Yersinia enterocolitica

Yersinia enterocolitica

Colonias de Yersinia enterocolitica crecendo en placa de ágar XLD.
Clasificación científica
Reino: Bacteria
Filo: Proteobacteria
Clase: Gammaproteobacteria
Orde: Enterobacteriales
Familia: Enterobacteriaceae
Xénero: Yersinia
Especie: Y. enterocolitica
Nome binomial
'Yersinia enterocolitica'
(Schleifstein & Coleman 1939)

Yersinia enterocolitica é unha especie bacteriana gramnegativa con forma de bacilo, que pertence á familia Enterobacteriaceae. A infección por Y. enterocolitica causa a doenza chamada yersiníose, que é unha zoonose que se dá en humanos e noutros moitos animais, como os vacúns, cervos, porcos e aves. Moitos deses animais recupéranse desta doenza e convértense en portadores asintomáticos.[1] Infecta ao hóspede adheríndose ás súas células por medio de adhesinas autotransportadoras triméricas (TAAs).

O xénero Yersinia inclúe 11 especies. Entre elas só Y. pestis, Y. pseudotuberculosis, e certas cepas de Y. enterocolitica teñen importancia como patóxenos para os humanos e certos animais de sangue quente, mentres que as outras especies son de orixe ambiental e poden, como máximo, actuar como oportunistas. Con todo, algunhas cepas de Yersinia poden ser illadas de materiais clínicos, polo que teñen que ser identificadas a nivel de especie.

Y. enterocolitica é un grupo heteroxéneo de cepas, que se clasifican tradicionalmente en biogrupos e serogrupos. Por biotipado, baseándose nas súas características fenotipìcas, distínguense seis biogrupos, e por serotipado hai máis de 57 serogrupos O, que se basean nos seus antíxenos de superficie O (lipopolisacárido ou LPS). Cinco dos seis biogrupos (1B e 2–5) considéranse patóxenos. Porén, só uns poucos destes serogrupos foron asociados con doenzas en humanos ou animais. As cepas que pertencen aos serogrupos O:3 (biogrupo 4), O:5,27 (biogroupos 2 e 3), O:8 (biogrupo 1B), e O:9 (biogrupo 2) son illados con máis frecuencia en todo o mundo de mostras humanas. Porén, o serogrupo máis importante de Y. enterocolitica en moitos países europeos é o serogrupo O:3 seguido do O:9, mentres que o serogrupo O:8 detectouse principalmente nos Estados Unidos.

Y. enterocolitica está moi estendida na natureza, e aparece en reservorios como os tractos intestinais de numerosos mamíferos, especies de aves, especies de sangue frío, e mesmo en nichos terrestres e acuáticos. A maioría dos illados ambientais son avirulentos; porén, os illados obtidos de fontes porcinas conteñen serogrupos patoxénicos humanos. Ademais, cans, ovellas, roedores silvestres, e a auga ambiental poden tamén ser un reservorio de cepas patóxenas de Y. enterocolitica. As cepas patóxenas humanas están xeralmente confinadas no tracto intestinal e orixinan enterite/diarrea.[2]

Signos e sintomas editar

O portal de entrada é o tracto gastrointestinal. O microorganismo adquírese xeralmente por comer porco insuficientemente cociñado ou auga contaminada, carne, ou leite. As infeccións agudas por Y. enterocolitica normalmente producen enterocolites suaves e autolimitadas ou ileíte terminal e adenite en humanos. Os síntomas poden incluír diarrea acuosa ou sanguinolenta e febre, que lembran á apendicite ou salmonelose ou shigelose. Despois da inxestión oral, as especies de Yersinia replícanse no íleo terminal e invaden as placas de Peyer. Desde alí poden diseminarse aos ganglios linfáticos mesentéricos causando linfadenopatía. Esta condición pode confundirse coa apendicite, polo que se chama pseudoapendicite. En individuos inmunosuprimidos, poden diseminarse desde o intestino ao fígado e bazo e forman abscesos. Como as especies de Yersinia son bacterias siderófilas (amantes do ferro), as persoas con hemocromatose hereditaria (unha doenza que causa niveis de ferro elevados no corpo) son máis susceptibles á infección con Yersinia (e outras bacterias siderófilas). De feito, o contaminante máis común no sangue almacenado é Y. enterocolitica.[3] (Ver yersiníose).

Tratamento editar

A yersiníose é xeralmente autolimitada e non require tratamento. Para os casos de graves infeccións (sepse, infección focal) especialmente se están asociados con inmunosupresión, o réxime de tratamento recomendado inclúe a doxiciclina en combinación con aminoglicósidos. Outros antibióticos activos contra Y. enterocolitica son o trimetoprim-sulfametoxasole, fluoroquinolonas, ceftriaxona, e cloranfenicol. Y. enterocolitica é seralmente resistente á penicilina G, ampicilina, e cefalotina debido á produción de beta-lactamase.[4]

Prognose editar

As infeccións Y. enterocolitica van ás veces seguidas por doenzas inflamatorias crónicas como son a artrite,[5] eritema nodoso, e artrite reactiva. Isto débese moi probablemente a algúns mecanismos mediados inmunitariamente.[6]

Y. enterocolitica parece estar asociada coa tiroidite autoimmune de Graves-Basedow.[7] Aínda que existen evidencias indirectas, as probas de que sexa a causante directa son limitadas,[8] e crese que Y. enterocolitica non é probablemente a principal causa desta doenza, aínda que sexa unha condición estatisticamente asociada.[9][10] Máis recentemente o papel de Y. enterocolitica nesta doenza foi discutido.[11]

Notas editar

  1. Collins FM (1996). "Pasteurella, and Francisella". En Barron S; et al. Barron's Medical Microbiology (4th ed.). University of Texas. ISBN 0-9631172-1-1. NBK7798. 
  2. Fàbrega A, Vila J (2012). "Yersinia enterocolitica: pathogenesis, virulence and antimicrobial resistance". Enferm. Infecc. Microbiol. Clin. 30 (1): 24–32. PMID 22019131. doi:10.1016/j.eimc.2011.07.017. 
  3. Goljan, Edward F. Rapid Review Pathology. Second Edition. Page 279, Table 15-1.
  4. Bottone, Edward (abril de 1997). "Yersinia enterocolitica: the charisma continues". Clinical Microbiology Reviews (American Society for Microbiology) 10 (2): 257–276. PMC 172919. PMID 9105754. 
  5. Ryan KJ; Ray CG (editors) (2004). Sherris Medical Microbiology (4th ed.). McGraw Hill. ISBN 0-8385-8529-9. 
  6. Hill Gaston JS, Lillicrap MS (2003). "Arthritis associated with enteric infection". Best Pract Res Clin Rheumatol 17 (2): 219–39. PMID 12787523. 
  7. Benvenga S, Santarpia L, Trimarchi F, Guarneri F (2006). "Human Thyroid Autoantigens and Proteins of Yersinia and Borrelia Share Amino Acid Sequence Homology That Includes Binding Motifs to HLA-DR Molecules and T-Cell Receptor". Thyroid 16 (3): 225–236. PMID 16571084. doi:10.1089/thy.2006.16.225. 
  8. Tomer, Y. & Davies, T (1993). "Infection, thyroid disease, and autoimmunity". Endocr Rev 14 (1): 107–20. PMID 8491150. doi:10.1210/er.14.1.107. Arquivado dende o orixinal o 24 de setembro de 2019. Consultado o 05 de decembro de 2018.  Arquivado 24 de setembro de 2019 en Wayback Machine.
  9. Toivanen P, Toivanen A (1994). "Does Yersinia induce autoimmunity?". Int Arch Allergy Immunol 104 (2): 107–11. PMID 8199453. doi:10.1159/000236717. 
  10. Strieder T, Wenzel B, Prummel M, Tijssen J, Wiersinga W (2003). "Increased prevalence of antibodies to enteropathogenic Yersinia enterocolitica virulence proteins in relatives of patients with autoimmune thyroid disease". Clin Exp Immunol 132 (2): 278–82. PMC 1808711. PMID 12699417. doi:10.1046/j.1365-2249.2003.02139.x. 
  11. Hansen P, Wenzel B, Brix T, Hegedüs L (2006). "Yersinia enterocolitica infection does not confer an increased risk of thyroid antibodies: evidence from a Danish twin study". Clin Exp Immunol 146 (1): 32–8. PMC 1809723. PMID 16968395. doi:10.1111/j.1365-2249.2006.03183.x. 

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar