Torres de Arneiro

estación de radionavegación

Coordenadas: 43°14′53″N 7°28′53″O / 43.248055555556, -7.4813888888889

As Torres de Arneiro foron unha estación de radionavegación coñecida como Elektra Sonne ou Sonne Consol, formada por tres torres e as súas dependencias anexas, instalada na contorna de Arneiro (Goá, Cospeito) tras finalizar a guerra civil española. A base de Arneiro dista uns 12 quilómetros do aeródromo de Rozas construído polo Exército do Aire nas mesmas datas. Tiña o indicativo LG.[1]

Unha das torres.

Historia editar

 
Base da antena central.

O goberno do xeneral Franco mercoulle a Alemaña dúas estacións de radionavegación que facilitasen o posicionamento e o seguimento dos submarinos U-Boots e avións no Atlántico Norte e augas do golfo de Biscaia. Instaláronse por aquela época dúas bases destas características: unha en Sevilla e as torres de Arneiro. Tratábase dunha tecnoloxía desenvolvida pola empresa alemá C. Lorenz AG.

As pezas trouxéronse desmontadas en camións desde Alemaña en 1942. A torre central instalouse preto de Arneiro,[2] a norte na Graña de Vilarente (Abadín)[3] e a sur en Momán (Cospeito)[4].

Nos arredores da localización da antena central consérvanse tamén outros edificios, como o que albergaba os equipos de transmisión, un barracón dedicado a cociña, duchas e dormitorio, a sala de oficiais, un alxibe e un garaxe, no cal se sitúan os xeradores diésel de fabricación sueca. Tamén na base das antenas situábase unha pequena caseta metálica onde estaba colocada a unidade de sintonía da antena, sintonizador que servía para compensar a reactancia capacitiva da antena. Unha inscrición gravada na base dun deles co logotipo do Exército do Aire informa de que as dependencias foron reformadas en 1947. Foron desvalixadas de todos os materiais de valor hai tempo.

En 1962, anos despois de rematada a contenda, as instalacións foron transferidas da Dirección Xeral de Protección de Voo do Exército do Aire de España á Dirección Xeral de Aviación Civil, prestando servizo de control de navegación aérea ata que en 1980 as antenas foron apagadas definitivamente, quedando fóra de servizo.

Na primavera de 1997 varios grupos de radioafeccionados, servíndose de xeradores eléctricos aplicados a equipos de transmisión, conectaron as antenas e fixéronas funcionar. Conseguiuse que unha serie de mensaxes chegasen a toda Europa, Estados Unidos, África, Asia e ata Nova Zelandia, a 17.000 quilómetros de distancia.

A torre norte caeu por mor do vento en marzo de 2006,[5] e as outras dúas caeron na noite do 24 de xaneiro do 2009 polo temporal Klaus,[6], que derrubou tamén varios piñeiros sobre os edificios de control. Ao pouco comezou o expolio das torres.[7]

Galería de imaxes editar

Notas editar

  1. Martín, Máximo. "Las Torres de Arneiro". EA1DDO (en castelán). 
  2. Antena Central de Arneiro na páxina web colaborativa Patrimonio Galego.
  3. Antena Norte de Arneiro na páxina web colaborativa Patrimonio Galego.
  4. Antena Sur de Arneiro na páxina web colaborativa Patrimonio Galego.
  5. "El viento derriba en Abadín una de las tres 'torres de Hitler'". El Progreso (en castelán). 7 de marzo de 2006. p. 17. 
  6. "Los radioaficionados, "desolados" por la caída de las torres de Arneiro". El Correo Gallego (en castelán). 25 de xaneiro de 2009. Arquivado dende o orixinal o 01 de febreiro de 2009. Consultado o 29 de xuño de 2023. 
  7. "Las torres de Arneiro siguen sin protección y Castosa pide a Defensa que evite el expolio". La Voz de Galicia (en castelán). 4 de febreiro de 2009. 

Véxase tamén editar

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar