Abrir o menú principal

Pauto do demo

Obra dramática de Ánxel Fole

Pauto do demo é unha obra dramática de Ánxel Fole publicada en 1958 pola Editorial Citania en Buenos Aires. Foi reeditada por Edicións Castrelos en 1970 e 1972 na colección O Moucho, e por Galaxia en 1996 na colección Árbore.

Pauto do demo
Autor/aÁnxel Fole
LinguaLingua galega
Xénero(s)Teatro
EditorialEditorial Citania

CaracterísticasEditar

A obra pódese clasificar como unha comedia. Está baseada na famosa Meiga de Torbeo, parroquia do concello de Ribas de Sil. É unha obra graciosa, enxeñosa e divertida. Nela o indiano Don Pancho, fala un castrapo moi curioso e di unhas cousas con moita graza que os seareiros da cantina escoitan con sorna.[1]

A obra foi levada á escena en 1997 polo Teatro Galileo.[2]

ContidoEditar

Prólogo do autor para a 2ª edición[3]:Editar

"Ós quince anos de ser escrita esta pequena obra, e volvela a ler, ó autor ocúrrenselle moitas cousas. Atópalle gracia, mais... Como se poría a escribir unha obra de teatro quen tan pouco teatro viu? Pouco, inque cecais bon. Vin moito máis cine. E cecais esta obriña teña certa semellanza cun filme folclórico e humorístico... Si a un escritor galego lle pertuntasen o porqué de preferir o galego, daría moitas contestas. De primeiro, porque lle gosta. E lle gosta... porque... Porque unha vez decatouse que o non escribir, e tamén o non falar en galego, é, cuasemente, unha falta de distinción. Como si lle faltase un reforzo á nosa persoalidade. Somos máis individuados si falamos tamén en galego, que si somentes falamos en castelán... A prudente imaxinación é moito máis creadora que a pantasía. Velehí... Por non ser gratuíta. Toda gran obra literaria está, de algún xeito, comprometida coa realidade."

Fala da paisaxe de Quiroga, conta casos de homes de Quiroga e da lingua que alí se fala etc.

Pauto do demoEditar

Conto escénico en tres cadros

A acción desenvólvese nun pobiño das ribeiras do Sil, en tempo de vendima.

 
Río Sil, onde se sitúa a acción da obra
Personaxes
  • O Farón, taberneiro
  • Lucrecia, a súa muller
  • A Subela, irmá da Lucrecia
  • Ramiliño, o tolo, irmán do Farón
  • Don Pancho
  • Tiberio
  • Epifanio
  • Un músico
  • O Carrizo
  • Anduriño
  • A voz da Meiga
  • O escribán de Rendar
  • A voz do Crisanto, home da Meiga
  • A Nisclona, irmá do Crisanto
  • A voz da Helena
  • A voz do Rouco, pai da Helena
  • A voz forte
  • A voz delgada
  • Labregos
  • Xateiros
  • Arrieiros
Cadro primeiro

Decoración: a cociña da tasca do Farón é unha “cociña económica” de ferro, non de lareira. A Lucrecia anda coas potas. Beben e fuman Don Pancho, Tiberio, o Farón, O Carrizo, Epifanio e un músico. É pola noitiña, “máis lusque que fusque”.

Don Pancho é un señorito dun cincuenta e cinco anos que viviu en América. Tiberio é un mozo novo con buratos na pucha. O Carrizo é un home pequecho duns corenta anos. O Farón e o Epifanio son homes xa patróns.

Na conversa o Tiberio quere emigrar, a Guinea, que está de moda. Fálase das Américas e de Guinea, dos moitos perigos que hai, todo esaxerado e con pouco coñecemento. Don Pancho fala en castelán.

Entra o rapaz Anduriño co recado para o señorito de que o foi buscar o señorito de Pacio Vello. Tamén conta que está para morrer a meiga de Torgán. Don Pancho quéixase do atrasada que está aquí a medicina comparada coas Américas. Chega a Subela contando máis do asunto da Meiga. Xa no leito de morte está a traspasar a súa ciencia (o espírito dun médico da Coruña, que é o que fai as curacións) por dez mil reais a unha filla do Rouco, fará o documento o escribán de Rendar. Algúns desconfían da honradez do escribán e se todo non será un timo para lle sacar os cartos ao Rouco. Cóntase de como curaba a Meiga, dun caso en que conseguiu que a doente vomitase dicíndolle que tomara leite dunha veciña parida.

Marchan parte deles e don Pancho paga todo o gasto. Aínda así critícano por falar de xeito tan diferente, iso é darse aires. Escóitanse as gargalladas do Ramiliño, que está tolo. Chega o Píndaro e conta que noutra cantina da Meiga está reunida a xente, que a Meiga entrou nos infernos e queren saber a quen viu. Deciden ir alá. O Ramiliño fala coa súa sombra, lembra cando se viu coa Heleniña e non quere que se meta a meiga.

Cadro segundo

Decoración: na casa da Meiga de Torgán.

A cociña é moi similar á do primeiro cadro. A taberneira é a Nisclona, irmá do Crisanto. Nunha mesa están o Farón, o Carrizo, A Lucrecia, Epifanio, a Subela, o músico, o Píndaro, acabados de chegar. Noutras mesas arrieiros, xateiros e labregos. Figúrase que no andar de arriba están a Meiga, o Crisanto, dúas testemuñas, o Rouco e a súa filla Heleniña. Despois chega o escribán. Desde abaixo escóitanse moi ben as falas dos de arriba.

Hai moito barullo e xente na taberna. A taberneira serve entre insultos. Escóitase contar á Meiga como viu ao secretario de Larouco discutir co demo no inferno. O Farón segue crendo que a Meiga ten pauto co demo. Entra o escribán e a Meiga empeza o traspaso do espírito de don Nicolás á Heleniña entre dores e dicires. Escóitase o escribán ler o documento do traspaso polo que cobra mil reais. A Meiga pide queimada. Os de abaixo comentan os feitos e quéixanse do viño que é moi malo. Tamén que a Meiga tivo tratos co grande Godallo. Segue a lectura do documento por parte do escribán. Escóitanse golpes e ouvea un lobo. Todos collen medo. A Heleniña berra de que a leva o demo, os golpes continúan. Todos pensan que é o demo, mesmo a Meiga que chama por el. A xente foxe arrepiada dicindo que cheira a xofre.

Cadro terceiro

(Moi breve)

A mesma decoración que o primeiro.

A cociña está baleira, entra Ramiliño, trae un bombo, uns cornos de godallo e un foco, fala coa súa sombra. Está todo contento porque a Heleniña xa non será meiga e conta como montou todo o barullo imitando o godallo e como todos o creron e fuxiron a fume de carozo. Volven a Lucrecia, o Epifanio, o Farón, a Subela... comentan os feitos, os medos e como escaparon. O Farón conclúe: Pauto do Demo! E estoura a gargallada do tolo.

NotasEditar

  1. "Enciclopedia Historia Literatura Galega". Asociación Socio-Pedagóxica Galega. Consultado o 16-08-2019. 
  2. Teatro Galileo (Grupo teatral) (1997). ""Pauto do demo" de Ánxel Fole". 
  3. Fole, Ánxel (1972). Pauto do demo. O Moucho, 16 (2 ed.). Castrelos. p. 7.