Eduardo Villot Canal
Eduardo Villot Canal, nado en Ourense cara a 1908 e finado no Alto do Forriolo o 18 de agosto de 1936, foi un mestre e político galego.
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 1908 Ourense, España |
Morte | 18 de agosto de 1936 (27/28 anos) Alto do Forriolo, España |
Causa da morte | paseo, ferida por arma de fogo |
Actividade | |
Ocupación | mestre, xornalista |
Familia | |
Irmáns | Ramón Villot Canal |
Traxectoria
editarFillo de Modesto Villot Varela. Mestre en Ourense, foi profesor do Colexio Sueiro. Afiliado ao Partido Comunista e dirixente das Xuventudes Comunistas, foi colaborador de El Soviet e Espartaco. Foi elixido vogal da Juventud Republicana de Ourense, presidida por Alfonso Pazos, que se constituíu en febreiro de 1931.[1] Foi xulgado pola colocación dun pasquín subversivo no que atacaba ao réxime en novembro de 1932.[2] Tomou parte no mitin comunista celebrado no Teatro Losada de Ourense en decembro de 1932 con Benigno Álvarez, Jesús Carrete e José Silva.[3] Foi detido con Manuel Gómez del Valle, acusados de rebelión; xulgados na Audiencia de Ourense, foron absoltos en marzo de 1933.[4] Foi secretario de axitación e propaganda do Comité Local de lucha contra la Guerra en abril de 1933.[5] Participou no mitin celebrado polo Comité de cursillistas na Casa do Pobo o 31 de maio de 1936.[6] Co golpe de Estado do 18 de xullo de 1936 foi destituído como mestre a principios de agosto.[7] Detido, foi asasinado no Alto do Forriolo, na estrada entre Celanova e Xinzo de Limia, o 18 de agosto de 1936.