Escaravello vermello

Especie de escaravello
Escaravello vermello
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Arthropoda
Clase: Insecta
Orde: Coleoptera
Suborde: Polyphaga
Infraorde: Cucujiformia
Clado: Phytophaga
Superfamilia: Curculionoidea
Familia: Curculionidae
Xénero: Rhynchophorus
Especie: R. ferrugineus
Nome binomial
Rhynchophorus ferrugineus
(Olivier, 1790)

O escaravello vermello (Rhynchophorus ferrugineus) é unha especie de coleóptero curculionoideo bicudo, da familia Curculionidae,[1] orixinario da Asia tropical. É un gurgullo de gran tamaño, entre dous e cinco centímetros. A súa cor avermellada ferruxinosa faino inconfundíbel. A larva fura galerías de máis dun metro de lonxitude no estipe (o tipo do talo das palmeiras), podendo matar a planta hospedeira. As súas plantas hospedantes son fundamentalmente da familia das palmeiras, como o Cocos nucifera (o coqueiro), Elaeis guineensis (palma da Guinea) e o xénero Phoenix, entre elas Phoenix canariensis (palmeira canaria) e Phoenix dactylifera (a datileira), aínda que se teñen constatado ataques noutras especies incluíndo a palmeira anana Chamaerops humilis. As plantas, cando se ven afectadas pola peste, sofren amarelamento e murchamento, podendo chegar a se producir a morte do pé afectado. O control desta praga é complicado e polo de agora, a falla de método seguro, se procede á eliminación dos pés afectados e os que se sospeitan puideira estalo, para evitar a propagación do insecto.[2]

O escaravello vermello tense espallado a numerosos países, de África, Europa e América, alleos á súa área de distribución natural (sueste asiático) por mor do transporte antrópico. Atinxiu o Mediterráneo en 1980. Á Península Ibérica chegou en 1995 a través de palmeiras infectadas procedentes de Exipto ou outros países do norte de África. O primeiro caso no sur de Galicia viuse nunha palmeira de Gondomar.

Ciclo de vida editar

O escaravello normalmente infecta palmeiras con menos de doce anos. O adulto pode causar algúns danos ao alimentarse, no entanto, é a larva a que, ao escavar túneles polo estipe da palmeira, provoca a morte da planta. A femia adulta pon aproximadamente 200 ovos nas zonas de crecemento da coroa da palmeira, na base das follas novas ou noutras zonas lesionadas da planta. Do ovo nace unha larva branca que se alimenta de fibras tenras e de rebentos de follas, escavando buracos polos tecidos internos da árbore durante un mes. As larvas poden ocasionalmente crecer entre 4 a 6 centímetros[3]. Na metamorfose, a larva deixa a árbore e forma un casulo feito con fibras secas de follas de palma na base da palmeira. O ciclo de vida complétase en 7 a 10 semanas.

Sintomas de infestación editar

 
Palmeira infestada e morta en Arbo

Os sinais de infestación polo escaravello vermello son:

  • Orificios e galerías na base das follas (eventualmente con larvas ou casulos);
  • Folículos das follas novas cortadas en ángulo ou con puntas truncadas a dereito
  • Amálgama de fibras cortadas e húmidas con mao cheiro
  • Follas desprendidas e penduradas da coroa;
  • Coroa desgornecida no cumio ou achatada;

As larvas do escaravello son as que producen os danos no interior da palmeira, que non manifesta os síntomas até meses despois da colonización, normalmente cando se atopa nun estado avanzado de infestación. Os síntomas que se ollan son as follas centrais máis novas pouco desenvolvidas, con parte dos folíolos comidos e falla de vizosidade. As follas afectadas do centro amarelecen e murchan até se desprender; a palmeira vai perdendo a coroa. Na base das follas óllanse galerías realizadas polas larvas ou presenza de casulos, individuos adultos e restos de fibra esmagados.

Os primeiros sinais de infestación son os buracos no tronco e as follas cortadas. Cando achegamos o ouvido ao tronco da palmeira podemos ouvir os sons das larvas a escavaren o tronco e a alimentárense . Existen tamén equipamentos electrónicos de amplificación sonora para inspeccionar as árbores.

 
Palmeira infestada en Monteporreiro (Pontevedra)

Nunha fase seguinte, a coroa da palmeira perde o vigor ou vizosidade, e as follas máis novas comezan a pendurar e secar, ficando a coroa con forma achatada e cor castaña. Segue co murchamento das follas da parte de baixo da coroa. Cando estes síntomas comezan a ser visíbeis, a palmeira xa está infestada hai algunhas semanas e os seus tecidos vasculares internos xa están danados, sendo xa moi difícil recuperar a palmeira que, provabelmente, morrerá. Poden observarse tamén infeccións secundarias por bacterias e fungos oportunistas que, aproveitando as feridas causadas polo escaravello, aceleran o declinio.

Unha palmeira pode estar infectada sen presentar vestixios aparentes visíbeis, só cunha boa inspección pormenorizada se pode eventualmente detectar a infestación.

Control editar

O principal método de control da praga é a aplicación sistemática de insecticidas nos túneles escavados arredor de 5 cm por riba das zonas infestadas do estipe. A praga pode ser monitorizada coa utilización de armadillas con feromonas.[Cómpre referencia] Formas de control alternativo inclúen a descontaminación da zona e a utilización maciza de armadillas de feromonas e outros compostos químicos. Están a se desenvolver novas tecnoloxías, incluíndo bioinsecticidas, para controlar esta forte praga das palmeiras.[4][5]

As medidas trala infección son a protección e illamento da zona; a eliminación de todas as follas con motoserras. Tanto o que fique de palmeira (coroa e estípite) coma os restos vexetais deben pulverizarse cun tratamento fitosanitario autorizado a tal fin. A coroa da palmeira envolverase nun plástico dun espesor superior a 200 galgas, para impedir a saída de adultos de escaravello vermello ou a caída dos casulos. Despois é recomendábel cortar o pé (estípite) a rentes do chan e selar con mástic e, se for posíbel, decepar (arrincar a cachopa ou toco). Por último limar a zona e pulverizar todo, incluíndo os restos a eliminar e desinfección das ferramentas. Tamén se pode soterrar a palmeira a polo menos 2 metros de fondo, aplicando o tratamento fitosanitario[6].

Prevención editar

Unha vez que o escaravello pon ovos nos tecidos máis tenros da palmeira, evitar a existencia de cortes e feridas no estipe, xa que pode axudar a reducir a infestación, polo que se deben cubrir as feridas ou cortes con produtos apropiados para cicatrización e protección.

Tamén se debe evitar o transporte e movemento de follas ou restos de palmeiras infectadas, que deben ser eliminadas no mesmo lugar. O escaravello entra tamén polos orificios das palmas cortadas desde o chan até o cume, polo que só as inxeccións localizadas non producen o efecto desexado.

Distribución editar

Esta praga afecta a gran variedade de palmeiras; mais en Galicia son as palmeiras canarias as máis afectadas, por seren as máis comúns.

Palmeiras afectadas editar

Areca catechu, Arenga pinnata, Borassus flabellifer, Caryota maxima, C. cumingii, Cocos nucifera (coqueiro), Corypha gebanga, C. elata, Elaeis guineensis, Livistona decipiens, Metroxylon sagu, Oreodoxa regia, Phoenix canariensis, P. dactylifera (datileira), P. sylvestris, Sabal umbraculifera, Trachycarpus fortunei, Washingtonia spp..[7] Tamén pode afectar a Agave americana, e Saccharum officinarum.

Países afectados editar

Orixe: Bangladesh, Bahrain, Brasil, Camboxa, China, India, Indonesia, Xapón, Kuwait, Laos, Malaisia, Myanmar, Omán, Paquistán, Filipinas, Qatar, Arabia Saudita, Sri Lanka, Taiwán, Tailandia, Emiratos Árabes Unidos, Vietnam, Papúa-Nova Guinea e Illas Salomón. Foi reportada máis recentemente na Eslovenia, Francia, Italia, Malta, Grecia, España, Portugal, Turquía, Chipre, Siria, Marrocos, Aruba e os Estados Unidos.

Península Ibérica editar

En España apareceu o primeiro foco en Granada en 1995, de aí pasou ao País Valenciano en 2004, Cataluña e Murcia (2005), Illas Baleares e Illas Canarias (2006), Aragón (2009).

En Portugal os primeiros ataques de escaravello vermello foron detectados en setembro de 2007 en palmeiras emblemáticas no Algarve. En 2011 a praga xa tiña atinxido Silves, Ferreira do Alentexo, Porto Covo, Setúbal, Cascais, Oeiras, Lisboa, Montemor-o-Novo e Porto.[8]

Galicia editar

En xaneiro de 2013 detéctase o primeiro caso en Galicia, no concello de Gondomar (Pontevedra). En 2015 xa se olla por Baiona, Vigo e Nigrán[6].

Notas editar

  1. "Zipcodezoo". Rhynchophorus ferrugineus (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 07 de agosto de 2013. Consultado o 21 de marzo de 2012. 
  2. Ecoloxistas en acción: Bicudo vermello. Arquivado 23 de setembro de 2015 en Wayback Machine. Consultado o 28 de setembro de 2011
  3. http://www.drapalg.min-agricultura.pt/downloads/projectos/pragas/Artigo%20-%20Rferrugineus-DSV.pdf[Ligazón morta]
  4. "Evaluation of the Entomopathogenic Fungi Metarhizium anisopliae and Beauveria bassiana against the Red Palm Weevil Rhynchophorus ferrugineus" (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 24 de setembro de 2015. Consultado o 31 de xullo de 2015. 
  5. "PRELIMINARY INVESTIGATIONS INTO THE BIOLOGICAL CONTROL OF RED PALM WEEVIL USING BEAUVERIA BASSIANA" (PDF). Pubhort.org (en inglés). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 24 de setembro de 2015. Consultado o 31 de xullo de 2015. 
  6. 6,0 6,1 Plan de acción para o control do bicudo vermello das palmeiras na Comunidade Autónoma de Galicia; Consellaría do Medio Rural e do Mar. Xunta de Galicia, xaneiro de 2013[Ligazón morta]
  7. "FDACS Pest Alert" (PDF). Doacs.state.fl.us (en inglés). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 02 de decembro de 2010. Consultado o 31 de xullo de 2015. 
  8. "Palmeiras do país estão a morrer". Semanário Sol. Arquivado dende o orixinal o 30 de decembro de 2013. Consultado o 31 de xullo de 2015. 

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar