Earpwald de Anglia Oriental

Earpwald, tamén Erpenwald ou Eorpwald, finado c. 627 ou 632, sucedeu ao seu pai Rædwald como gobernante de Anglia Oriental desde c. 624. Earpwald era un membro da familia dos Wuffingas, nomeado así por descender do rei Wuffa.

Earpwald de Anglia Oriental
Nacementoséculo VI
Falecemento627
EtniaAnglos
Ocupaciónmonarca
PaiRaedwald de Anglia Oriental
IrmánsRægenhere
editar datos en Wikidata ]

Pouco se sabe acerca da vida e do breve reinado de Earpwald. A principal fonte acerca deste período provén da Historia Ecclesiastica Gentis Anglorum, escrita por Beda no século VIII. Pouco despois de ascender ao trono, Earpwald recibiu educación cristiá e foi bautizado en 627 ou 632. Pouco despois da súa conversión foi asasinado por Ricberht, un nobre pagán, que o sucedeu e gobernou Anglia Oriental durante tres anos. O motivo para o asasinato de Earpwald foi probabelmente tanto político como relixioso. Foi o primeiro rei inglés en morrer por mor da súa fe cristiá, sendo venerado pola igrexa posteriormente como santo e mártir.

Traxectoria editar

Contexto histórico e familia editar

A comezos do século VII, o sur de Inglaterra estaba case enteiramente controlado polos anglosaxóns[1]. Estes pobos, entre os que se incluían anglos, saxóns, xutos e frisóns, comezou a chegar a Gran Bretaña no século V. Cara ao ano 600, varios reinos comezaran a formarse, incluíndo o de Anglia Oriental, un reino anglosaxón que hoxe inclúe os condados ingleses de Norfolk e Suffolk[2]. Case non existe ningunha fonte documental sobre a historia do reino antes do reinado de Rædwald, que reinou até aproximadamente 624[3]. As fontes de información inclúen os nomes duns cantos dos primeiros reis Wuffingas, mencionados nunha breve pasaxe da Historia Ecclesiastica Gentis Anglorum, escrita cara á década de 730[4].

 
Un mapa que mostra as localizacións xerais dos pobos anglosaxóns ao redor do ano 600

En 616, Rædwald venceu e matou a Æthelfrith de Northumbria na Batalla do Río Idle e instalou a Edwin como novo rei de Deira. Durante o seu exilio na corte de Rædwald, Edwin soñara que, se se convertía ao cristianismo, chegaría a ser máis grande que calquera que gobernase antes que el. Steven Plunkett conta que, segundo a versión dos acontecementos da Vida de San Gregorio, foi Paulino quen visitou a Edwin e obtivo a súa promesa de se converter ao cristianismo a cambio de poder real[5]. Despois de que Edwin emerxeu como gobernante de Deira, con centro en York, foi aceptado como rei de Bernicia[6]. Tras a súa vitoria sobre Northumbria, Rædwald xa non era só rei de Anglia Oriental, senón o máis poderoso gobernante de todos os reinos ingleses, alcanzando o rango posteriormente descrito como Bretwalda. Crese que foi enterrado no suntuoso barco funerario en Sutton Hoo[7].

Earpwald foi fillo de Rædwald cunha muller cuxo nome nos é descoñecido. Houbo polo menos un irmán, Rægenhere, e outro parente, Sigeberht, puido tamén ser o seu irmán. Rædwald utilizou as letras R e E cando nomeou a dous dos seus fillos, o que suxire que Earpwald era o máis novo e só se converteu en  herdeiro tras a morte do seu irmán Rægenhere en batalla en 616[8]. Non está claro se Sigeberht e Earpwald era irmáns, ou compartiron a mesma nai pero non o mesmo pai, segundo afirmou William de Malmesbury. Segundo Barbara Yorke, Sigeberht puido ser un membro dunha liña diferente de Wuffingas que tivo que se exiliar para asegurar que Earpwald fose rei[9].

