Festa do Boi

festa popular en Allariz

A Festa do Boi é unha celebración popular característica da localidade de Allariz (Ourense) e consiste en correr un boi polas rúas allarizás, controlado polos mozos grazas a unha corda atada ós cornos. A festa, que se celebra desde o século XVI, faise coincidir coa fin de semana do Corpus Christi.

Escultura adicada á Festa do Boi.

Dende entón tódolos anos saía o boi no Corpus, e aínda que durante a Guerra Civil esta celebración foi suspendida, contra o 1983 un grupo de mozos decidiu recuperar a Festa do Boi. Está declarada Festa de interese turístico de Galicia.

Orixes editar

 
Allariz durante a Festa do Boi.

As orixes desta festa son diversas segundo as fontes. A tradición conta que os xudeus que habitaban na vila adoitaban expresa-lo seu rexeitamento da procesión do Santísimo na festividade do Corpus con chanzas e risas, ás que engadían berros e insultos contra os cristiáns. Para rematar con esa falta de respecto, un tal Xan de Arzúa, fidalgo allarizao relixioso, montou no lombo dun boi e cargou contra os xudeus, á vez que os seus criados os acirraban botando sobre eles cinsa e formigas que levaban nuns sacos, conseguindo así que os xudeus presenciaran reverentemente a procesión.

Outra posible orixe da festa sería a reacción do Xan de Arzúa, agora un cabaleiro que visitaba a vila, contra a prohibición que rexía de que os forasteiros non podían cruza-la vila montados de a cabalo. Cando lle obrigaron a baixar do seu cabalo, subiuse nun boi e cruzou sobre el a vila enteira. En calquera destes dous casos, deixou unha manda para que os veciños repetisen a fazaña tódolos anos, representándoo como un boneco de palla montado nun boi.

Finalmente, unha terceira hipótese disque o tal Xan de Arzúa era como alcumaban os veciños a un boneco de palla que levaban á fronte da procesión e que, rematada esta, corrían polas rúas atado a un boi.

Hoxe, o boneco que imita se-lo Xan de Arzúa pendúrase do balcón da casa do concello para atrae-la atención do boi.

O antropólogo verinense Xesús Taboada Chivite indicaba en 1972: “En Allariz, amáis de danzas de espadas, penlas e outras manifestacións semellantes ás relatadas que estudaron Cid Rumbao e Puga Brau, figuraba Xan de Arzúa, moneco montado enriba dun touro enmaromado que escoltaban repartidores de formigas." [1] Se se trata ou non dun ritual de carácter similar aos de tipo carnavalesco, podémolo inferir, ademais da aparición do motivo ritual do lanzamento de formigas e cinza (ou "fariña mesturada con formigas"[2]), da seguinte información, procedente do mesmo ensaio, Etnografía galega. Cultura espiritual: “En Trasparga (Lugo) o gado vai diante do enterro, emporiso o corrente é soltalo, porque o morto non leve o que é seu […]".[3]

O grupo Leixaprén dedicoulle un álbum á festa en 1990.[4]

Notas editar

  1. TABOADA CHIVITE, Xesús (1972). Etnografía galega. Cultura espiritual. Galaxia. p. 70. ISBN 9213525567. 
  2. SEARA FERRO, Juan Antonio (2021). O Corpus Christi de Allariz. Inicio e orixe da Confraría do Corpus Christi. Dr. Alveiros. pp. 15s. ISBN 978-84-122408-5-6. 
  3. TABOADA CHIVITE, Xesús (1972). Etnografía galega. Cultura espiritual. Galaxia. p. 48. ISBN 9213525567. 
  4. Lavesedo. "Leixaprén". GZmusica.com - Músicas da Galiza. Consultado o 2023-06-16. 

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • Blanco Rodríguez, A. (2003): A festa do Boi na historia de Allariz en A. C. FUNDACIÓN XAN DE ARZÚA: Festa do Boi en Allariz desde 1317. Ourense, Difusora de Letras, Artes e Ideas.
  • CID RUMBAO, A.: Historia de Allariz. Villa y Corte románica, Ourense, Diputación Provincial de Ourense, 1984.
  • Ferro Ruibal, X. (2010): O libro da vaca. Monografía etnolingüística do gando vacún. Santiago de Compostela, Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.
  • GONZÁLEZ MONTAÑÉS, Julio I. “Máscaras, gigantes y cabezudos en el Corpus gallego”, CIAG.doc, Revista del Círculo Internacional de Amigos de los Gigantes, Vallgorguina (Barcelona), año 5, nº 15, Agosto (2007), pp. 4-9.
  • Puga Brau, J. de (1958): "Allariz y el Corpus de Antaño" en Boletín de la Comisión Provincial de Monumentos Históricos y Artísticos de Orense n.º 19.
  • PUGA BRAU, J. de. Os xudeos de Allariz. O boi de Corpus e as danzas gremiais, Ourense, Diputación Provincial de Ourense, 1996.
  • SEARA FERRO, Juan Antonio: O Corpus Christi de Allariz. Inicio e orixe da Confraría do Corpus Christi, Allariz, Dr. Alveiros, 2021.
  • TABOADA CHIVITE, Xesús: Etnografía galega. Cultura espiritual, Vigo, Galaxia, 1972.

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar