Vicente Celeiro

futbolista galego

Vicente Celeiro Leal, coñecido simplemente como Vicente, nado en Vilalba o 30 de maio de 1962, é un exfutbolista galego. Dianteiro histórico do Deportivo da Coruña, foi xunto a Traba a principal referencia ofensiva do equipo na década de 1980. Con 82 goles, é o sétimo máximo goleador do Deportivo, e en 1988 foi autor dun dos tantos máis célebres da historia do club, evitando o descenso a Segunda B na última xornada e salvando a entidade dunha posible desaparición.[1] Militou tamén no Celta de Vigo, no Lugo e no Racing Vilalbés.

Vicente Celeiro
Información persoal
Nome Vicente Celeiro Leal
Nacemento 30 de maio de 1962
Lugar de nacemento Vilalba
Posición Dianteiro
Carreira xuvenil
Racing Vilalbés
1978–1980 Deportivo da Coruña
Carreira sénior
Anos Equipos Aprs (Gls)
1980–1981 Fabril
1981–1989 Deportivo da Coruña 269 (65)
1989–1991 Celta de Vigo 35 (3)
1991–1992 Lugo 23 (3)
1992–1995 Racing Vilalbés
Partidos e goles só en liga doméstica.

editar datos en Wikidata ]

Traxectoria editar

Inicios editar

Nacido en Vilalba, comezou a xogar ao fútbol aos 11 anos nun colexio de Mondoñedo, e máis tarde ingresou na canteira do Racing Vilalbés.[2] Aos 16 anos entrou a formar parte do equipo xuvenil do Deportivo da Coruña, no que militou durante dúas campañas.[2]

Deportivo da Coruña editar

Na tempada 1980/81 subiu ao Fabril, da man do adestrador Luis Rodríguez Vaz, e xogou co filial na Terceira División. A metade de tempada, o 25 de xaneiro de 1981, debutou co primeiro equipo na Segunda DIvisión B, nun encontro ante a Arandina no que xogou de titular debido á obrigación de aliñar un futbolista sub-20. Foi substituído por Fernando Muñoz no minuto 23 da primeira parte.[3][4]

Comezou a campaña 1981/82 nas filas do filial, pero en novembro Vaz substituíu o cesado Pepe Martínez no primeiro equipo, e o adestrador levou consigo do Fabril a Agulló e ao propio Vicente. Debutou na Segunda División na xornada 13, nunha vitoria por 2-1 ante o Burgos, e dúas semanas despois marcou o seu primeiro gol coa camiseta do primeiro equipo deportivista, recollendo unha asistencia de Traba para bater ao gardameta austríaco Hubert Baumgartner nunha vitoria por 3-0 sobre o Recreativo de Huelva en Riazor.[5]

Titular indiscutible durante os seguintes sete anos e medio, formou unha prolífica dianteira xunto a Traba nas primeiras tempadas, e máis tarde acompañou no ataque a xogadores como Verón ou Donowa. Na tempada 1982/83 anotou 12 goles e debutou coa selección española sub-21, pero viviu o momento máis duro da súa carreira deportiva cando o Deportivo sufriu unha dramática derrota na derradeira xornada ante o Rayo Vallecano en Riazor e perdeu o ascenso despois de se ter mantido entre as tres primeiras prazas durante as 21 xornadas anteriores.[6][7]

A súa mellor cifra goleadora conseguiuna na campaña 1986/87, na que marcou un total de 22 goles, sendo o terceiro máximo goleador da categoría de prata, só por detrás de Baltazar e Alzugaray. Con todo, foi na seguinte tempada, a 1987/88, na que anotou o seu gol máis célebre, co que entrou definitivamente na historia do deportivismo.[8] O equipo de Arsenio realizou unha mala campaña, ocupando postos de descenso en case tódalas xornadas da segunda volta. Chegou ao derradeiro partido na antepenúltima posición, a dous puntos da salvación, polo que debía gañar ao Racing de Santander e agardar por resultados favorables noutros encontros para evitar un descenso a Segunda División B que parecía feito. Os seus rivais directos estaban a perder os seus respectivos partidos, pero o Deportivo non conseguía desfacer o empate a cero goles en Riazor, ata que no minuto 92 un tanto de Vicente fixo cambiar a situación e consumou a salvación do club coruñés.[6][9][1]

A seguinte tempada foi a derradeira de Vicente no Deportivo, equipo que deixou no 10º posto da clasificación. Pechou a súa etapa na Coruña cun total de 325 partidos e 85 goles. No momento da súa marcha era o cuarto futbolista con máis partidos na historia do club e o seu cuarto máximo goleador histórico, ocupando na actualidade os postos 11º e 7º respectivamente en ditas clasificacións.[10]

Celta de Vigo editar

Para a tempada 1989/90 fichou polo Celta de Vigo, buscando xogar na Primeira División despois de oito anos militando en Segunda.[6] Debutou na máxima categoría na segunda xornada, ante o Sevilla, e na súa primeira campaña en Vigo xogou un total de 18 partidos entre liga e Copa do Rei. Non conseguiu ningún tanto e o equipo acabou descendendo a Segunda División. Na seguinte tempada participou en 25 partidos e anotou 3 goles.

Lugo e Racing Vilalbés editar

Na tempada 1991/92 vestiu a camiseta do Lugo na Segunda División B, disputando un total de 28 partidos nos que logrou 3 goles. Contribuíu á segunda praza do equipo adestrado por Xulio Díaz e marcou un gol na promoción,[11] que culminou co primeiro ascenso a Segunda da historia do club.

En 1992 regresou a Vilalba e ao Racing Vilalbés, no que xogou durante tres campañas na Terceira División, ata a súa retirada en 1995.

Selección nacional editar

Foi internacional coa selección española sub-21 nunha ocasión, o 16 de febreiro de 1983, sendo o único xogador entre os seus compañeiros que militaba na Segunda División. Foi en Utrecht, nun partido de clasificación para a Eurocopa sub-21 de 1984 ante a selección dos Países Baixos, na que militaban futbolistas como Koeman, Rijkaard ou Van Basten.[12] Vicente formou na dianteira xunto a Amarilla e Urbano, e o seu equipo caeu goleado por 5-0.[13]

Vida persoal editar

Trala súa retirada do fútbol instalouse en Vigo e pasou a traballar como asesor de vendas de material médico.[14] Casou con Carmen Vidal, coa que tivo dous fillos: Borja e Adrián.[15]

Notas editar

  1. 1,0 1,1 García Rey, Alberto. "La genésis del Superdépor". Revista Líbero (en castelán). Consultado o 15 de xaneiro de 2023. 
  2. 2,0 2,1 "Vicente, seguro de triunfar". La Voz de Galicia (en castelán). 28 de xaneiro de 1981. p. 43. 
  3. "Funcionó el marcador de Riazor". La Voz de Galicia (en castelán). 27 de xaneiro de 1981. p. 31. 
  4. Miranda, Carlos (22 de febreiro de 2021). "Vilalba colma la añoranza". La Opinión A Coruña (en castelán). Consultado o 14 de xaneiro de 2023. 
  5. "El Huelva "naufragó" en Riazor". La Voz de Galicia (en castelán). 15 de decembro de 1981. p. 31. 
  6. 6,0 6,1 6,2 Palleiro, Armando; Díaz, Miguel; Suárez, Luis (15 de abril de 2019). "Vicente Celeiro, mucho más que un gol mesiánico". DxT Campeón (en castelán). Consultado o 14 de xaneiro de 2023. 
  7. Centeno, Alexandre (6 de outubro de 2012). "El Rayo que destrozó Riazor". La Voz de Galicia (en castelán). Consultado o 14 de xaneiro de 2023. 
  8. "#ANosaHistoria: 30 anos do gol que salvou ao Dépor". 22 de maio de 2018. Consultado o 14 de xaneiro de 2023. 
  9. "El deportivismo celebra los 25 años del salvador gol de Vicente Celeiro". La Voz de Galicia (en castelán). 22 de maio de 2013. Consultado o 14 de xaneiro de 2023. 
  10. "Listado de jugadores del Deportivo de La Coruña". BDFutbol (en castelán). Consultado o 14 de xaneiro de 2023. 
  11. "Asalto al ascenso". La Voz de Galicia (en castelán). 31 de maio de 1992. p. 50. 
  12. "Países Baixos - España 1983". BDFutbol (en castelán). Consultado o 14 de xaneiro de 2023. 
  13. "Los «Sub-21» de Holanda batieron en toda la línea a España: 5-0". La Voz de Galicia (en castelán). 17 de decembro de 1983. p. 36. 
  14. P. Vilar, Mónica (7 de novembro de 2019). "Vicente Celeiro, exfutbolista: «Non me gusta facerme maior»". La Voz de Galicia (en castelán). Consultado o 14 de xaneiro de 2023. 
  15. Portabales, Pablo (6 de novembro de 2019). "La nieta de Vicente Celeiro ¿celtista o deportivista?". La Voz de Galicia (en castelán). Consultado o 14 de xaneiro de 2023.