Ecbatana

Capital dos medos, de verán dos persas aqueménidas, e sede da satrapía de Media

Ecbatana (ou Echbatana) foi a capital do imperio dos medos, capital de verán dos persas aqueménidas, e sede da satrapía de Media durante os períodos aqueménida, parto e sasánida. Esta situada nos montes Zagros, e preto dos montes Mosaalla, Tell Hagmatana e sang-e-sar e do río Alushjerd.

Ritón dourado de Irán pertencente ao período aqueménida. Escavado en Ecbatana. Atópase no Museo Nacional de Irán. Baixo o dominio dos reis persas, Ecbatana, situado aos pés do Monte Elvend, converteuse nunha residencia de verán. Máis tarde, converteuse na capital dos reis partos.

Historia Editar

Antigamente chamábase Hamgmatana (elamita Agmadana, acadio Agamatanu) que querería dicir "lugar de reunión" (o elamita "terra de medos" sería Halmatana). Os gregos chamárona Ekbatana ou Agbatana e os romanos Ecbatana. Na Biblia menciónase co nome arameo Ahameta. En armenio era Ahamatan ou Hamatan e tamén Ekbatan.

Segundo Heródoto, Ecbatana foi capital dos medos desde aproximadamente o 750 a.C.. Deioces foi escollido rei nesta cidade. A cidade foi capturada por Ciro II, que derrotou a Astiaxes sobre o 549 a.C. e levouse os tesouros a Anshan. A cidade foi declarada capital de verán da dinastía e tiña probabelmente o arquivo real. Plinio o Vello di que a cidade era gobernada polos magi (magos = sacerdotes). Darío I fíxose forte en Ecbatana durante a revolta do pretendente medo Fravartes ou Fraortes e, cando foi capturado, foi levado á cidade e foi mutilado e executado (521 a.C.). Artaxerxes II erixiu unha estatua de Anahita ou Anauhed na cidade, pero tamén noutras grandes cidades do imperio. O palacio real é descrito por Polibio.

Alexandre o Grande entrou en Persia o 331 a.C. e visitou Ecbatana por dúas veces: a primeira o 330 a.C. cando marchou desde Persépole en persecución de Darío III ata Ecbatana, onde capturou o tesouro real; o seu lugartenente Parmenio quedou na cidade para supervisar as comunicacións, pero foi pronto asasinado por orde de Alexandre; o tesouro ficou na cidade. A segunda vez foi o 334 a.C. e naquela ocasión morreu nela o seu íntimo amigo Hefestión. As murallas da cidadela serían demolidas (a cidade non tiña murallas exteriores).

No 328 a.C. Alexandre substituíu a Oxidates, sátrapa de Media, por Atropates, xeneral e probabelmente gobernador tamén de Media. O 320 a.C. na reunión de Triparadiso, Ecbatana e a Media do sur foron doadas ao xeneral Peitón. Un tempo despois Peitón foi executado por Antígono e substituído por Orontobates, que era iraniano (sobre 316 a.C.) pero talvez a sede da satrapía se trasladara a Asadabad, ao oeste do Halvand (Alvand).

No 305 a.C. a cidade foi dominada por Seleuco I Nicátor que a conservou despois do 301 a.C.. Antíoco IV Epifanio (175-164 a.C.) cambioulle o nome a Epifania. Sobre esta época foi nomeado sátrapa Timarco de Mileto, quen se rebelou contra Demetrio I (161-150 a.C.) e emitiu moeda na cidade. Tamén Demetrio I e Alexandre Balas (150-148 a.C.) emitiron moeda nela.

O 149 ou 148 a.C. era sátrapa o grego Cleomenes. Despois desta data, entre 147 e 140 a.C. os partos ocuparon a rexión. Os partos mantiveron Ecbatana como capital de verán. O 130 a.C. a contraofensiva de Antíoco VII parouse en Ecbatana. Desde o 87 a.C. a rexión quedou aberta á influencia de Armenia, a cal durou ata o 69 a.C..

O 226 foi ocupada polos sasánidas xunto con toda a Media e a Atropatene. Parece que foi utilizada como capital de verán, pero faltan as evidencies.

O 642 foi ocupada polos musulmáns e desde entón recibe o nome de Hamadán.