Edicións Castrelos

editorial galega
(Redirección desde «Editorial Castrelos»)

Edicións Castrelos foi unha editorial galega fundada en 1964 e radicada en Vigo. A Editorial Galaxia mercouna en 1979.

Edicións Castrelos
Tipoeditorial
Data de fundación1964
SedeVigo
PaísGalicia
editar datos en Wikidata ]

Historia

editar

Fundada en Vigo en 1964, con capital dos irmáns Xosé María e Emilio Álvarez Blázquez, coa finalidade de lograr unha maior penetración social do libro galego mediante a impresión de obras de elaboración menos custosa que as publicadas pola Editorial Monterrey. Até 1967 publicou "Cuadernos de arte gallego", unha colección sobre o patrimonio artístico, histórico e etnográfico de Galicia. Escrita en castelán, publicou textos de Xosé María Castroviejo, Xesús Taboada Chivite, Hipólito de Sa e Xosé Trapero Pardo, con fotografías en branco e negro. Saíron do prelo case vinte e cinco monografías.

Colección Pombal

editar

A colección Pombal estaba destinada á recuperación dos clásicos da literatura galega, aínda que despois publicou obras de autores coetáneos, como Cemiterio privado de Celso Emilio Ferreiro, Adiós, María de Xohana Torres, Contubernio catro de Tomé S. de Alfredo Conde ou Remuíño de sombras de Neira Vilas. Saíron posteriormente Aires da miña terra de Curros Enríquez, Follas novas de Rosalía de Castro, Queixumes dos pinos e outros poemas de Eduardo Pondal, As cruces de pedra na Bretaña de Castelao, e O siñor Afranio, ou como me rispei das gadoupas da morte de Antón Alonso Ríos.

Colección O Moucho

editar

A colección O Moucho tivo como primeiro número Catecismo do labrego de Valentín Lamas Carvajal, asinado co pseudónimo Frai Marcos da Portela. A venda resultou espectacular, chegando a máis de 10 edicións nos tres primeiros anos, difundíndose máis de 30.000 exemplares a 100 pesetas. O seu deseño baseábase en cores vivas e debuxos de Pedro Ruiz Bofill que lle outorgaron moita sona. O éxito deste libro permitiu que a editorial puidese continuar a súa traxectoria e tirar do prelo novos títulos. Co lema "Libros do pobo pra o pobo" publicou 64 obras. Segundo os seus promotores, a colección vendeu en total máis de 300.000 exemplares; máis da metade dos títulos reimprimíronse. Entre outras obras, saíron nesta colección Retorno a Tagen Ata de Xosé Luís Méndez Ferrín, O tío Miseria de Enrique Labarta Pose, A Virxe do Cristal de Curros Enríquez, Pauto do demo de Ánxel Fole, O Maroutallo de Otero Pedrayo ou Pedro Madruga de Vasco da Ponte.

As últimas obras publicadas foron A boda de Reimundo (24 de decembro de 1980), Parábolas chairegas (31 de agosto de 1981), A boda de Esganarello (24 de abril de 1982), A regueifa (24 de abril de 1982), Refraneiro galego (16 de maio de 1983) e Refendas de vida e morte (16 de abril de 1983).

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar

Ligazóns externas

editar