A chega de touros, designada loita de touros na Terra Fría Trasmontana ou coñecida coma chega de bois na Terra Quente Trasmontana en Portugal e tamén en Galicia, consiste no enfrontamento entre dous touros para determinar cal deles é o máis forte. De orixes ancestrais, as chegas de touros foron impulsadas nas últimas décadas como incentivo á cría das razas autóctonas de vacún, principalmente as razas mirandesa e barrosã.

Vaca de raza mirandesa
Tōgyū, orixinario das illas Ryukyu.

Este espectáculo é unha parte importante na actividade dos criadores de gando vacún da Terra Quente de Trasmontana. Anualmente na época de verán celebrase o Campeonato Nacional de Chega de Bois da Raça Barrosã en Montalegre e o Campeonato Nacional de Chega de Touros da Raça Mirandesa en Vinhais.

En Galicia celebráronse chegas de bois no concello ourensán de Muíños, porén despois de facer fronte a varias sancións nos últimos anos de distintas administracións e a pesar de que no ano 2007 a fiscalía de Ourense arquivou a denuncia presentada por un grupo de ecoloxistas o ano anterior, o concello decidiu suspender a chega definitivamente. Celebrouse no ano 2006 a última chega de bois en Muíños[1].

O Tōgyū (闘牛), que xurdiu no Xapón ou o Combat de reines, tradicional do cantón de Valais en Suíza, son eventos similares á chega de bois nos que se enfrontan bóvidos do mesmo xeito que se dá na loita de touros.

Historia editar

Non é doado determinar a orixe do ritual da loita de touros mais ten orixes ancestrais. O touro é a representación da forza e a virilidade e o seu culto é moi antigo en toda a área mediterránea. O gando vacún foi utilizado polo ser humano dende a Idade de Ferro; calcúlase que o comezo da cría de gando doméstico no sur de Francia e na Península Ibérica comezou contra o ano 8.000 a.C.

Ó longo do século XX, coa introdución progresiva de medios mecánicos na actividade agrícola, o uso do gando foi experimentando unha decadencia paulatina, acentuándose o decrecemento na cría das razas autóctonas debido á menor produtividade en carne e leite, comparativamente con outras razas vidas de fóra.

Coa intención de preservar as razas autóctonas portuguesas e promover a cría destas razas xorden diversas asociacións de criadores de gando, determinándose amais as áreas de distribución xeográfica de orixe e dispersión para estes animais de vacún. Resolvese establecer tamén campionatos de chegas de bois, que se veñen celebrando dende comezos do século XXI, como forma de incentivar a cría destas razas e premiar ós mellores exemplares[2].

A celebración destas competicións e o aumento do número de espectadores interesados nestes eventos ó longo dos últimos anos producen un efecto positivo na conservación das poboacións autóctonas e no desenvolvemento económico da rexión.

Na actualidade a maioría dos animais pertencen a criadores de gando, sendo esta actividade o seu medio de subsistencia. En tempos anteriores á primeira metade do século XX estes bóvidos eran un ben comunitario, pertenza dunha aldea e coidábanse colectivamente nestas zonas do norte de Portugal, sendo unha característica definitoria da rexión da Tramontana. Aínda hoxe é posible atopar os "bois do pobo" nalgunhas aldeas de Tras os Montes e na illa Terceira dos Azores.

En Galicia as chegas de bois víñanse celebrando dende a década de 1980 en Muíños, o único concello no que se organizaron chegas nos últimos anos no país, sendo unha antiga tradición en ámbolos dous lados da Raia. Despois de facer fronte a varias sancións de distintas administracións o concello de Muíños decidiu suspender definitivamente a chega no 2006, tras 28 anos de loitas de touros[3].

O Tōgyū (闘牛), que xa se practicaba no século XVII no Xapón, é un espectáculo semellante á chega de bois, sendo orixinario das illas Ryukyu e estendendose a súa práctica por outras rexións do país nipón. Durante as disputas os touros están asistidos cadanseu por unha persoa en todo momento, procurando que o enfrontamento transcorra sen inconvenientes. Os seus principios son similares ós da loita de touros, sendo un evento popular naquelas latitudes.[Cómpre referencia]

 
Combat de reines en Valais.

O Combat de reines é un evento tradicional de Suíza, principalmente no cantón de Valais, no que compiten vacas loitando en eliminatorias nas que van avanzando os bóvidos gañadores, ó igual que nos campionatos de chegas, e que se coñecen como bataille de reines ou combat de reines (combate de raíñas).[Cómpre referencia] Comezaron a celebrarse estes campionatos na década de 1920 gozando de popularidade entre as xentes desa rexión. A res gañadora coñécese como "raíña entre raíñas" e o seu valor incrementase considerablemente.

Eventos similares teñen lugar nalgúns lugares de Francia, na Alta Savoia; no Val de Aosta en Italia e tamén en Artvin, en Turquía.[Cómpre referencia]

A Chega editar

 
Loita de dous touros na illa de Okinawa.

O principio da competición é bastante simple; trátase de aproximar ou "chegar" dous exemplares machos que se confrontarán cabeza con cabeza, turrando ata determinar cal deles é o máis forte. Non é usual neste tipo de loitas que os animais resulten feridos, procurando recrear nestes eventos un comportamento que se dá de xeito natural. Os animais observanse, exhiben a súa corpulencia e eventualmente tentan medir as súas forzas turrando un contra o outro; apenas o necesario para que un deles sinta estar en desvantaxe, recuando e fuxindo. Nalgún caso o animal que predomina pode chegar a perseguir durante un breve treito ó animal vencido, o suficiente para reafirmar o seu dominio, sen consentir ningún tipo de dúbidas ó adversario.

As chegas de touros poden durar varios minutos, apenas algúns segundos ou non propiciarse no caso de que un animal recuse "dar a cabeza". Os animais confrontados poden chegar a pesar 1200Kg no caso da Raza Mirandesa[4]. Paralelamente nas chegas establecese habitualmente un sistema de apostas constituíndo un movemento significativo de cartos.[Cómpre referencia]

O número de espectadores interesados nestes eventos foi en aumento ó longo dos últimos anos, contribuíndo no desenvolvemento económico da rexión, favorecendo a conservación das poboacións autóctonas e incrementandose a calidade deste tipo de razas coa selección dos mellores exemplares[5]. A maioría dos animais pertencen a criadores de gando na actualidade. Críanse especificamente para a competición nestes campionatos un número significativo de exemplares.

Os dous campionatos de chega de bois que se disputan na actualidade son os seguintes:

  • O Campeonato Nacional de Chega de Bois da Raça Barrosã: consiste en loitas de dous animais, avanzando o vencedor en eliminatorias sucesivas ata que se determina o campión nun enfrontamento final.
  • O Campeonato Nacional de Chega de Touros da Raça Mirandesa: son admitidos na competición tódolos individuos macho da raza mirandesa, divididos en dúas categorías; A) de máis de cinco anos e B) menos de cinco anos. Con loitas entre dous animais, avanzando o vencedor en eliminatorias sucesivas ata que se determina o campión nun enfrontamento final.

Notas editar

  1. "Muíños elimina la chega de bois de las fiestas para evitar polémicas ecologistas". La Región (30-6-2008), en castelán.
  2. "Campeonato Nacional de Chegas de Touros já arrancou" Arquivado 14 de xullo de 2014 en Wayback Machine.. Jornal Nordeste (16-7-2013), en portugués.
  3. "Los bueyes ya no pelean en Muíños". El País (29-7-2008), en castelán.
  4. "A liga das bestas" Arquivado 14 de xullo de 2014 en Wayback Machine.. Diario de Noticias, en portugués.
  5. Semanário O Mensageiro de Bragança (13-6-2013)

Véxase tamén editar

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar