Flor do Nadal

(Redirixido desde "Euphorbia pulcherrima")
Flor do Nadal
Weihnachtsstern - groß.jpg
Clasificación científica
Reino: Plantae
División: Magnoliophyta
Clase: Magnoliopsida
Orde: Malpighiales
Familia: Euphorbiaceae
Subfamilia: Euphorbioideae
Tribo: Euphorbieae
Subtribo: Euphorbiinae
Xénero: Euphorbia
Especie: E. pulcherrima
Nome binomial
Euphorbia pulcherrima
Willd. ex Klotzsch, Allg. Gartenzeitung, 2, p. 27, 1834

A flor do Nadal (Euphorbia pulcherrima) coñecida tamén cos nomes de flor de pascua, estrela de Nadal ou poinsettia, é unha planta da familia Euphorbiaceae, nativa de Mesoamérica. Nalgúns países é frecuentemente utilizada en xardinaxe como arbusto. Porén en Galiza, e na maioría das rexións temperadas e frías do planeta, é principalmente empregada en floricultura como planta de interior ornamental polo Nadal.

DescriciónEditar

Arbusto ou arboriña cuxa altura pode variar entre 0,6 e 3 m, con grandes follas dentadas de cor verde escura (7 a 16 cm) e pequenas inflorescencias amarelas. As rechamangueiras brácteas que forman a parte superior da planta, de cor vermella, rosa, branco verdosa ou branco amarelenta son a miúdo confundidas con flores.

Florea polo inverno. No hemisferio norte florea de novembro a febreiro e é esencial que a planta non reciba luz durante 12 horas, aproximadamente dende outubro até Nadal para que floreza.

HistoriaEditar

Oriúnda de rexións tropicais de México , especificamente de Taxco e Guerrero. Os antigos pobos mexicanos chamábana, en náhuatl, cuetlaxóchitl que provén da unión de dúas verbas, cuetlaxtli que significa coiro e xochitl; ao se unir á primeira perde a súa terminación tli polo tanto unha tradución literal podería ser flor do coiro por mor da cor vermella viva dos seus pétalos, semellante á pel acabada de desprender. Outra acepción, menos frecuente relaciónase co termo cuitlatl, que significa excremento en náhuatl, dado a que os paxaros ao defecaren as sementes inxeridas espallábana e a planta nacía de entre os seus excrementos. Foi dada a coñecer ao resto do mundo durante a época colonial, na que se enfeitaban as igrexas coas súas follas durante o Nadal.

CultivoEditar

 
Detalle da planta

A flor do Nadal sóese cultivar coma planta de interior no hemisferio norte, por mor da súa época de maior auxe vexetativo durante a tempada achegada ao nadal. É o principal cultivo da floricultura nos Estados Unidos.

Nos EUA, Paul Ecke, pertencente á terceira xeración da familia Ecke —emigrantes alemáns establecidos nos Ánxeles en 1900—, foi o responsábel de promover o uso desta planta durante a estación invernal. Ademais de transformar o mercado, utilizando esgallos enviados por avión no canto de plantas maduras expedidas por tren, repartía de balde vasos con plantas ás emisoras de televisión para que aparecesen dende o Día de Acción de Grazas deica o Nadal. Víronse en programas como The Tonight Show e o especial de Nadal de Bob Hope, o que impulsou a especie ao mercado.[1]

Nos Estados Unidos é unha planta que demanda actividades dos floricultores entre agosto e Nadal.

Hoxe en día é unha planta de venda durante todo o ano en moitos países, facendo uso de avanzadas tecnoloxías como a manipulación do fotoperíodo e a temperatura. Mediante investimentos considerábeis pódese facer que floreza durante calquera época do ano. Faise anana mediante reguladores de crecemento para evitar a súa forma arbustiva e mediante a mellora continua. As novas variedades comerciais son permanentemente ofrecidas polos viveiristas aos floricultores.

Temperatura idealEditar

20-22 °C. Durante a floración, 18 °C. Non atura ben as correntes de ar e os cambios bruscos de temperatura.

RegaEditar

En interior, cómpre ter coidado coa rega xa que o exceso de auga pode podrecer a raíz. Engadir un adobo rico en nitróxeno á auga cada semana, até a época de floración. Algúns consellos útiles para unha maior duración da planta son:

  1. Evitar regas excesivas e demasiada humidade.
  2. Cando as follas teñan caído e perda as súas brácteas, cómpre podar a planta deixando talos de entre 5 e 10 cm.
  3. Adubar no mes de xullo.

Pódese transplantar de xeito doado por esgallos de punta. En México cultívase en invernadoiros para a súa comercialización na Noite Boa, especialmente na zona de Morelos, Puebla e Michoacán. Requírense coidados específicos durante a produción como control de temperatura, rega, humidade e pragas. Existen máis de dez variedades en cores diferentes o que fai da flor do nadal unha boa opción para a decoración desas datas. Con todo, a cor vermella segue a ser a favorita. En Guatemala, a rexión de Sacatepéquez, nos arrabaldes de Antigua Guatemala, prodúcense todas as variedades e expórtanse máis de 42 millóns de plantas en diferentes tamaños, de acordo coa época.

PropiedadesEditar

En México emprégase por vía oral ou externa para aumentar ou promover a secreción de leite. O látex é aplicado directamente para tratar espullas, erisipela, disipela, quenturas, chagas e infeccións cutáneas e feridas. En inchazos por picadas de vermes, póñense follas moídas. Para as inflamacións, ásanse as follas e se aplican o máis quente que se ature. Para aliviar os golpes férvense as flores, esprémese nelas limón e con elas se envolve a zona danada.

Nalgunhas afeccións respiratorias como anxinas ou tose, úsase a infusión da flor, a que ás veces se combina coa buganvílea (Bougainvillea spectabilis) e Bocconia frutescens. Finalmente refírese ao seu emprego en casos de orellóns, afeccións do corazón e rabia.[2]

TaxonomíaEditar

 
Planta adulta

Euphorbia pulcherrima foi descrita por Willd. ex Klotzsch e publicado en Allgemeine Gartenzeitung 2(4): 27–28. 1834.[3]

Etimoloxía

Euphorbia: nome xenérico que deriva do médico grego do rei Xuba II daMauritania (52 a 50 a. C. - 23), Euphorbus, na súa honra– ou en alusión ao seu gran bandullo– xa que usaba medicamente Euphorbia resinifera. En 1753 Carl von Linné asignou o nome a todo o xénero.[4]

pulcherrima: epíteto latino que significa "a máis bonita".[5] Nos Estados Unidos, e ás veces tamén en Galiza, coñécese co nome poinsettia (pronunciado ponsetia), en honra a Joel Roberts Poinsett, primeiro embaixador estadounidense en México que a introduciu nos EUA aló polo 1825. Dende o ano 1991, o 12 de decembro está declarado nos Estados Unidos como Día Nacional da Poinsettia en conmemoración da data da súa morte.

Sinonimia

Galería de imaxesEditar

NotasEditar

  1. Anton, Mike (23 de decembro de 2008). "The bloom is off the poinsettia business". Los Angeles Times. Consultado o 28-12-2008. 
  2. "En Medicina Tradicional Mexicana". Arquivado dende o orixinal o 04 de outubro de 2013. Consultado o 27 de novembro de 2013. 
  3. "Flor do Nadal". Tropicos.org. Jardín Botánico de Missouri. Consultado o 5 de febreiro de 2013. 
  4. (Spec. Pl. [ed. 1]: 450)
  5. en Epítetos Botánicos
  6. Sinónimos en Catalogue of life...

Véxase taménEditar

BibliografíaEditar

  1. CONABIO. 2009. Catálogo taxonómico de especies de México. 1. In Capital Nat. México. CONABIO, Mexico City.
  2. Correa A., M. D., C. Galdames & M. N. S. Stapf. 2004. Cat. Pl. Vasc. Panamá 1–599. Smithsonian Tropical Research Institute, Panama.
  3. Flora of China Editorial Committee. 1988-2013. Fl. China Unpaginated. Science Press & Missouri Botanical Garden Press, Beijing & St. Louis.
  4. González Ramírez, J. 2010. Euphorbiaceae. En: Manual de Plantas de Costa Rica. Vol. 5. B.E. Hammel, M.H. Grayum, C. Herrera & N. Zamora (eds.). Monogr. Syst. Bot. Missouri Bot. Gard. 119: 290–394.
  5. Idárraga-Piedrahita, A., R. D. C. Ortiz, R. Callejas Posada & M. Merello. (eds.) 2011. Fl. Antioquia: Cat. 2: 9–939. Universidad de Antioquia, Medellín.
  6. Jørgensen, P. M. & S. León-Yánez. (eds.) 1999. Catalogue of the vascular plants of Ecuador. Monogr. Syst. Bot. Missouri Bot. Gard. 75: i–viii, 1–1181.
  7. Lawesson, J. E., H. Adsersen & P. Bentley. 1987. An updated and annotated check list of the vascular plants of the Galapagos Islands. Rep. Bot. Inst. Univ. Aarhus 16: 1–74.
  8. Martínez Salas, E. M., M. Sousa Sánchez & C. H. Ramos Álvarez. 2001. Región de Calakmul, Campeche. Listados Floríst. México 22: 1–55.
  9. Molina Rosito, A. 1975. Enumeración de las plantas de Honduras. Ceiba 19(1): 1–118.
  10. Nasir, E. & S. I. Ali (eds). 1980-2005. Fl. Pakistan Univ. of Karachi, Karachi.
  11. ORSTOM. 1988. List Vasc. Pl. Gabon Herbier National du Gabon, Yaounde.
  12. Standley, P. C. & J. A. Steyermark. 1949. Euphorbiaceae. In: P. C. Standley & J. A. Steyermark (eds.), Flora of Guatemala---Part VI. Fieldiana, Bot. 24(6): 25–170.

Outros artigosEditar

Ligazóns externasEditar