Ascensión e conversión ao cristianismo editar

Earpwald era aínda un pagán cando ascendeu ao trono á morte de Rædwald en 624. D. P. Kirby mantén que Sigeberht fuxiu á Galia durante os conflitos internos que seguiron á ascensión de Earpwald e que o paganismo do novo rei creou tensións entre faccións cristiás e pagás dentro do reino, o que lle fixo perder influencia[10]. En 627, Edwin emprendeu a conversión dos pobos de Northumbria, Lindsey e Anglia Oriental e Eorpwald foi, segundo Beda, "persuadido para aceptar a fe cristiá e os sacramentos".[11][12]. Isto puido ter lugar cara a 627, tendo en conta os anos que se sabe que Felix de Burgoña foi bispo de Anglia Oriental[13][14]. En contraste, a Crónica anglosaxoa afirma que o bautismo de Earpwald tivo lugar en 632: "Her wæs Eorpwald gefullod", ("Agora Eorpwald foi bautizado")[15][16][17]

Non se sabe se Earpwald foi bautizado en Anglia Oriental, Northumbria ou Kent, pero moi probabelmente foi Edwin, o seu padriño. Higham suxire que debido á carencia de lugares apropiados en Anglia Oriental, puido ser bautizado por Paulino en Northumbria[18]. A forma en que foi convertido indica que Earpwald era un rei subordinado e que Edwin era o seu superior.

Morte e santidade editar

A conversión de Earpwald non se traduciu no establecemento de infraestrutura eclesiástica ningunha, como o establecemento dunha sede episcopal. Beda informou que pouco despois da súa conversión, Earpwald foi morto (occisus) por un pagán (uiro gentili) chamado Ricberht e que despois da súa morte, o reino volveu ao paganismo (in errore uersata est) por tres anos.

Earpwald foi o primeiro rei inglés en morrer pola súa fe cristiá. As circunstancias non quedaron rexistradas, de modo que non sabemos se Ricberht era representante dunha facción interna oposta ao cristianismo, ou se era un emisario do estranxeiro que desexaba diminuír a influencia de Edwin de Northumbria sobre Anglia Oriental. O regreso do paganismo non necesariamente significa que houbese unha loita aberta entre a adoración dos deuses anglosaxóns e a adoración de Cristo, pero podería expresar un rexeitamento entre os anglos orientais, incitados polo aumento do poder de Edwin e a súa ascendencia sobre o seu rei[19]. A ascendencia de Ricberht é descoñecida e non está claro ata que punto chegou a gobernar tras a morte de Eorpwald, pero en 630 ou 631, tres anos despois do asasinato de Earpwald, Sigeberht regresou do exilio e converteuse en rei.[20]

Notas editar

  1. Hunter Blair, Roman Britain and Early England: 55 B.C. – A.D. 871, p. 204.
  2. Yorke, Kings and Kingdoms of Early Anglo-Saxon England, p. 1.
  3. Plunkett, Suffolk in Anglo-Saxon Times, p. 70.
  4. Carver, The age of Sutton Hoo: the seventh century in north-western Europe, p. 4.
  5. Plunkett, Suffolk in Anglo-Saxon Times, pp. 79-80.
  6. Stenton, Anglo-Saxon England, p. 79.
  7. Plunkett, Suffolk in Anglo-Saxon Times, pp. 81, 82.
  8. Plunkett, Suffolk in Anglo-Saxon Times, p. 72.
  9. Yorke, Kings and Kingdoms of early Anglo-Saxon England, pp. 67-68.
  10. Kirby, The Earliest English Kings, p.63.
  11. Hoggett, The Archaeology of the East Anglian Conversion, p. 30.
  12. Bede, The Ecclesiastical History of the English People, Book II, chapter 15.
  13. Plunkett, Suffolk in Anglo-Saxon Times, pp. 97–98.
  14. Higham, The convert kings: power and religious affiliation in early Anglo-Saxon England, p. 181.
  15. Swanton, The Anglo-Saxon Chronicle, p. 24: Swanton adds in Note 5, 'King of the East Anglians'.
  16. Piers Plowman Electronic Archive Project version of the Anglo-Saxon Chronicle. Arquivado 12 de febreiro de 2009 en Wayback Machine.
  17. Wilson, Anglo-Saxon: Art From The Seventh Century To The Norman Conquest, p. 25.
  18. Higham, The convert kings: power and religious affiliation in early Anglo-Saxon England, p. 102.
  19. Higham, The convert kings: power and religious affiliation in early Anglo-Saxon England, p. 182.
  20. Yorke, Kings and Kingdoms of Early Anglo-Saxon England, pp.61, 62, 67.

Véxase tamén editar

Bibliografía editar