Elsa Sánchez de Oesterheld

activista arxentina polos dereitos humanos

Elsa Sara Sánchez de Oesterheld, nada como Elsa Sara Sánchez Beis en Buenos Aires o 20 de marzo de 1925 e finada na mesma cidade o 22 de xuño de 2015, foi unha activista arxentina de orixe galega, membro durante décadas das Avoas de Praza de Maio. Foi a muller do escritor, editor e guionista de banda deseñada Héctor Germán Oesterheld, famoso pola súa creación El Eternauta. Tanto o seu marido como as súas catro fillas, tres xenros e dous dos seus netos foron asasinados pola ditadura militar que gobernou a Arxentina entre 1976 e 1983.

Infotaula de personaElsa Sánchez de Oesterheld

Editar o valor em Wikidata
Biografía
Nacemento(es) Elsa Sara Sánchez Editar o valor em Wikidata
20 de marzo de 1925 Editar o valor em Wikidata
Buenos Aires, Arxentina Editar o valor em Wikidata
Morte22 de xuño de 2015 Editar o valor em Wikidata (90 anos)
Buenos Aires, Arxentina Editar o valor em Wikidata
Causa da morteMorte natural Editar o valor em Wikidata (Infarto agudo de miocardio Editar o valor em Wikidata)
Lugar de sepulturaCemiterio de La Chacarita Editar o valor em Wikidata
Datos persoais
País de nacionalidadeArxentina Editar o valor em Wikidata
Actividade
OcupaciónActivista polos dereitos humanos Editar o valor em Wikidata
Membro de
Familia
CónxuxeHéctor Germán Oesterheld (1948–)
FillosDiana Oesterheld (en) Traducir Editar o valor em Wikidata

Traxectoria editar

Naceu en Buenos Aires, sendo filla de Vicente Sánchez Asorey e Ramona Beis, dous emigrantes galegos orixinarios de Loño, Vila de Cruces.[1][2][3]

Casou en 1948 co escritor, editor, guionista e creador de banda deseñada Héctor Germán Oesterheld, a quen coñecera catro anos antes. Tiveron catro fillas chamadas Estela (n. 1952), Diana (n. 1953), Beatriz (n. 1955) e Marina (n. 1957). O seu marido fíxose popular no país grazas ás súas clásicas e innovadoras creacións para a banda deseñada arxentina, comezando pola saga El Eternauta e continuando con destacadas obras como Ernie Pike e Mort Cinder, entre outras.[3]

A principios da década de 1970, tanto Héctor como a súa filla Diana comezaron a militar na Juventud Peronista, á que se uniron máis tarde tamén o resto de fillas.[4]

Asasinato da súa familia editar

A vida de Elsa quedou marcada pola perda de case toda a súa familia por causa dos asasinatos masivos levados a cabo pola última ditadura cívico-militar arxentina que se prolongou de 1976 a 1983. Héctor Oesterheld foi capturado polas tropas do exército en abril de 1977 e posteriormente trasladado a Campo de Mayo. Algúns superviventes dos centros de detención clandestino afirmaron que o viran vivo no centro El Vesuvio, e crese que foi asasinado na localidade de Mercedes en 1978.

Beatriz Oesterheld era a máis nova e a única cuxo cadáver foi recuperado. O 19 de xuño de 1976, Elsa quedou con ela na repostería Jockey Club da localidade de Martínez. Había tempo que non se vían e falaron case dúas horas. Tras despedirse, a moza dirixiuse a Villa la Cava, en San Isidro, pero nunca chegou. Dous días despois, un descoñecido achegouse a Elsa cando ía subir ao tren e díxolle que Beatriz fora secuestrada polo exército. Elsa acudiu á policía e a Campo de Mayo, encontrouse con xuíces e curas e presentou un hábeas corpus. O 7 de xullo foi citada na comisaría de Virreyes e alí comunicáronlle que a súa filla morrera xunto con outros cinco mozos. Entregáronlle o seu corpo e deulle sepultura.[5][2]

Diana Oesterheld tiña 23 anos e un fillo dun ano, Fernando, e estaba embarazada de catro meses cando desapareceu o 7 de agosto de 1976. Militaba na organización Montoneros. Foi secuestrada en San Miguel de Tucumán pola policía tucumá, xunto co seu fillo Fernando, que foi abandonado como "NN" na Casa Berce da capital tucumá. Despois de varios intentos, o neno foi recuperado polos seus avós paternos. A casa onde vivían estaba ocupada por Albornoz, o xefe da policía de Tucumán, e a súa muller. A parella de Diana, Raúl Araldi, foi asasinado en 1977. Diana foi vista na Xefatura da Policía de Tucumán e crese que despois foi levada ao "Campo de Mayo" onde deu a luz.[6]

Marina Oesterheld, tiña 20 anos, cando foi secuestrada xunto coa súa parella, Alberto Oscar Seindus, o 27 de novembro de 1976 en San Isidro. Crese que Marina deu a luz en Campo de Mayo.[7]

Estela Inés Oesterheld, nada o 9 de xuño de 1952, era tamén militante peronista e montonera. Foi secuestrada na zona suroeste do Gran Buenos Aires (Longchamps), aos 25 anos. Segundo testemuños recompilados, o 14 de decembro de 1977 membros da forza policial mataron o seu marido o "Vasco" Mórtola. Ela tratou de escapar e tamén morreu a tiros cun embarazo de catro meses no seu ventre. A parella deixou naquel momento un fillo de 3 anos e medio: Martín Miguel. Os responsables dos asasinatos levaron o neno e presentárono ao seu avó Héctor, que estaba detido nun CCD Tras isto, o neno foi entregado á súa avoa Elsa.

A finais da década de 1970, vítima do terrorismo de Estado imperante, Elsa perdera o seu marido, as súas catro fillas -xunto con tres dos seus xenros- e dous dos seus catro netos (dúas das súas fillas estaban embarazadas no momento dos seus secuestros).

Últimos anos editar

Nos últimos anos da súa vida, Elsa converteuse nunha fervente activista pola memoria e estivo vencellada ao traballo das Avoas de Praza de Maio. O Senado de Bremen creou, na súa sesión do 10 de novembro de 1987, o chamado Premio de Solidariedade de Bremen para honrar o compromiso de persoas e organizacións que traballan para superar a inxustiza nas relacións Norte-Sur e as consecuencias do colonialismo e o racismo. Elsa recibiu dito galardón en nome da Coalición contra a Impunidade na Arxentina e da Comisión de Familiares de Desaparecidos e Asasinados.

En 1998 colaborou con H.G.O., un documental biográfico sobre o seu marido. En 2008 participou no documental Imaginadores, un filme que analiza a evolución da banda deseñada arxentina, utilizando como principal recurso as entrevistas a figuras do medio.[8]

Morreu por un infarto agudo de miocardio mentres durmía na súa casa o 22 de xuño de 2015, aos 90 anos.[9] Os seus restos repousan no cemiterio da Chacarita.[10]

Filmografía editar

  • H.O.G. (1998).
  • Imagineers (2008).

Notas editar

  1. Rivas, Manuel (29 de outubro de 2008). "Un caso estremecedor de aniquilamiento de una familia de gente progresista, de artistas" (en castelán). Consultado o 9 de xullo de 2023. 
  2. 2,0 2,1 Pérez Leira, Lois (2010). Desaparecidos españoles en la Argentina (PDF) (en castelán). Grupo de Comunicación Galicia en el Mundo. ISBN 978-84-937683-5-5. Consultado o 9 de xullo de 2023. 
  3. 3,0 3,1 Rivas, Manuel (21 de setembro de 2007). "O eternauta". El País (en castelán). Consultado o 9 de xullo de 2023. 
  4. G. Calero, César (3 de novembro de 2016). "La extinción de los Oesterheld" (en castelán). Consultado o 9 de xullo de 2023. 
  5. "Beatriz Marta Oesterheld". desaparecidos.org (en castelán). Proyecto Desaparecidos. Consultado o 9 de xullo de 2023. 
  6. "Raul Araldi". desaparecidos.org (en castelán). Consultado o 9 de xullo de 2023. 
  7. "Alberto Oscar Seindus. Marina Oesterheld "Liliana" "Panteri"". desaparecidos.org (en castelán). Consultado o 9 de xullo de 2023. 
  8. "Elsa Sánchez de Oesterheld". cinenacional.com (en castelán). Consultado o 9 de xullo de 2023. 
  9. Vidal, Carme (22 de xuño de 2015). "Morre Elsa Sánchez, a muller que coñeceu os límites da dor na ditadura arxentina". Nós Diario. Consultado o 9 de xullo de 2023. 
  10. "El fallecimiento de Elsa Sanchez de Oesterheld" (en castelán). 22 de xuño de 2015. Consultado o 9 de xullo de 2023.