Fervenza de Férveda

salto de auga do río de Escuadro en Férveda, Escuadro, Silleda

Coordenadas: 42°40′25″N 8°19′12″O / 42.6735546, -8.3199452

A fervenza de Férveda é un salto de auga situado no lugar de Férveda, na parroquia de Escuadro (Silleda). Trátase dun desnivel do río de Escuadro de aproximadamente uns 15,7 metros de altura, máis outro pequeno que parte da poza ou mergulleira de 4,8 metros. Forma parte da zona especial de conservación (ZEC) das Brañas de Xestoso da Rede Natura 2000.[1]

Fervenza de Férveda.

O sendeiro editar

Trátase dun percorrido de tipo lineal de 2,7 quilómetros de lonxitude, cun grao de dificultade baixo, agás nos últimos 200 metros de ascenso ata o pé da fervenza. O punto de inicio sitúase no chamado muíño de Varela, preto da igrexa de San Salvador de Escuadro, a carón do cal hai atopar un lavadoiro comunitario que data de 1952. Así, en todo o trazado, duns 45 minutos de duración, atópanse seis muíños de rodicio coñecidos como o muíño de Varela, o da Regueira, o das Carballeiras, o de Outeiro, o de Bataneiro e o de Herdeiros.

Flora e fauna editar

A flora desta paraxe está composta polo bosque de ribeira con árbores autóctonas como carballos, castiñeiros, amieiros, bidueiros, salgueiros, freixos, acivros, loureiros, silvarveiras, fentos reais e heterófilos.

En canto á fauna destacan animais de grande importancia ecolóxica coma falcóns e corvos. Aínda que tamén podemos atopar lavandeiras, gorrións e anduriñas. Outras especies moi abundantes son o xabaril e rato silvestre. Entre os peixes destaca a troita común, mentres que entre os insectos atopamos abundantes cabalos do demo.

Elementos de interese da zona editar

Entre os diferentes monumentos próximos á Fervenza de Férveda destaca a igrexa de San Salvador de Escuadro, de estilo románico e datada do século XII. Asociada, tamén, á tradición relixiosa, no lugar da Penadauga destaca unha famosa pena que amorea auga de chuvia no seu interior e que segundo a tradición cura as enfermidades da pel e dos ollos. Mentres que no lugar de Cascaxide atopamos unha casa señorial do século XVIII coñecida como Pazo de Cascaxide, que conta cun bosque anexo ao edificio, o cal tamén forma parte do proxecto europeo Rede Natura 2000. Nas Brañas de Xestoso destaca tamén a lagoa Sacra de Olives.

Notas editar

  1. Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Xunta de Galicia. (eds.). "Brañas de Xestoso". Consultado o 27 de outubro de 2017. 

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar