Narbonesa Viennensis e ao leste coa provincia dos Alpes Marítimos. Os seus principais pobos eran os Albioeci, Commoni e Salyes. A capital encontrábase en Aix-en-Provence.
- A Narbonense Viennense, que incluía a parte occidental do Delfinado e da Provenza, así como o Condado Venaissin. A súa capital era Vienne e os seus pobos máis importantes eran os allobroges, os segalaunes, os helvianos, os tricastinos, os voconces e os cavares. No século V foi dividida en dúas provincias que tiñan a Vienne e Arles como capitais respectivas.
Durante as grandes invasións do século V, a Narbonense Primeira foi ocupada en 406 polos visigodos, mentres que a Segunda e a Viennensis mantivéronse vinculadas a Roma até o 476, cando foron anexionadas ao reino dos ostrogodos e dos burgundios respectivamente.
Notas
- ↑ "ÉPUISÉ - Gallia Narbonnensis. Southern France in Roman Times, 1988, nbr. ill., rel. -". librairie-archeologique.com.
- ↑ "Narbona, la cita obligada - Côte du Midi (Costa del Midi)" (en castelán). 2022-12-05. Consultado o 2024-06-20.
- ↑ Carney, Thomas F. (1961). A Biography of C. Marius: An Inaugural Lecture Given in the University College of Rhodesia and Nyasaland (en inglés). African Classical Associations.
- ↑ "PROVENZAL". Etimologías de Chile - Diccionario que explica el origen de las palabras (en castelán). Consultado o 2024-06-20.
- ↑ "Rome's Cimbric Wars (114-101 BC) and their impact on the Iberian Peninsula". Sabinet. African Journals. journals.co.za; Acta Classica : Proceedings of the Classical Association of South AfricaVol. 48, No. 1. Consultado o 20 de xuño de 2024.
- ↑ " Narbonensis provincia appellatur pars Galliarum quae interno mari adluitur, Bracata antea dicta, amne Varo ab Italia discreta Alpiumque vel saluberrimis Romano imperio iugis, a reliqua vero Gallia latere septentrionali montibus Cebenna et Iuribus, agrorum cultu, virorum morumque dignatione, amplitudine opum nulli provinciarum postferenda breviterque Italia verius quam provincia ".
Véxase tamén
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Gallia Narbonensis |